AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire obteñen os premios de literatura dramática da Xunta

Desde a Xunta de Galicia:
“AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire veñen de alzarse coas diferentes modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente a Xunta de Galicia co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral.
No caso de AveLina Pérez, obtivo o XXVII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Incidencia muller pedra, mentres que Carlos Labraña resultou dobremente galardoado ao conseguir o XIII Manuel María de literatura dramática infantil por O carteiro de Ximaraos e o XVI Barriga Verde para teatro de monicreques na modalidade de adultos por O Faro. O Barriga Verde na categoría de textos para público infantil é para Andrea Cid Freire por Manchea.
A convocatoria conxunta destes galardóns suma unha dotación de 26.000 euros, dos que 8000 euros corresponden ao Álvaro Cunqueiro, o premio máis lonxevo no seu ámbito en Galicia. O resto de galardóns e modalidades contan con 6000 euros en cada caso. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que estes catro textos sexan publicados dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións.
O xurado deste ano estivo integrado por Mariana Fernández como presidenta e por Fernando Castro Paredes, Iván Fernández, Dani Salgado, Eva Mejuto e María Torres como vogais. Para o seu ditame, valorou 107 orixinais, dos que 62 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 18 ao Manuel María, 19 á modalidade infantil do Barriga Verde e oito á categoría de teatro para adultos deste mesmo premio.
AveLina Pérez repite como gañadora do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, co que xa fora recoñecida en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais, obra que foi levada a escena en 2022 polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos e traducida tamén ao portugués e ao francés. Desta volta, a súa autora resultou premiada por Incidencia muller pedra, obra que o xurado define como un canto á liberdade individual cunha “enorme carga poética”, a partir da que se constrúe “un retrato moi íntimo da protagonista, ao tempo que se poñen na mesa grandes temas de transcendencia filosófica e social: a alienación, a moralidade social e o papel do individuo fronte a sociedade”. A acta destaca, así mesmo, a posta en valor “dunha voz de muller non normativa, sen apelar a lugares comúns, a perspectivas ortodoxas” a través dunha historia “singular e lúcida”, que foxe do convencional para se presentar como unha peza “emocionante, delicada e profundamente intelixente”. (…)
Tamén Carlos Labraña recibira anteriormente o Manuel María para textos teatrais, que levou en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Agora faise coa 13ª edición deste galardón con O carteiro de Ximaraos, ademais de coa 16ª do Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de adultos, con O Faro.
Ao respecto de O carteiro de Ximaraos, valorouse especialmente a súa temática, que aborda “dun xeito sensible, coidado e con profundidade” a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. A importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar están tamén presentes na obra, da que o xurado subliña igualmente a súa calidade dramática, a detallada construción das personaxes e o emprego dunha linguaxe simbólica e metafórica, incluíndo elementos de realismo máxico.
En canto a O Faro, a acta defínea como “unha peza teatral profundamente evocadora, unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal”. “O Faro –continúa o xurado– reafirma, deste xeito, o poder do teatro como ferramenta de resistencia e de lembranza, facéndonos ver que, en ocasións, a única solución para combater as sombras é apagando a luz”. Foi así no caso do protagonista da historia que recupera Labraña: Anselmo Vilar, o fareiro galego de Torre del Mar (Málaga), quen tivo a valentía de manter as luces apagadas para axudar as miles de persoas que fuxían durante A Desbandá, un dos episodios máis terribles e esquecidos da guerra civil. (…)
A terceira galardoada nesta convocatoria dos premios de literatura dramática da Xunta de Galicia é Andrea Cid Freire, recoñecida co Barriga Verde na modalidade de textos para a rapazada por Manchea. O xurado fai fincapé na súa capacidade de “xogar a desmontar os tópicos sexistas dos contos tradicionais” para lles dar a volta e reformular os papeis tradicionais a través da crítica social e “cunha linguaxe rica e áxil que mestura humor e elementos fantásticos, cun destacado uso da rima e a eufonía”. (…)”

Santiago Cortegoso gaña a Bolsa de Dramaturxia do CDG en 2024

Desde Erregueté:
“O proxecto Santa Bárbara, do autor, director e actor Santiago Cortegoso, é o gañador da terceira edición da Bolsa de Dramaturxia da Xunta de Galicia, iniciativa desenvolvida polo Centro Dramático Galego en colaboración cunha ducia de colectivos culturais co fin de seleccionar unha proposta de escrita dramática destinada a ser coproducida pola compañía pública.
A resolución desta convocatoria deuse a coñecer hoxe no Salón Teatro de Santiago, onde Cortegoso recibiu as felicitacións tanto dos directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, como dos representantes do resto de entidades implicadas neste programa de apoio á dramaturxia galega actual: Consello da Cultura Galega, Asociación Galega de Dramaturxia, Academia Galega de Teatro, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación de Profesionais do Circo de Galicia, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Escena Galega, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Federación Galega de Teatro Afeccionado, a erregueté | Revista Galega de Teatro e Unión Internacional de Marionetas (sección Galicia).
Estes colectivos estiveron representados, así mesmo, na comisión de valoración encargada de seleccionar a proposta gañadora de entre as 35 recibidas a partir da convocatoria publicada o pasado mes de xuño. No seu ditame, sublíñase a “gran orixinalidade e actualidade” de Santa Bárbara ao achegar “dilemas sobre a guerra, a fabricación de armas, o ecoloxismo e as relacións familiares, co noso contexto actual e o diálogo interxeracional como liñas centrais do traballo”. Ao tempo, destácase o “forte compromiso político e social” do proxecto, que invita á reflexión.
Santa Bárbara é unha proposta sobre a Fábrica de Armas coruñesa do mesmo nome que arranca no ano do seu peche, en 2017, para contar a historia dunha filla e do seu pai, quen traballou na empresa desde os 17 anos ata alcanzar un posto de alta dirección nela. O conflito prodúcese cando a filla, na súa madurez, adquire uns valores políticos e sociais que chocan contra o que representa o seu pai. (…)
Como gañador da Bolsa de Dramaturxia da Xunta, contará cunha dotación de 6000 euros para a creación dun texto teatral a partir da proposta de Santa Bárbara, para o que dispón dun prazo de seis meses. A partir dese momento, abrirase unha nova convocatoria cara á selección da compañía que levará a escena esta obra en coprodución co Centro Dramático Galego. (…)”

Alberto Ramos gaña o Premio Abrente de textos teatrais con Os servizos prestados

Desde Nós Diario:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos (Santiago de Compostela, 1986) gañou o 19º Premio Abrente de textos teatrais coa súa obra Os servizos prestados, o cal convoca o Concello de Ribadavia (O Ribeiro) a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT).
Segundo informa a MIT de Ribadavia nun comunicado, o xurado concedeu, por unanimidade, este galardón polo seu “interese social, con posibilidade de xerar debate ao redor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que implica de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente”. O premio consiste en 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
Así mesmo, pon o foco na perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais. Destaca polos seus cambios de personaxes, ritmo, ruptura da cuarta parede e uso de metáforas que concede ao texto moito interese escénico e calidade artística.
Ademais, o xurado subliña que “non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fai de Os servizos prestados unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa”.
O xurado está composto pola actriz e dramaturga premiada en 2023, Nerea Brey; o actor Rubén Porto; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika, así como polo director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
Alberto Ramos cultivou diferentes galardóns literarios, o último deles foi o Premio Rafael Dieste co que se estreou como dramaturgo en 2023. Actualmente, traballa na área de comunicación da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG).
Por outra parte, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeu a Iribarne, de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, o Premio do Público deste ano 2024, segundo deu a coñecer esta terza feira.”

Raquel Castro e Esteban Sanesteban Beceiro gañan os Premios Literarios da A. C. O Facho 2024 de Poesía e Teatro Infantil

Francisco Antonio Vidal Blanco gaña o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024

Os dedos e o monstro, de Francisco Antonio Vidal Blanco, acaba de ser recoñecida co Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024, un galardón convocado anualmente pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia co obxectivo de lembrar e honrar a figura de Anisia Miranda.
A obra premiada destaca, fundamentalmente, pola mestría da súa construción dramática e a habilidade na elaboración dos diálogos a través de frases curtas que axilizan o texto e outorgan dinamismo e diversión. Tamén cómpre salientar o feito de poñer en valor a diversidade e a diferenza entre os iguais a través da metáfora dos dedos, polo recurso de tradicións como as adiviñas e a sortes.
O xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, xunto con Euloxio R. Ruibal, dramaturgo e membro da Real Academia Galega.
Francisco Antonio Vidal Blanco posúe unha traxectoria literaria consolidada, tendo sido merecedor de premios como o Laudamuco para textos teatrais do concello de Brión no 2022 ou o Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras no 2003. No ámbito do ensaio, son de resaltar as súas achegas á obra de Murguía e conta con diversas novelas publicadas.
O acto de entrega do premio terá lugar o sábado 25 de maio ás 19:00 horas na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). Ese día presentarase, ademais, o volume premiado na edición anterior: Medo me dá, de Ramón Domínguez Veiga, editado por Embora.”

Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024

Desde Galaxia:
Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024 pola súa obra Fóra de campo.
Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, composto por José Luís Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro Martínez, como secretaria do xurado; hoxe, xoves 16 de maio, na sede da Editorial Galaxia decide, por unanimidade declarar gañadora desta VII edición a obra Fóra de campo, que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosalía Fernández Rial.
O xurado destaca da peza a súa temática acaída ao premio porque tata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso.
Todo isto é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida.
O venres 24 de maio, celebrarase, ás 19 h, no IES Ribeira do Louro a entrega do premio.
Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado.
Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.”

Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023

Desde Nós Diario:
“A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate”, así como “polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República”.
Aliás, o xurado quixo poñer en valor como “a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada”.
O premio recoñeceu na súa pasada edición Josep Maria Miró Coromina, uníndose a unha ampla lista de galardoados, entre os que se atopan Pablo Remón, Guillem Clua, Alberto Conejero, Yolanda García Serrano, Alfredo Sanzol, Juan Mayorga ou Angélica Liddell, entre outros.
O xurado desta presente edición estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte; e como vicepresidenta actuou Almudena Hernández de la Torre Chicote, subdirectora xeral adxunta da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas do Ministerio de Cultura e Deporte.
Como vogais actuaron Aurora Gloria Egido Martínez, proposta pola Real Academia Española; Celia Pereira Porto, pola Real Academia Galega; Maria Aitzpea Goenaga Mendiola, pola Euskaltzaindia; Gabriel Sansano Belso, polo Institut d’Estudis Catalans; Maria Josep Marín Jordà, pola Acadèmia Valenciana da Llengua; Francisco Domínguez Matito, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Nieves Rodríguez Rodríguez, pola Asociación Colexial de Escritores de España-Asociación de Autores de Teatro (ACE-ATT); Luis Alberto de Cuenca y Prado, pola Asociación Española de Críticos Literarios; María del Carmen del Riego de Lucas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Isabel Ortega Sánchez, polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Juana Natividad Escabias Toro, polo Ministerio de Cultura e Deporte, e Josep Maria Miró Coromina, autor galardoado na convocatoria de 2022.”

Vicente Piñeiro gaña o Premio Laudamuco de textos teatrais

Desde Cultura Galega:
“Vicente Piñeiro González (Lugo, 1954) vén de facerse co Vº Premio Laudamuco de textos teatrais, convocado polo Concello de Brión e Edicións Positivas. A obra premiada leva por título Devólvenos ao Xermánico, baseada na figura do xeneral romano Xermánico, pai de Calígula, sobriño neto de Augusto e sobriño de Tiberio, que o adoptou como o seu sucesor. O autor recollerá o seu galardón e os 7.000 euros cos que está dotado, o vindeiro 16 de maio, a coincidir co corenta e catro aniversario da posta en escena da obra Laudamuco, señor de ningures de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) , a quen se busca homenaxear e lembrar coa convocatoria deste certame. Piñeiro González ten unha traxectoria de libros de narrativa baseados en situacións e personaxes da nosa Historia. O texto será posteriormente editado por Edicións Positivas.”

Ramón D. Veiga faise co II Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

“O Premio Anisia Miranda, da Fundación Xosé Neira Vilas, que conta co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, recaeu nesta edición de 2023 en Medo me dá!, de Ramón Domínguez Veiga. A obra gañadora presenta unha excelente construción dramática realizada con grande axilidade nos diálogos, dotada dun sentido do humor que, en todo momento, fixa o desenvolvemento da trama teatral. Así o salientou o xurado, composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto co poeta e dramaturgo Xosé Luna.”