A escritora María Reimóndez faise co I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade

Desde o Concello de Pontevedra:
“A escritora lucense afincada en Vigo María Reimóndez foi a autora galardonada co I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado pola Concellería de Igualdade en colaboración coa editorial Xerais, grazas á súa obra Cobiza. Trátase dunha novela distópica do xénero de ciencia ficción, da que, tal e como explicou a edil Paloma Castro, o xurado destacou “a súa altísima calidade literaria e a novidosa e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e o xénero, as identidades e as orientacións sexuais, así como unha fonda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro no noso planeta despois da crise mundial da Covid-19”.
A presentación da peza gañadora desta primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota tivo lugar o 25 de xuño na Praza de España, nun acto no que participaron, ademais de Castro e da propia Reimóndez, a docente Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia e membro do xurado. Ojea subliñou “a alta calidade das obras presentadas a este pioneiro certame, un total de 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil”.
O xurado, reunido o pasado luns 22 en Pontevedra para valorar as pezas entregadas e dirimir o nome da gañadora, estivo formado por Ana Ojea, a coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero, en representación da Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra; a tamén docente Anxos Rial, profesora do IES Sánchez Cantón e coordinadora de clubs de lectura xuvenís, e a escritora Eva Mejuto, coordinadora do programa municipal pola diversidade Pinto e Maragota. Ademais de votar por maioría a obra presentada por Reimóndez co título de Cobiza, os membros do xurado tamén resaltaron “a calidade e interese” de dúas obras: o poemario que se presentou co título de Contra Natura e a obra xuvenil As Sentinelas do Silencio.
A concelleira de Igualdade lembrou que o Premio Pinto e Maragota, “o primeiro certame literario galego que se centra no ámbito LGTBIQ”, está dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros. “O traballo premiado -sinalou- será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará con María Reimóndez un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual”.
Pola súa banda, María Reimóndez amosouse “orgullosa” de terse convertido “na primeira gañadora deste premio” e de “ser recoñecida entre as iguais, porque son unha persoa cunha traxectoria e sempre é un desafío enviar unha novela anónima con este tipo de contidos, que máis que tratar unha temática, propoñen unha ollada ou perspectiva”. Reimóndez afirmou que este tipo de iniciativas son unha oportunidade para reivindicar e lembrar que, para autoras non heterosexuais como ela, existen “aínda moita oposición e moita violencia por parte da crítica” cando presentan as súas obras.”

Marcos Abalde gaña o Johán Carballeira de Poesía con Alcatrán

Desde Nós Diario:
“Marcos Abalde Covelo resultou gañador do XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario titulado Alcatrán. O xurado, conformado por Arancha Nogueira, poeta e gañadora da pasada edición, Mercedes Queixas, escritora e mestra de lingua galega, e Lara Dopazo, poeta marinense, salientou que se trata dun poemario “cun gran traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local”.
Así mesmo, salienta que os versos destacan pola súa concisión, e por unha unión perfecta entre fondo e forma. Na acta, o xurado quixo mencionar tamén outra obra, Invernía, que chegou ata o final e que consideran tamén de gran calidade.
O poemario erixiuse gañador de entre os preto de sesenta traballos presentados ao certame nesta modalidade, polo que o autor farase cun premio de 1.500 euros e a publicación da man da editorial Xerais.”

A Estrada: presentación de Aventuras de Alberte Quiñoi e Estampas desde o val, de Manuel García Barros

O Observatorio da Cultura Galega constata un impacto da crise maior na cultura que noutros sectores produtivos

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Entre xaneiro e maio creáronse 44 empresas de ámbito cultural segundo as cifras da explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME). Son 11 menos que nese período de 2019, concentráronse na provincia da Coruña e de Pontevedra. O impacto máis grande produciuse no mes de abril, no que se crearon dúas empresas, e supón un descenso do 84,5% respecto de marzo. O ritmo de contracción de empresas do total da economía galega tamén se viu afectado, pero sensiblemente menos, cun 72,1% de baixada. É a primeira fotografía máis actualizada de como a pandemia lle afectou e afecta ao tecido cultural galego.
O impacto no emprego foi severo. As afiliacións á Seguridade Social indican que entre o último día de febreiro e o último día de abril se perderon 1.002 cotizantes no ámbito cultural, o cal supón unha caída do 6,3%, é dicir, 2,1 puntos por riba do total do emprego galego. A baixada non foi igual para todas as ramas do sector cultural: notárono máis as relacionadas coas actividades de creación, artísticas e espectáculos, cunha baixada do 10,4%; seguidas das cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical. A evolución das afiliacións á Seguridade Social nas principais actividades económicas amosa que o decrecemento da cultura está ao nivel da construción, que descendeu un 6,2%. Con todo, tamén achega un dato esperanzador: medraron as afiliacións entre abril e maio máis na cultura (+2,7%) que no conxunto da economía (+1%).
Tras a declaración do estado de alarma acolléronse aos expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) 667 empresas, das que dependen 4.019 persoas traballadoras, que constitúe o 28,7% dos traballadores do sector.
Nunha situación normal, en Galicia impórtase máis do que se exporta. Dentro desta tendencia xeral, as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria, amosan como a exportación descendeu de maneira máis acusada no sector cultural (un 39,4% de baixada) que no conxunto de exportacións totais (23,9% de baixada).
Por outra parte, o Observatorio indica que, no relativo aos prezos, o comportamento foi similar para o conxunto de produtos e os produtos culturais, que tiveron unha pequena repunta en abril (+0,8%), despois de meses de baixadas, cunha variación no que vai de ano do -1,2%.
A crise da COVID-19 afectou, como era previsible, aos plans de lecer da cidadanía. Esta conxuntura revela que que só o 57,8% dos fogares galegos prevé que poderá saír cear, a cafetarías, ao cinema e ao teatro nos próximos tres meses. É un 5,5% menos que no trimestre anterior e a cifra máis baixa dos últimos dous anos.
O Observatorio tamén recolle as estimacións de evolución do sector cultural realizada polo Foro Económico de Galicia, que ofrecen dous escenarios en función da evolución da pandemia. “A contracción do PIB anual galego en 2020 sería do 8,5% nun escenario menos adverso (confinamento ‘moderado’) e do 12,7% no peor escenario (confinamento estrito)”. A raíz das desagregacións dese estudo e mais dos indicadores observados ao longo deste informe, pódese afirmar que “dentro da cultura haberá un impacto similar ao do conxunto da economía nas actividades de edición e nas cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión e un impacto máis grave que o conxunto da economía para as actividades artísticas e de espectáculos en calquera dos dous escenarios posibles”.
Para esta conxuntura, o Observatorio da Cultura Galega empregou numerosas fontes. Os datos relativos á creación de empresas pertencen ao Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME); os datos da enquisa de Poboación Activa (EPA), os das afiliacións á Seguridade Social mais os dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) permiten trazar os efectos desta crise sanitaria no emprego cultural. Os datos de comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais proceden dunha explotación elaborada polo Instituto Galego de Estatística a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria. O IGE é a fonte dos datos da evolución do IPC e da confianza dos consumidores.”

Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 26 de xuño

O 26 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Anxo Fariña asina os libros da Serie Os Megatoxos, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. Patricia Rivas Gallego asina Prana Apana, publicado por Galaxia.
19:00 h. María Reimóndez asina O meu avó e o queixo, publicado por Alvarellos, A semente, a árbore e a froita, A formiga destemida, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. Silvia Penas Estévez asina Fronteira Paraíso, publicado por Urutau.
20:00 h. Beto Luaces asina Vicus, publicado por Bolanda.
20:00 h. Antón Mascato asina Atila no Grove, publicado por Positivas.

A MIT de Ribadavia outorga o premio de honra a Marta Pazos

Desde Nós Diario (foto: Miramemira):
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de anunciar que Marta Pazos, directora artística e de escena de Voadora, será recoñecida nesta edición co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas. A MIT de Ribadavia, que se celebrará do 17 ao 27 de xullo, renderá homenaxe a unha profesional que define como “unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo” e que, co seu labor, “propiciou a consolidación dun equipo interdisciplinar no que priman a música e a suxestiva plástica escénica como principais sinais de identidade”.
“Este premio é a constatación dos valores que fomos descubrindo, do acompañamento que este festival foi realizando, das portas que nos fomos axudando a abrir e do moito que lle queda por voar a esta creadora galega universal”, apunta a dirección da MIT nun comunicado. Neste senso, a organización do encontro escénico salienta “a actividade crecente, as investigacións constantes na linguaxe artística contemporánea e a fulgurante proxección de Marta Pazos”, que se manifestan “na cantidade de convites que recibe para dirixir, estrear ou coproducir proxectos con diversas institucións de prestixio no ámbito escénico coma o CDG, CDN, Festival de Almada ou o Teatro Español”.
Pola súa banda, Pazos agradeceu o recoñecemento e definiu a mostra como “moito máis que un festival ou punto de encontro”. “A MIT é unha casa á que volver e da que sempre saímos renovadas polo cariño, apoio e os novos horizontes que abren”, sinala, ao tempo que lembra que o festival, nos últimos anos, coproduciu dous espectáculos de Voadora que naceron a partir de textos de William Shakespeare: Soño dunha noite de verán e A Tempestade. Ao fío, Pazos avanza que o espectáculo que fechará esta triloxía de pezas clásicas, Othello, tamén será coproducida coa MIT e basearase na posverdade e nas violencias machistas.”

Vítor Vaqueiro recibirá a Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2020

Neste 2020 Vítor Vaqueiro recibirá a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E, que chega, así, á súa XXVI edición. O acto terá lugar o 19 de setembro en Santiago de Compostela.

Este é o galardón Letra E de escritor/a, peza escultórica obra de Soledad Penalta.