Desde
Sermos Galiza:
“Pontevedra e Rianxo acollerán este próximo sábado a estrea en Galiza da que é a primeira versión para títeres da obra teatral Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.
A estrea da adaptación a marionetas de Os vellos non deben de namorarse presentouse a terza feira 26 de xaneiro no Museo de Pontevedra e os primeiros pases da representación, abertos a todos os públicos, terán lugar o sábado 30 de xaneiro ás 12 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o mesmo día, sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo. En ambos lugares da estrea a función será de balde. En Pontevedra as entradas convite poden retirarse xa calquera destes días pasando polo propio Sexto Edificio do Museo; e en Rianxo, as entradas convite poden retirarse desde unha hora antes do comezo da función, no propio Auditorio municipal.
Os vellos non deben de namorarse de Fantoches Baj está dirixida por Inacio Vilariño. Para deseñar os bonecos -tarefas da que se encargou o propio Inacio e o artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez “Luchi”- a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao. A partir desta semana, a obra estará en distribución co obxectivo de chegar ao público de todos os concellos de Galiza.”
Arquivo da categoría: Homenaxes
A Estrada: Homenaxe a Balbino. Na lembranza de Xosé Neira Vilas
As persoas interesadas poden inscribirse aquí para participar na lectura.
A Coruña: VI Día Lugrís, o sábado 19 de decembro
Fondo pesar na cultura polo home “que vía o mundo desde a pedra de afiar”
Desde
Sermos Galiza:
“A cultura galega volve mobilizarse para despedir a un dos seus: Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista e membro do grupo Brais Pinto. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, en Agrela (A Coruña), onde a sexta feira 18 de decembro, ás 15:15 horas, se lle renderá unha homenaxe.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, a persoa que máis estivo con el nos últimos tempos, dedícalle un sentido post no seu blog: “Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con (…)”
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destaca o Ferreiro “amigo e persoa entrañable, como compañeiro e como irmán maior, xeracionalmente falando”. Da súa actividade como escritor, subliña que “abriu camiños literarios, tentando tamén unha normalidade na literatura galega, facendo unha literatura máis popular que xa se estaba a facer noutras partes”.
“Quixo facer unha inmersión na normalidade literaria coa súa obra”, explica o poeta. “El dicíame que o feito de ser xornalista podía non ser precisamente un aliado, e que iso influía nos temas que trataba”.
“Para min é un referente afectivo e profesional, para min foi un gran trompazo”, di Álvarez Pousa, que compartiu profesión con el en La Voz de Galicia. “Fíxenlle unha entrevista hai pouco e amosábase preocupado porque o pouco que tiña non sabía a quen llo ía deixar, pois quería facelo a alguén que o precisase”.
Del Pousa destaca que “sempre estaba alegre, aínda que era moi socarrón, tiña un sentido do humor moi de Ourense, cunha visión do mundo desde a roda de afiar, vía o mundo a través dela e esa era seguramente a principal metáfora que explicaba a súa maneira de ver o mundo”. Tamén foi un home “moi desafiante, no sentido da necesidade de sentirse libre e dono de si”.”
Xosé Chao Rego, lembranza dun transgresor
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Como homenaxe a Xosé Chao Rego, recóllense partes das súas entrevistas no programa. A versión completa pode escoitarse aquí.”
Vilagarcía: Homenaxe ao poeta Manuel Blanco Mariño
Vídeo de homenaxe a Xosé Neira Vilas desde o IESP Neira Vilas de Perillo (Oleiros)
A
finais de outubro de 2015 o Equipo de Dinamización da Lingua do IESP Neira Vilas de Perillo, Oleiros, decidiu facer un vídeo para o cumpreanos de Xosé Neira Vilas, o 3 de novembro, onde participasen alumnado, profesorado, persoal do centro, etc. A idea era que fose o propio autor IES para estrealo, xa que lle facía moita ilusión. A raíz do seu pasamento, colgouse na páxina do IES. Nesta ligazón pode verse o vídeo. Agradecemos a Inmaculada Otero o envío da información e do documento audiovisual.
No pasamento de Xosé Neira Vilas
No día do seu pasamento a AELG rende homenaxe ao seu Socio de Honra, Xosé Neira Vilas. Non foi só unha testemuña privilexiada da historia de Galiza senón tamén un construtor da máis fermosa historia que nos constituiu aos galegos e galegas.
Puxo as pedras baselares para a construción dunha literatura galega e en galego, e traballou sempre para que os nenos e nenas tivesen unha educación en galego.
DESTA TERRA
Auga, pedra, sol e vento,
aquí a ledicia é tanta
que todo rebule e canta
e o Ulla vaise contento.
Teño nesta terra asento
e un sentimento profundo,
un amor vivo e rotundo
polo val onde nacín,
levo a Gres dentro de min,
son deste anaco do mundo.






