Lecturas fantásticas para o confinamento

“En Urco Editora sempre pensamos que a apocalipse tería máis que ver con zombis, coches a reacción feitos de entullo, ou plans secretos para abandonar este mundo e colonizar os satélites dos xigantes gasosos.
Porén, como nos tocou vivir esta praga caracterizada polas longas horas de feche, queremos achegar un pequeno gran de area para que todas pasemos estes tempos escuros o mellor posíbel.
Por iso, en colaboración co departamento de deseño de Sacauntos Cooperativa Gráfica decidimos ir “liberando” algúns dos nosos textos máis senlleiros en forma de ebooks de balde que podedes descargar desde o noso web.
Polo momento están dispoñíbeis os seguintes dous:
“A cidade sen nome”, de H.P. Lovecraft, publicado no volume 1 da nosa Biblioteca Lovecraft.
http://urcoeditora.com/titulos/a-chamada-de-cthulhu-e-outros-contos-de-terror-cosmico/
“A pedra negra”, de Robert E. Howard, publicado no volume Relatos de terror sobrenatural.
http://urcoeditora.com/titulos/relatos-de-terror-sobrenatural-segunda-edicion/
Prestade atención ás redes sociais, pois iremos publicando máis a medida que pasen os días.
Como non, todos eles están publicados baixo licenzas libres que permiten a súa difusión e lectura. Daquela xa sabedes, sentídevos libres de espallalos pola rede de redes!”

As editoras seguen coa actividade sen facturar

Desde Nós Diario:
“Unha das repercusións máis evidentes para o sector editorial atópase, como no resto de actividades económicas, no mantemento do traballo a distancia. A xestión organizativa das novas dinámicas laborais é o que absorbe neste momento a Xerais, segundo nos conta o seu director, Fran Alonso.
“No noso caso é moi difícil, porque empregamos ferramentas técnicas moi complexas”, explica, mais moitas das empregadas non dispoñen das conexións á rede adaptadas ás necesidades dos programas e contidos que manexan. “As dificultades técnicas obrígannos a cambiar plans”, confesa Alonso, “a adiantar unhas datas e adiar outras”. A adaptación ás circunstancias está a ser o que define estas xeiras.
“Malia que se nos permite traballar, non podemos facturar”, explica con claridade e contundencia Francisco Castro, director de Galaxia. As dúas principais fontes de ingresos da industria, librarías e centros de ensino, permanecen pechadas. Así as cousas, “só temos gastos”, recalca.
Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editoras, contempla tamén con desacougo a situación das 40 socias desta última entidade, das que moitas son microempresas que enfrontarán a crise con maiores dificultades.
Porén, para alén das propias editoras, Ballesteros insiste na situación de persoas que as arrodean traballando como autónomas en diversos labores, desde corrección até maquetación, para as que se xeran dúbidas entre a parálise da actividade, acolléndose ás axudas do Estado, ou continuar con ela para evitar repercutir negativamente noutras empresas que si seguen en marcha. Son problemas que terán que abordar nos próximos días, nesta situación insólita e inesperada.
Desde Galaxia, observan os acontecementos con “moita preocupación”, afirma Castro. “Mentres vemos que se promoven medidas urxentes para paliar o efecto económico, ningunha delas vai dedicada ao sector cultural”, denuncia, cando o Produto Interior Bruto xerado por este eido ronda o 2,4%, tal e como reivindicaba hai uns días a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
Paradoxalmente, están tendo especial repercusión “agora que estamos confinados”, opina Castro, os esforzos de cantantes ou cineastas por partillar as súas obras. “A cultura é moi importante, menos cando se trata de considerala desde unha perspectiva industrial”, reivindica o escritor, aludindo ao total esquecemento administrativo dun sector para o que se calculan perdas abisais.
“Isto é unha industria”, insiste tamén Ballesteros, confirmando que vai atravesar unha “situación crítica nas próximas semanas ou meses”. Con todo, o director de Kalandraka chama a “non caer en que as axudas van ser a panacea”, pois o horizonte é conter a “hemorraxia económica”, voltar canto antes á normalidade.
Xerais revela que, desde a comunicación, apostarán en desenvolver unha estratexia de redes que, polo momento, aínda están “comezando a deseñar”. Laiovento, que ofrece todo o seu catálogo en liña, tamén apunta que poden reforzar as redes sociais, pero o seu responsábel, Afonso Ribas, insiste en que “non é ese o lugar idóneo para vender libros”.
Igualmente, desde Galaxia puxarán por “incentivar a venda online”, procurando manter un mínimo de actividade. Porén, esta porcentaxe, segundo revelan as estatísticas estatais da venda dixital ás que Castro nos remite, “non chega ao 4% da facturación total do sector, incluíndo os grandes grupos”. A marxe aquí é, se cabe, máis cativa. “As vendas a nivel dixital no libro galego son anecdóticas”, coincide co resto de persoas consultadas Ballesteros.
Se cadra Kalandraka foi a máis rápida en ofrecer unha reposta online. Desde a pasada segunda feira comezaron a alimentar de contidos a canle Kalandraka TV, con “contos contados” para amenizar a reclusión das máis pequenas. É unha aposta en “acompañar as persoas” durante o confinamento, explica Ballesteros, encargado de narrar a primeira destas achegas, mais trátase de “contido en aberto” que non vai xerar remuneración de ningún tipo. Doutra banda, a campaña que a Asociación Galega de Editoras tiña preparada de animación á lectura, “Mergúllate, le en galego”, terá que saír en dixital.
“Un dos nosos principais problemas é o libro educativo”, explica Alonso. Este tipo de publicacións teñen que estar listas nuns prazos determinados, que nestes momentos se atopan nese limbo difuso e imprevisíbel que depende do desenvolvemento da situación e da recuperación da actividade docente. “Se se ralentiza o noso ritmo de traballo, se non damos cumprido cos nosos plans, é posíbel que non cheguemos a tempo”, advirte.
Por iso a prioridade nestes tempos de urxencia é manter a maquinaria funcionando, coa vista posta en analizar durante os próximos días a estratexia de venda ou as vías de recuperación. Ballesteros considera que, a nivel xeral, vai afectar máis a outros eidos da industria. En todo caso, obriga a reformular os plans editoriais. “Traballamos cun ano de anticipación”, explica, unha previsión coa que é difícil xogar na situación actual de incerteza.
Os esforzos, en xeral, céntranse en manter a actividade “o máis próxima á normalidade posíbel”, confirma Alonso. Castro tamén chama a atención sobre a necesidade de “avanzar na produción” para estar listos cando a emerxencia sanitaria remate. Trátase de que “os custos e o golpe sexan o máis levadeiros posíbeis”, entende Ballesteros.
Na saída deste “proceso de hibernación”, preocúpalle especialmente ao último a situación das librarías, que ficarán moi danadas. Por iso, chama á unidade e solidariedade. A Gala do Libro Galego, que quedará posposta até finais de ano, vai apuntar a “unir forzas” dentro do sector para facer fronte á crise que se aveciña.”

No pasamento de Xulio Amigo

Desde Galaxia:
“O sábado 22 foi moi difícil e duro para os que formamos parte da familia da Editorial Galaxia, pois amencemos coa triste nova do pasamento inesperado do noso compañeiro e director comercial, Xulio Amigo. Traballador incansable, Ilusionado e apaixonado polo traballo, deixa un oco no noso corazón imposible de encher.
Dende a Editorial Galaxia, as súas compañeiras e compañeiros, así como os membros do Consello de Administración, queremos transmitirlle á súa familia, en especial ás súas dúas fillas, motor completo da súa vida, o noso abrazo máis cálido.
Na nosa memoria quedarán as interminables xornadas de traballo con Xulio, sempre cun sorriso, así como a súa fecunda imaxinación creativa que nos sorprendía todos os días.
Xulio repetía sempre que Galaxia era unha prolongación do seu corpo. Así que hoxe sentímonos mutilados, sabedores de que a vida, tan inxusta tantas veces, nos arrincou para sempre un anaco de nós.
Descansa en paz, compañeiro.”

Fran Alonso: “Necesitamos que a Xunta nos acompañe nas nosas accións”

Entrevista de Héctor Pena a Fran Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal é o estado de saúde de Xerais a día de hoxe?
– Fran Alonso (FA): É bo. Acabamos 2019 razoabelmente ben, e eu son optimista e positivo con respecto ao futuro. Tamén hai que ver como vai evolucionando ese futuro, non só con respecto á editorial, senón a todo o libro galego, porque é certo que ás veces cando vemos as cifras de vendas, e non falo da facturación, senón do número de exemplares, é desacougante. Hai libros excelentes que teñen unas vendas baixísimas, o que nos devolve á realidade e fainos ver en que contexto nos movemos e a forma en que nos acolle a sociedade á que nos diriximos, o que nos remite, ao problema da lingua.
– ND: Incidiremos nese punto máis a fondo na entrevista coa directiva da Asociación Galega de Editoras, da que vostede forma parte, e que publicaremos no suplemento Sermos Galiza, mais, considera que a falta de apoios por parte dos poderes públicos, en xeral, e da Xunta da Galiza, en particular, está a acabar lentamente co sector?
– FA: O apoio á lingua é vital, porque os nosos libros están en lingua galega, e se non hai falantes en lingua galega, evidentemente non vai haber lectoras en galego. Logo, resulta fundamental, tamén, a cuestión do acompañamento. Necesitamos que a Xunta nos acompañe nas nosas accións. Non se trata só dunha cuestión económica, senón tamén de acompañamento moral, intelectual… Se queremos avanzar necesitamos, tamén, estar avalados polas nosas institucións. E hai outro punto que me parece moi importante: falo do apoio arredor do ámbito do libro en lingua galega, ás librarías que poñen o libro galego nos escaparates, á crítica e aos medios de comunicación que apostan pola lingua e polo libro no idioma. É dicir, hai que acompañar, tamén economicamente, non tanto ás editoras, senón a toda esa contorna que necesitamos para desenvolver o noso traballo e para achegar o libro galego o público. Eu estiven hai anos en Gales, e as diferenzas son abismais. Chama a atención o intensísimo apoio que tiñan no ámbito promocional a todo o mundo do libro en lingua galesa. Iso é algo que nunca se fixo aquí e que debemos reclamar con forza.
– ND: Conserva Xerais a súa autonomía con respecto a Anaya?
– FA: Si, absolutamente. O que nos piden é que a editorial non dea perdas, que sexa rendíbel, pero iso xa o sabemos por nós mesmos, porque hoxe en día unha editorial que dea perdas non é viábel. Polo demais, temos absoluta independencia para elaborar o noso plan editorial e tomar as decisións que nos parezan oportunas. Hoxe en día hai unha concentración importante no mundo editorial, mais Xerais ten o seu propio espírito desde a súa fundación, e non ten por que cambiar.
– ND: A derradeira pregunta toma un cariz un pouco máis persoal. Na súa web, Fran Alonso segue a definirse como escritor, mais vai para dous anos que non actualiza con novidades a sección Libros. Que queda do escritor? Foi fagocitado polo editor?
– FA: En boa parte si, foi fagocitado (ri). Nestes case dous anos o meu nivel de dedicación foi tan intenso que non fun quen de facer nada. O cambio foi un proceso complexo que requiriu unha dedicación importante, porque como é algo que non esperaba obrigoume a deixar de lado todo o labor creativo, mais espero no futuro poder recuperar o Fran Alonso escritor.”

Sobre a delicada arte da edición

Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“Cada libro é único. Precisa dunha diagramación concreta, dunha cuberta singular, dun papel diferente. A súa caixa tamén varía. E cómpre acompañalo, desde o escritorio da autora até a presentación en sociedade. Máis ou menos velaí resumida a filosofía de Apiario, a editorial promovida polas poetas Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e Antía Otero (A Estrada, 1982) que vén de celebrar o seu quinto aniversario. (…)
Esa preocupación polo obxecto conduciu ás dúas poetas á maior aprendizaxe, entende Tembrás, deste lustro á fronte da editorial: “Soubemos do delicado que é o proceso de edición, o control que precisa. Porque se non mantés ese control, todo pode torcerse”. A pé de obra, da relación coa escritora ao persoal do prelo, das artistas gráficas ás librarías, acompañan cada paso dos libros. No debe, “a cantidade de horas que invistes”, considera Otero. Con ese método sucedeu o que, a primeira vista, podía parecer improbábel: unha editorial especializada en poesía, nada no máis cru da crise, sobreviviu e foi, se non medrando, si avanzando aos poucos. (…)
Nestes cinco anos “pasaron moitas cousas”. Maiormente positivas, pero non só. “Non falaría de dificultades, pero si batemos con cuestións máis sutís”, relata Tembrás. Refírese a certas actitudes machistas, aínda que as coloca en contexto: “A sociedade é como é, e o noso proxecto ten moi en conta o feminismo. E axiña o compensou todo o pulo e o alento que recibimos das lectoras. Esoutros asuntos pasaron a ser irrelevantes”.
A xeito de balanzo provisional, Antía Otero fica co orgullo polo publicado: “Non editamos un só título que non amemos, polo que non sintamos veneración”. E Dores Tembrás imaxina como lles prestaría publicar algún día as estadounidenses Louise Glück ou Sharon Olds.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

Antía Yáñez: “Non ten que vir ninguén salvarme, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Yáñez en Praza:
“Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, Be Water. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. (…)
– Praza (P): A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves?
– Antía Yáñez (AY): Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza.
Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en Be Water quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite. (…)
– P: Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?
– AY: Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza.
Eu escribín Be Water sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton…) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas. (…)
Falamos con Andrea Jamardo sobre este novo proxecto editorial.
– P: David Cortizo e ti traballabades en Urco e nun momento decidides crear a vosa propia editorial. Por que? Cal é voso obxectivo?
– Andrea Jamardo (AJ): Decidimos crear Cuarto de Inverno para ter a liberdade de publicar os libros que a nós nos gustan sen dar explicacións, sendo libres de facer e desfacer ao noso xeito. O noso obxectivo é poder vivir da edición e desfrutar de cada un dos procesos que rodean o mundo do libro.
– P: Non é doado diferenciarse nun sistema editorial coma o galego, cun lectorado tan pequeno. Que distinguirá a vosa liña editorial da de outras editoras pequenas coma a vosa?
– AJ: Estamos aínda a construír a nosa personalidade como editorial pero os nosos libros teñen que falar por David e por min, publicaremos o que a nós nos guste e o que nós como lectores teriamos nos andeis das nosas casas.
Como dis, o sistema editorial galego é complexo, as persoas lectoras que escollen libros publicado no noso idioma é pequeno, mais intentamos sermos positivas en todo o que facemos, poñerlle ilusión e cremos na nosa capacidade de traballo. Do contrario, non iniciariamos este proxecto e, se en Galiza só un 4% da poboación lectora le libros en galego, temos que pensar que hai 96% que aínda pode facelo. A por eles! (…)”