Cartografía dos nomes, de Lucía Durán Paredes, gañadora do II Concurso de poesía Filomena Dato

Desde Apiario:
“Alegrámonos de anunciar que o xurado do Concurso de Poesía Filomena Dato na súa segunda edición, composto por Alejandra Pérez Máquez como presidenta, Míriam Ferradáns, Carlos Negro e Antía Otero, reuniuse o 8 de outubro, na casa consistorial, para deliberar entre os 29 orixinais recibidos. Finalmente seleccionou o orixinal Cartografía dos nomes, de Lucía Durán, que será publicado por Apiario na colección Filomena Dato.”

Ramón D. Veiga e Manuel López Rodríguez foron os gañadores do Premio Arume de Poesía

Desde La Voz de Galicia:
“O poemario Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promove conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación Gálix e a empresa Deleite. As obras premiadas serán publicadas pola editorial Embora. As dúas comparten, en opinión do xurado, unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade.
Mentres que Ramón D. Veiga xa conta cunha boa cantidade de obra infantil, para Manuel López esta é a súa primeira incursión neste campo. A súa obra, apuntan dende a Fundación Neira Vilas, «constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes na nosa literatura» explicando que «o ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral».
Parapluie, apuntan, «é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras». Unha obra, engade a Fundación, «cunha linguaxe áxil e de calidade, na que os recursos poéticos están moi ben empregados e a sonoridade envolve os versos». O premio Arume retoma un galardón creado hai vinte anos por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.”

Álex Mene faise co XXIV Premio de poesía Concello de Carral co seu primeiro poemario: Os puntos do impacto

Desde o Concello de Carral:
“O vigués Álex Mene vén de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-. (…)
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada. (…)”

Baldo Ramos e Eva Veiga, en creación literaria, e Andrade Cernadas e López Carreira, en investigación e ensaio, obteñen o Premio Antón Losada

Desde o Concello do Carballiño:
“Na Casa do Concello do Carballiño, ás 11:00 horas do día 24 de abril de 2021, reúnense os membros do xurado que a continuación se relacionan, para a selección das obras premiadas segundo as bases publicadas para o efecto.
Asisten:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.
Polo Consello da Cultura Galega, don Xosé Manoel Núñez Seixas.
Polo Museo do Pobo Galego, don Mª Xosé Fernández Cerviño.
Pola Deputación de Ourense, don Luís Eugenio González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Mar Lorenzo Moledo.
Pola Universidade de Vigo, don Alexandre Rodríguez Guerra.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Biscaínho Fernandes.
Actúa como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández. (…)
Despois das deliberacións sobre as obras, cunha maior profundidade e expoñendo variedade de argumentos, por unanimidade dos presentes decídese outorgar o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e na modalidade de Creación Literaria: Quérote canto (Ed. Galaxia) de Baldo Ramos e Eva Veiga.
O xurado quere salientar neste premio a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores de lectoras. Velaí o milagre da poesía.
Despois dun pequeno receso, iníciase a selección na modalidade de Investigación e Ensaio. (…)
Logo de novas deliberacións, e nunha derradeira votación, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio Antón Losada Diéguez, na súa XXXVI Edición, na modalidade de Investigación e Ensaio a O Reino medieval de Galicia (Edicións Xerais) de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.
O xurado valorou a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado. (…)”

Xurxo Alonso gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Nós Diario:
“O gañador desta novena edición do Premio Manuel Lueiro Rey resultou ser o escritor e pintor galego Xurxo Alonso, co seu traballo As vaidosas agonías.
Caracterizado polo verso longo, a habelencia rítmica e o gran abano de voces e citas, o poemario resulta ser, segundo o propio xurado, unha obra de elaborada arquitectura e dunha gran ambición estética. As vaidosas agonías fala da loita do eu ante a ruína dun mundo que se desfai no que se demostra a importancia da palabra.
Xurxo Alonso, pintor fundamentalmente de paisaxes abstractas e conceptuais, é tamén recoñecido polo seu labor de escritor, o cal se viu premiado en numerosas ocasións.
O Premio Manuel Lueiro Rey nace como homenaxe ao ilustre poeta que lle dá nome ao propio premio e ten como obxectivo promover a poesía galega. Na súa novena convocatoria, o xurado destacou o bo nivel dos 37 traballos presentados, así como a gran diversidade temática destes.
O xurado, conformado por Luís Cochón, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, xunto coa coordinadora do premio Carmen Carreiro, decidiron outorgarlle o premio a Xurxo Alonso pois, aseguran, o seu traballo impúxose sobre os demais.”

Roberto Rodríguez gaña o Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro 2020

“O gañador da edición 2020 do Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro é o poemario Teimas dun ninguén, de Roberto Rodríguez González, natural de Ourense e que reside en Santa Cruz de Tenerife, o que lle impediu recoller o premio de 700€ en persoa. O outro finalista foi Francisco Javier Fernández Davila, de Nigrán, coa obra Microrretratos, cun premio de 300€. É a decisión do xurado presidido por José Antonio Ponte Far, xunto con Xulio López Valcárcel; María Rey; María López Sández e Diana Varela.
Participou na entrega Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, e Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura (Xunta de Galicia), contando coa actuación musical do dúo Minguante. A obra gañadora será editada pola Dirección Xeral de Políticas Culturais coa entrega de 300 exemplares á persoa gañadora. Esta foi a edición de maior concorrencia de poemarios con 34 traballos presentados.”