Convocatoria do XIII Premio de poesía Victoriano Taibo

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XIII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo.
O prestixioso galardón rexerase polas seguintes BASES:

1.  Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse en papel por quintuplicado, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a. Acompañaranse ás copias en papel un CD ou USB coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2021.
5.  Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.

6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro de poesía no Val Miñor entre os meses xaneiro e marzo de 2022. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio, que se aumentou en 1000 € respecto á anterior edición para cubrir tal circunstancia.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”

Compostela: actividades destacadas do 14 de maio na Feira do Libro 2021

O 14 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Pedro Feijoo asina Un lume azul e outras obras, publicadas por Xerais.
19:00 h. Claudio Otero Eiriz asina A industria galega dos curtumes, publicado por Laiovento.
20:00 h. Pepe Carballude asina De como o Santo dos Croques se fai peregrino, publicado por Hércules, e A pintora libertaria, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xosé Luís Bernal asina Eles e mais eu. Compostelaneando, publicado por Galaxia.

A Coruña: conferencia de María Canosa

O venres 14 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar unha conferencia de María Canosa sobre Emilia Pardo Bazán.
É necesario apuntarse por teléfono, na propia biblioteca ou a través do formulario da páxina web.

Compostela: actividades destacadas do 13 de maio na Feira do Libro 2021

O 13 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
18:00 h. Antonio Raúl de Toro Santos e José Miguel Alonso Giráldez asina Fisterras Atlánticas, publicado por Medulia.
19:00 h. Beto Luaces asina Vicus, publicado por Bolanda.
19:00 h. Anu Pitkanen (tradutora) asina Colores no mar e Sen rastro do gato, publicados por Hércules.
20:00 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
20:00 h. Nee Barros asina Identidade, publicado por Galaxia.