Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
O Temple, Cambre: 150 anos de Cantares Gallegos
Compostela: Cantar-te-ei, Galiza
Teo: acto de homenaxe a Avelino Pousa Antelo, o 14 de maio
O martes 14 de maio, ás 20:00 horas, no Parque Avelino Pousa (Urbanización Os Verxeles) de Teo, terá lugar unha reunión aberta para testemuñar afecto polos noventa e nove anos de vida de Avelino Pousa Antelo, memoria activa, e así falarmos asemade de proxectos ao redor del e con el. Tamén se poderá formular a participación das persoas interesadas na creación e desenvolvemento da Irmandade Nacional Avelino Pousa Antelo.
Santiago: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de abril na Feira do Libro
O sábado 4 e domingo 5 de maio serán os últimos días da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 4:
– 13:00 h. Actividade infantil: Touporroutou. Contacontos baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño, realizado por Ana Carreira.
– 19:00 h. Barriga Verde. Acto de presentación dos libros Biografía de José Silvent e do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
– 19:00 h. Suso de Toro asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación do libro + cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto, xunto cos autores, Luís Prego e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
– 21:00 h. A Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol presenta o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega.
Domingo 5:
– 18:30 h. Urdime Teatro presenta Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e e Roi Vidal Ponte.
– 19:00 h. Encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Kathleen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.
– 19:00 h. Carlos Callón asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
Marín: Rosalía. 150 aniversario de Cantares Gallegos
Ferrol: presentación de Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro
Ferrol: acto poético-musical polo 39º aniversario do 25 de abril
No acto intervirán o músico Manolo Bacallao, os poetas Xosé Leira, Lorena Calaza e Fernando Ocampo. Enrique Barrera fará unha pequena escolma da Revolución dos cravos. Tamén se proxectará o documental Proxecto Zeca, de Pablo Portero (2012), dedicado á figura do poeta e músico Zeca Afonso.
Madrid: coloquio-recital de Vicente Araguas e Luz Pichel, o xoves 25, e aniversario da revista Madrygal, o venres 26 de abril
O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”