Carlos Mella: “Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido”

Entrevista a Carlos Mella en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A 70 anos da morte de Castelao, cal é o legado do seu pensamento que transcendeu até o día de hoxe?
– Carlos Mella (CM): Castelao foi o único que lle deu a Galiza unha formulación teórica. Até ese momento Galiza era un sentimento. Castelao, ademais de sentimento, foi quen de darlle unha formulación política, era o único que chegou a escribir o que poderiamos chamar unha idea do que debía de ser a Galiza e a España do futuro.
– ND: Por que se mantén vixente ese legado de Castelao?
– CL: Dío el: “Se non pensamos na Galiza, en que pensamos? Pensamos co estómago?”. É dicir, se lemos a Castelao, vemos que sabe que Galiza é unha nación, sabe que Galiza é un país de homes libres, mais non gusta nada desas historias fantásticas, desas formulacións máxicas que fan de Galiza algo que non sabemos o que é. El dedícase aos problemas reais da Galiza, e é o único que realmente se centra nese eido e trata de por remedio a esas dificultades.
– ND: Cales son as tarefas máis inmediatas a acometer pola Fundación Castelao?
– CL: Na Fundación damos a coñecer e estendemos o pensamento de Castelao, e que máis quixeramos nós que facelo máis. Porque co pensamento de Castelao cada un fixo del o que quixo: hai quen fala dunha Galiza independente apoiada no pensamento de Castelao; hai quen fala de Castelao como un personaxe perigosísimo para a unidade española… o que significa que o pensamento de Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido, e Sempre en Galiza conviña lelo unha vez polo menos.
– ND: Cales foron os logros da Fundación Castelao nos últimos anos?
– CL: Dentro da escaseza terríbel de medios que temos, eu penso que fixemos uns cursos moi importantes para estender o pensamento de Castelao coa universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade de Vigo, co Consello da Cultura Galega, co Concello de Rianxo, co de Lalín, coa Semana Ourensá de Análise Política… acho que fixemos unha boa ristra de acontecementos sobre Castelao e a súa filosofía e a súa política.”

2020: 40 aniversario da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Neste 2020 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega cumpre 40 anos de existencia. Na Asemblea Xeral de febreiro informarase sobre as actividades previstas para este aniversario.

A Estrada: acto de homenaxe no 50º cabodano de Virxinia Pereira

“Con motivo do 50 cabodano de Virxinia Pereira, a Asociación Cultural “Vagalumes” vai lembrar esta muller estradense que pagou co exilio e o espolio dos seus bens o seu compromiso coa causa do nacionalismo galego e a defensa da democracia. Como compañeira de Castelao percorreu o mundo desde Moscova até Nova York, de Cuba a Arxentina, na guerra e no desterro, leal aos ideais da defensa do dereitos de Galiza e das liberdades.
Por todo isto, o luns 23, data do aniversario da súa defunción, temos previsto facer unha homenaxe diante da súa tumba no cemiterio da Estrada ás 17:00 h. e, posteriormente, ás 20:30 h., na sala de exposicións do MOME, un acto de lembranza para dar a coñecer a vida e pensamento desta muller. O acto consistirá nunha intervención escénica baseada nunha entrevista a Virxinia que rescatamos do xornal El Progreso de Lugo do ano 1968. Tamén intervirá no acto a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña, que vén de publicar un traballo de análise da correspondencia de Virxinia; e Xoán Carlos Garrido, quen falará sobre a relación de Virxinia co noso Concello.”

Compostela: inauguración da exposición Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia

Na inauguración estarán presentes Xosé Regueira e Xurxo Couto, vicepresidente a responsable de Cultura respectivamente da Deputación da Coruña; Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco; Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo de Compostela; e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura. O acto tamén contará coa actuación da Coral Solfa. A exposición está comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez.

Pontevedra: conmemoración do 70 aniversario da Colección Benito Soto