A Coruña: acto público polo Día das Letras Galegas. Lectura colectiva da obra de Begoña Caamaño

O 10 de maio terá lugar un acto público polo Día das Letras Galegas. Lectura colectiva da obra de Begoña Caamaño, na Coruña, organizado pola AELG, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Área de Cultura da Deputación da Coruña.

O domingo 10 de maio ás 12:00 horas, realizaremos un acto polo Día das Letras Galegas diante do Teatro Rosalía. Esta actividade, organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, chama a ler a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 a Begoña Caamaño, xornalista, escritora, activista en defensa da lingua galega.

A parte musical vaina pór o Dúo Acordeireta, formado por Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea, que interpretarán temas de creación propia xunguida ás raíces e textos de poetas: Rosalía de Castro, Manuel María, Florencio Delgado Gurriarán, Xela Arias…

Mais non hai mellor homenaxe a unha escritora que (re)ler a súa obra e iso é ao que te animamos para ese domingo 10 de maio. Escolle o texto de Begoña Caamaño que máis che guste e vén participar nesa lectura colectiva. Se te animas a ler, cando teñas escollido o texto indícao a través do formulario dispoñíbel aquí. Se non vas ler non é necesario inscribirse.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu socio Fernando Cabeza Quiles

Fernando Cabeza Quiles, polígrafo que destacou pola súa obra sobre a toponimia galega, cultivou tamén outros xéneros, como o ensaio e a narrativa, xunto a centos de artigos sobre temática etnográfica, histórica e social.

O seu exemplo, sempre comprometido na difusión e coñecemento da nosa cultura, fai del un referente unanimente recoñecido por toda a sociedade.

Pere Tobaruela, novo correspondente da Real Academia Galega: “A banda deseñada ou libros con información gráfica recuperan lectorado”

Entrevista de Antón Escuredo a Pere Tobaruela en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Para ser correspondente da Real Academia Galega hai que ter detrás unha traxectoria.
– Pere Tobaruela (PT): Desde logo. Falar da miña traxectoria e dos meus méritos como podes comprender é un pouco difícil mais obxectivamente é así. Unha institución da envergadura da Academia, sobre todo, necesita persoas cunha traxectoria avalada pola súa profesión, polas súas capacidades ou polas titulacións académicas. No meu caso, son unha persoa vinculada á lingua galega e comprometida. Sobre todo, creo que na Academia agora tamén se busca un compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. Nese sentido, a miña traxectoria literaria de todos estes anos é un aval diso, ademais doutras facetas desenvolvidas en Catalunya e aquí no eido da xestión cultural e vinculación máis práctica, non tan literaria. (…)
– ND: Fálase moito de que agora a xente máis nova non le tanto literatura. Que opina?
– PT: Non se trata de ler máis ou menos. Trátase da capacidade de concentración. A dispersión na que vive hoxe inmersa a nosa mocidade polas novas tecnoloxías. Por iso hai unha capacidade moi pouco desenvolvida e a lectura reséntese nese sentido. Mais hai novos rexistros literarios como é a banda deseñada ou como son os libros con máis información gráfica que creo que recuperan ese lectorado. (…)”

Compostela: actos destacados do 3 de maio na Feira do Libro 2026

Compostela: actos destacados do 2 de maio na Feira do Libro 2026