Compostela: Letras Galegas no Gaiás | Antonio Fraguas

Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura súmase cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Antonio Fraguas, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás, para pór en valor o seu labor como investigador e valedor da nosa cultura popular.
Antonio Fraguas foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, institución que prestou unha importante colaboración para a configuración da exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería en Galicia, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.
Así, ao longo do 17 de maio e para celebrar o Día das letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, na Cidade da Cultura organizamos:
– Unhas visitas comentadas moi especiais á exposición Pensar coas mans, nas que destacaremos a súa figura e o seu labor ao fronte do Museo do Pobo Galego, a partir das pezas prestadas para esta mostra artística.
– E, seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada o ano pasado no 17 de maio, as persoas que se acheguen ao Museo Centro Gaiás poderán sumarse á lectura participativa, na que contaremos cunha escolma de textos destacados da súa obra.
A persoa que realizou a escolma de textos, á proposta do Museo do pobo Galego, é Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural.
Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Antonio Fraguas a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa para recompilar, conservar e pór en valor o patrimonio de raíz galego. Ademais, a vosa participación irase compartindo nas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia: Facebook, Twitter e Instagram.
Animádevos a participar e festexar con nós e deste xeito tan activo as nosas Letras Galegas!”

A Coruña: conferencia de Felipe Senén e ofrenda floral en homenaxe a Antonio Fraguas

O 14 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), Felipe Senén falará sobre “Antón Fraguas e Etnografía galega”, nunha actividade organizada pola A. C. O Facho. O mesmo día ás 12:30 horas, no monumento a Curros Enríquez (Xardíns de Méndez Núñez), esta entidade fará unha ofrenda floral en lembranza do autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

LIX Rianxo. Semana do Libro Infantil e Xuvenil 2019

Compostela: Lecturas en homenaxe a Xabier P. DoCampo, o 4 de xuño

“Neste próximo mes de xuño de 2019 cúmprese un ano da morte do escritor Xabier P. DoCampo.
A A.C. O Galo convídate a participar na homenaxe que se vai celebrar a partir das 17:00 horas do martes 4 de xuño de 2019 na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela.
O Acto consistirá na lectura de textos de Xabier P. DoCampo. Os e as participantes porémoslle voz á súa palabra, evitando calquera tipo de discurso. Ás 19:00 horas haberá unha pequena charla da crítica e máxima coñecedora da súa obra María Jesús Fernández.
A participación da A. C. O Galo, o mesmo que a doutras organizacións participantes, consiste na presenza de asociados e amigos que poidan ler un texto.
Por tanto, precisamos persoas interesadas en participar nesta homenaxe a Xabier P. DoCampo lendo un pequeno texto, para o que debedes anotarvos canto antes, e con data límite o 25 de maio, neste correo electrónico comunicacion@ogalo.gal
Agradecemos que nos indiquedes un tramo de media hora entre as 17:00 e as 19:00 para adxudicar a orde das leituras.”

Bueu: Gozosos anos 30