Cultura por Afganistán

Ante a chegada ao poder dos talibán en Afganistán e as graves consecuencias que está a ter para a sociedade civil, diferentes entidades e personalidades do mundo da cultura creamos o movemento Cultura por Afganistán, movidas pola defensa dos dereitos e as liberdades e o acceso universal á cultura e a educación como ferramenta imprescindíbel para o desenvolvemento persoal e profesional de calquera individuo.

O obxectivo deste movemento é facer un chamamento aos nosos gobernantes para comprometerse na defensa dos dereitos humanos e na promoción da cultura afgá no noso país e máis aló de todas as fronteiras, así como impulsar unha serie de accións para axudar na saída, a acollida e o recoñecemento de refuxiadas políticas ás artistas e intelectuais afgás, en especial mulleres e membros doutros colectivos en situación de vulnerabilidade.

Le aquí o manifesto.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos manifestar a nosa adhesión a esta iniciativa e animamos a todas as persoas e colectivos do eido cultural e social a que se unan ao movemento Cultura por Afganistán.

Aquí tes a ligazón para te adherires a iniciativa.

Lectura de Alba de Gloria no Pico Sacro, 2021

“A Federación Galiza Cultura (FGC), comunica que, de novo e como sempre, organizado pola A. C. O Galo de Santiago e a A. C. Vagalumes da Estrada, realiza ese acto que, sen interrupcións, se leva a cabo desde 2011. Ese ano conmemoramos o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu persoalmente até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu o Alba de Gloria. A foto do cartaz deste 2021 é (coloreada) a que tiraron como lembranza Castelao e o grupo de amigos que peregrinaron ao Pico Sacro en 1924.
Como desde hai unha década e sempre o sábado antes do Dia da Patria Galega, subiremos de outra vez ás 12 h ao sagrado Mons Illicinus, o sábado 24 de xullo de 2021 para ler no seu cumio ese precioso texto. Porén a celebración do décimo aniversario da subida e lectura do Alba de Gloria, pospoñémola para tempos mellores.
Gardaremos todas as normas que se requiren para acabar co Covid-19.

2021: Programa

12:00 h. Concentración na explanada do aparcadoiro. E desde alí comezaremos a subir o último tramo do monte até chegar a capela.
Na capela, o historiador Héitor Picallo lerá o texto que el escribiu para este acto e cando o remate seguiremos até o curuto.
Izaremos a nosa bandeira na rocha que coroa o Pico Sacro, alí leremos o Alba de Gloria, cantaremos o himno e logo baixaremos até o camiño que conduce as covas.
Xantar-convivio nas táboas das insuas que forma o rio Ulla ao seu paso por Gres (Vila de Cruces).
Para asistir, por razóns de seguridade sanitaria, compre comunicalo ao correo da Federación Galiza Cultura (federacion@galizacultura.gal) ou da A. C. O Galo (comunicacion@ogalo.gal) poñendo o nome e o teléfono dos asistentes.”

O sector do libro mostra o seu rexeitamento á guía da Comisión Europea para a transposición da Directiva sobre os dereitos de autoría

“Diferentes asociacións do sector do libro estatal, entre as que se atopa a AELG, expresamos o noso rexeitamento pola redacción da guía elaborada pola Comisión Europea para a transposición do artigo 17 da Directiva 2019/790 sobre dereitos de autoría no mercado único dixital.
Este artigo estabelece por primeira vez a responsabilidade xurídica das plataformas tecnolóxicas cando nelas hai tráfico de contidos dixitais. En opinión destas organizacións, a pesar de que a Comisión Europea recoñece que este documento non ten carácter vinculante, a forma en que foi redactado, cun carácter case lexislativo, parece que quere outorgarlle un carácter maior ao habitual, extralimitándose nas súas competencias.
O documento elaborado pola Comisión está cheo de conceptos xurídicos indeterminados, encadeados uns con outros, que fan imposíbel a súa implementación, creando unha grande inseguridade xurídica.
Á hora de pór en marcha unha regulación nova sobre un dereito, consideran que é preciso crear a máxima claridade e seguridade xurídica posíbel, e, polo xa mencionado, a Guía sobre o artigo 17 non mellora a interpretación dese precepto concreto. Esta guía pode colaborar a que a transposición do artigo 17 resulte tan complicada como o está a ser a do artigo 15 da mesma directiva naqueles estados que xa a encararon.
En opinión destas organizacións, a Comisión non está sendo neutral neste proceso. Como revela unha análise filolóxica, utiliza unha linguaxe máis coactiva en relación ás obrigas das/os titulares dos dereitos de autoría do que usa para as plataformas. En concreto, esixe máis obrigas e condicións ás/aos titulares do dereito que o que se lles esixe ás plataformas. Mesmo crea dereitos que non existen no texto literal da directiva.
Por este motivo, as organizacións confían en que a Comisión rectifique e retire a ‘guía’ enviada aos estados, de xeito que se consiga unha transposición da directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital que garanta acaidamente os dereitos de propiedade intelectual.

Asociacións asinantes:
– Asociación Colegial de Escritores de España (ACE).
– Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Associaciò d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC).
– Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA).
– Asociación de Escritores de Castilla-La Mancha (AECLM).
– Asociación Navarra de Escritores – Nafar Idazleen Elkartea.
– Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).
– Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea (EIZIE).
– Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
– Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE).
– Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos (VEGAP).”

“Manifesto da poesía galega de base”

Desde Gazeta:
“Sostemos que para facer unha casa é preciso comezar desde os alicerces, porque ben sabido é que a forza de calquera construción reside na súa base.
A poesía galega contemporánea goza de grandes creadores e creadoras, peza imprescindíbel que nos fai medrar coa lectura dos seus versos, mais tamén están as persoas indispensábeis, lectores e lectoras que teñen fame, as famentas de poesía!
Todas as persoas que conformamos a poesía de base, constituímos un espazo mestizo de poetas e lectorando fértil, catalizador de creación poética e canle de difusión e socialización da poesía.
A poesía de base é o movemento cultural cidadá composto por agrupacións poéticas que apoiamos e difundimos a poesía, unindo a diferentes creatividades coa característica da convivencia harmoniosa de estéticas, estilos e temáticas diferentes.
Así, para unhas a poesía é instrumento para denunciar situacións de marxinación e inxustiza, na búsqueda da defensa da parte máis débil do tecido social, para outras é ferramenta para concienciar á sociedade sobre a realidade que nos toca vivir propoñendo escenarios alternativos, noutros casos, como canle para expresión da creatividade meramente simbólica, intima e persoal ou de crise existencial.
E en todo caso poder sentir a presenza do colectivo que comparte as mesmas inquedanzas, onde voluntariamente participamos creadores de diferentes idades, estéticas e sensibilidades, mais que compartimos a necesidade de participar en común e alimentármonos das creacións e iniciativas colectivas das agrupacións.
Porque a poesía é unha maneira poliédrica de mirar o mundo, de encher de beleza e reflexión a paisaxe da existencia. E nós respiramos poesía a cotío, viaxamos a cabalo dela. Xunto coa nosa fala propia é a casa que habitamos, a ponte que nos une. Se a isto engadimos unha rede humana que abrangue toda esa bagaxe, temos un espazo social para fornecer e acoller todo ese potencial creativo que medra no espazo aberto do noso país.
Fagamos da poesía de base unha buguina que fomente a creación poética e a espalle na nosa terra e mesmo alén do mar.

VERSOS DE AREA
NPG NOVA POESÍA GUITIRICA
IRMANDADE POÉTICA E ARTÍSTICA GALAICO-LUSA
COLECTIVO LITERARO IN NAVE CIVITAS
NÓMADES DO VERSO. GRUPO POÉTICO ANTÓN BORRAZÁS.
COLECTIVO LITERARIO MORAIMA, A GRAFÍA DA EMOCIÓN.”

Feministas piden que a loita das mulleres non se use para impedir que Meirás se dedique á memoria antifranquista

Desde Nós Diario:
“Mulleres representativas do ámbito do feminismo e a cultura fixeron hoxe público un manifesto para solicitar á Xunta que non utilice a súa loita como escusa para intentar evitar que o Pazo de Meirás se converta nun centro dedicado á memoria antifranquista.
As asinantes entenden que tras décadas de traballo para que o Pazo pasase a mans “do seu lexítimo propietario, o pobo galego” é o momento “de mudar o seu significado e convertelo no símbolo de restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade”, que foi precisamente o obxectivo que perseguía esa loita.
O texto foi promovido por tres mulleres: a xornalista Montse Fajardo, a presidenta da A. C. Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, e a poeta Marta Dacosta e sae á luz respaldado por moitas outras, integrantes do mundo da escrita, o xornalismo, o teatro, o audiovisual, a filosofía, o ensino, o sindicalismo e nomeadamente a loita feminista, aé achegarse ao cento.
Tamén quixeron apoiar o manifesto colectivos como o Soño de Lilith, Colectivo Feminista de Pontevedra, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, A Bella Otero ou Comanzo Mazá así como integrantes de Galegas 8M, a Marcha Mundial das Mulleres, 19 de Meirás, Escolas Asociadas da Unesco, AELG ou IGM.
As persoas que queiran sumarse poderán facelo a través desta ligazón, onde se pode consultar a listaxe de apoios.
As asinantes entran no debate sobre os usos de Meirás apoiando que se destine “á recuperación e a divulgación da memoria do pobo aldraxado e aniquilado e da súa loita antifranquista desde unha imprescindíbel perspectiva de país, clase e xénero, coa ollada posta tamén na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas (…) e que aínda así foron quen de ser solidarias co pobo perseguido, e resistentes na loita e na transmisión do verdadeiro relato”. Entre elas, citan as propias labregas de Meirás que participaron na revolta de 1933.
Como feministas, as asinantes entenden que cómpre facer visíbel a súa loita e traballar en prol da súa memoria e o manifesto –que fai un recoñecemento explícito á campaña “O feminismo non branquea o fascismo” iniciada semanas atrás nas redes– remata lembrando que o feminismo non agocha a memoria, está inzado dela.”

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans reivindican o plurilingüismo como un patrimonio común

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fan pública a declaración dispoñible nesta ligazón coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán “precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”. “O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan reivindican o seu papel asesor das institucións do Estado e decláranse dispostos a contribuír a “unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas”.
As institucións asinantes entenden que, en coherencia co principio de autonomía, o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con idioma propio recoñecido oficialmente debe ser competencia exclusiva de cada unha delas, e que este “debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán”. Porén, malia recolleren as regulacións autonómicas este obxectivo, a competencia en castelán está plenamente garantida polos distintos modelos que foron aplicados, mais non todos eles garantiron o mesmo fin para o catalán, o éuscaro e o galego. “Como demostran tanto os estudos e as avaliación máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”, salienta o texto.
A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans, como institucións asesoras dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultadas polas institucións do Estado e póñense á súa disposición. “É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, conclúen.”

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.

Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.

Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.

Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.

Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.

Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.

Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.

Te-lo teo, rapaciña.

Teño, santa, non o nego.

Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Anna R. Figueiredo
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2021 #TeusDocesCantares

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

A AELG ante a ampliación da compatibilidade de pensións e dereitos de autoría ás persoas xubiladas de clases pasivas

O Goberno do Estado incorporou, no marco orzamentario de 2021, a ampliación da compatibilidade de pensións e ingresos derivados da Propiedade Intelectual ás persoas xubiladas procedentes do réxime de clases pasivas.

Desde a AELG consideramos un paso adiante esta nova, sempre desde o horizonte de conseguir a compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística para todos os colectivos, nomeadamente os que continúan sen ter resolta a súa situación:

– As persoas perceptoras de pensións de Seguridade Social non contributivas.
– Titulares dunha pensión por incapacidade absoluta permanente.

Ao tempo, agradecemos ao BNG que teña transmitido, a través da acción parlamentaria no Congreso, ao Goberno do Estado a demanda da AELG para a resolución desta problemática.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Lino Braxe, membro desta entidade

Lino Braxe, escritor, actor de teatro, televisión e cinema, locutor de radio e tamén director teatral, finou o 25 de decembro na Coruña. Nado en Mugardos en 1962, a súa creatividade manifestouse en múltiples vertentes: a poesía, a narrativa e o teatro, nomeadamente, destacando a adaptación, xunto a Manuel Rivas, e dirección da primeira representación do Hamlet de William Shakespeare en galego.

Na súa traxectoria destacan algúns premios relevantes, como o Esquío, o González Garcés ou o Illas Sisargas.

Como testemuño da súa posición na vida, deixamos aquí esta resposta a unha entrevista publicada en Noticieiro Galego en 2014: “O teatro ofréceme paixón, a sensación de estar vivo e de compartir esa vida con outras persoas, o que para un solitario empedernido coma min é toda unha regalía. A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor: “O meu anxo, meu todo, meu deus”.”

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

En concreto, así é como respondía á pregunta das razóns que o levaron a escribir:

En 2014 falaba así sobre as liñas de creación da súa escrita:

Aquí podemos velo recitando textos seus en 2005, no marco do V Congreso de Escritores/as do XXV Aniversario AELG:

Renovación do Consello Directivo da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria o 6 de novembro de 2020, de xeito virtual, debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19.
Na Asemblea aprobouse a reestruturación do Consello Directivo da AELG. Neste sentido, aprobouse a incorporación de Anna R. Figueiredo, Cilha Lourenço, Montse Fajardo, Antía Yáñez e Beatriz Maceda, xunto á mudanza na secretaría xeral, en que Cilha Lourenço asume as responsabilidades de Mercedes Queixas (deputada no Parlamento galego).
En concreto, produciuse a mudanza de funcións de Rosalía Fernández Rial, que estaba na vicepresidencia, exercendo de vogal de Novos proxectos, asumindo as responsabilidades da vicepresidencia Anna R. Figueiredo, ademais de coordenar a futura vogalía ou sección de literatura e ensino. Montse Fajardo estará na vogalía de Pontevedra, Antía Yáñez na Coruña ‒axudando tamén na tesouraría‒; e Beatriz Maceda incorpórase como vogal pola Coruña e participará na organización dos paseos literarios e nos traballos relativos á literatura infantil e xuvenil.
Fíxose incidencia tamén na necesidade de reivindicar no posíbel os honorarios para os traballos feitos polas/os escritoras/es, nomeadamente neste tempo de pandemia e gravacións gratuítas.
Alén disto, Cesáreo Sánchez informou de que se ten reunido en Santiago de Compostela con Mercedes Queixas nun grupo de traballo integrado por diversas asciacións e colectivos no Parlamento para tratar a problemática cultural actual, por exemplo sobre o Plan de Lectura que a Administración ten anunciado en varias ocasións, ou de que non existen axudas de apoio á creacion literaria como xa se ten reivindicado desde a AELG na Mesa do Libro e da Lectura, sobre todo para as novas promociones de escritoras e escritores.