Compostela e Vigo: sesión de Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes

A sesión Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes que terá lugar o vindeiro luns, 8 de abril de 2019 ás 18:30 horas, no Consello da Cultura Galega. O Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia poñen en marcha este programa que ten por obxectivo servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos. Na primavera de 2019 inauguramos en Galicia o ciclo e acollemos, primeiro en Compostela e despois en Vigo, as dramaturgas Patrícia Portela e Lina Pérez. Escoitaremos os seus textos orixinais nas voces de alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões de Vigo “Eu.Experimento” e teremos ocasión de departir coas dúas escritoras nun debate moderado por Afonso Becerra. Por volta do verán, a actividade terá continuidade en terras portuguesas.
Neste enlace pode obter máis información e nestoutro facer a súa inscrición na sesión que terá lugar no Consello da Cultura Galega.
Fichas técnicas das obras:
Escudos Humanos. Uma peça de acção con muitas palavras (2008) de Patrícia Portela
Intérpretes: Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões, Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. en Vigo – Eu.Experimento
Dirección: Vanesa Sotelo
Duración: 20 minutos
Os cans non comprenden a Kandinsky (2017) de Avelina Pérez
Intérpretes: Alumnado da ESAD de Vigo
Dirección: Nuria Montero, profesora e actriz
Duración: 20 minutos

O 9 de abril, ás 16:30 horas, esta sesión de lecturas dramatizadas repetirase na sede da ESAD de Vigo.

Porto: Poesía galega no Porto. Arrincando marcos 2019

PROGRAMA (todos os actos son públicos):

15:30 h. Entrega de cravos vermellos na estatua de Rosalía de Castro, na Praza da Galiza.
17:00 h. Rolda de Prensa.
19:00 h. Recital conxunto dos oito poetas.
21:00 h. Leitura colectiva do texto Que é Galicia?, de Lois Pereiro.
24:00 h. Chamado aos pobos galego e portugués.

A editora compostelá Edicións Positivas acompaña oito poetas galegas-os (que figuran no cartaz e na antoloxía editada para a ocasión), precisamente os oito últimos publicados na editorial, nunha xornada que terá como acto central un recitado conxunto na Livraria Poetria.
Este desembarco, denominado ARRINCANDO MARCOS, é o inicio dunha serie de accións para que as letras galegas e portuguesas teñan un maior coñecemento mutuo, un intercambio necesario, vital.

Pontevedra: Salón do Libro 2019

Desde o Salón do Libro:
“Vinte anos de revolución! Hai unha vella canción que di que vinte anos non son nada, máis para nós vinte anos son -case- todo.
O Salón chegou hai vinte anos á nosa cidade con vontade de revolucionala. E así o fixo, cambiounos á cidade e á nós. Con el aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas, e que non era a rama pobre da Literatura -que din- con maiúsculas. Que as ilustracións non son debuxiños que adornan o texto, que son quen de contar a súa propia historia. Que as lecturas, se son compartidas tórnanse máis enriquecedoras e divertidas. Que os contos lidos ou narrados en voz alta da caloriña ao corazón e arredan o medo e o frío. Que a música tamén serve para inventar universos. Que hai moitos mundos que nunca coñeceremos se non nos atrevemos a mergullarnos nas páxinas dos libros. Co Salón tamén aprendemos que as cousas só medran se se fan con ilusión e co traballo de todos e todas, por iso chegamos ata aquí, por toda a equipa de xente xenerosa que ao longo destas dúas décadas foi deixando o seu tempo, coñecemento, boa vontade, enerxía, devezos e soños, sen os que tería sido imposible celebrar este vinte aniversario.
Esta festa é vosa, de todas as crianzas, familias, docentes, escolas, bibliotecas… que pasastes algunha vez -ou todas as veces- polo Salón, para escoitar contos, lelos ou gozar dos mundos máxicos que tentamos crear coa ambientación cada ano. Moitos chegastes a primeira vez como cativos e cativas e agora nos acompañades como pais e nais, ou traballando con nós, como monitores ou contando contos, impartindo obradoiros… O Salón, igual que a nosa cidade, transformouse e transformounos nestes vinte anos, desde o claro compromiso de as crianzas nesta Boa Vila (que dá de ler a quen pasa) son a medida de todas as cousas. E coincidindo con Borges, de que as cidades son libros que se len cos pés, a nosa lese con pés de neno e de nena, e lese moito mellor desde que o Salón está con nós. Celebremos estes vinte anos e brindamos porque veñan máis vinte!. Aquí pode verse o programa completo.

III Congreso de Estudos Internacionais “Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais”

A Coruña: recital de Lucía Novas e Vera Duarte no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 25 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Lucía Novas e a poeta de Cabo Verde Vera Duarte. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos febreiro 2019.