Entrevista a Antón Riveiro Coello no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista co autor do último premio Torrente Ballester de novela por O paraíso dos inocentes. A entrevista pode verse aquí.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020
Ourense: Feira Virtual do Libro 2020, actividades do 9 e 10 de outubro
Vigo: presentación de Benvidos á cidade, de Xurxo Sierra Veloso
Berta Dávila: “A autoficción resultoume a fórmula máis honesta co lectorado e co relato”
Entrevista a Berta Dávila en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que o define como anómalo [Carrusel]? Ten que ver con que sexa unha obra de autoficción?
– Berta Dávila (BD): Polo tipo de libro que é, porque é unha novela breve, enunciada desde unha voz narradora que non é a habitual e porque cando saíu publicado non sabía moi ben como se ía recibir e como se ía ler. Son consciente de que a autoficción é un mal envoltorio, no que caben moitos prexuízos, pero estaba convencida de querer relatar esta historia desde unha perspectiva moi pouco marcada por un narrador externo simulado. E decidín construílo así. Pode supor un risco de cara á recepción e á disposición do libro pero creo que, en xeral, as persoas que o leron entendérono. Foi recibido con moito afecto e iso faime moi feliz. Necesitaba contar esta historia desde unha perspectiva honesta co lectorado e co propio relato e atopei que era a fórmula narrativa que lle acaía mellor á poética do texto.
– ND: En Carrusel hai unha enfermidade, é ela a que leva á escrita ou no proceso da creación agroma a necesidade de falar dela?
– BD: En certo modo, está a idea de que a protagonista fai un exercicio de reconstrución da identidade, que lle permita escribir o pasado e tamén o futuro que lle agarda e, nese sentido, acode ás cuestións que máis decisivamente marcan o seu presente, o seu pasado e a súa expectativa. Entón, a doenza mental que aparece é tratada desde a óptica da propia doente, que era algo que quería facer de determinada maneira. Creo que ten todo o sentido dentro do libro pola relación que presenta unha doenza destas características coa identidade de quen enuncia e coa identidade familiar, no sentido de herdanza xenética e de relación coas persoas que no seu pasado padeceron a mesma doenza, ou coa relación que pode ter a enfermidade coa súa descendencia. De aí tamén o título de Carrusel, que ten que ver coa idea dos cabalos que xiran nunha especie de roda na que hai circunstancias que che tocan, coas que tes que pelexar, e que determinan dunha maneira moi profunda quen es. (…)
– ND: Defina o seu proceso creativo. É un ou son moitos? O mesmo na narrativa que na poesía?
– BD: Creo que, en xeral, o meu proceso creativo non é un, senón que hai un proceso para cada libro. Si que hai algo que é moi constante, e é que son unha escritora de mapa. Din que hai escritoras de mapa ou de compás, aquelas que planifican durante moito tempo ou as que collen un camiño e conducen por el. Para min o proceso da escrita ten moito que ver con que unha novela ou un proxecto medre na cabeza e permaneza moito tempo aí. Que se vaia erguendo un andamio arredor de todo un universo. Despois é cando me poño a construír. Unha vez que sento a escribir, os libros xa levan bastante tempo en min ou en proxecto. Isto é o que máis teñen en común os distintos traballos. Logo, existe unha diferenza notábel entre escribir poesía e narrativa. A primeira ten máis que ver cun proceso case inverso. Van xurdindo os poemas até que me decato de que hai unha colección, e empezo a traballar a arquitectura do libro. Pero, en xeral, cada libro é un proceso distinto e o de Carrusel foi diferente a todos, máis intermitente e máis demorado. (…)”
Tabela dos libros. Outubro de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Ourense: Feira Virtual do Libro 2020, actividades do 7 e 8 de outubro
A Coruña: presentación de O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello, e Granito, de Álex Alonso, o 2 de outubro
Entrevista a Antón Riveiro Coello sobre O paraíso dos inocentes
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.
Antón Riveiro Coello é o autor desta novela tecida a partir destas tres historias, unha novela envolvente, na liña do autor, escrita dende o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.”
Leitura Continuada de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero
Desde a AGAL:
“Na sexta-feira 30 de outubro de 2020 terá lugar a Leitura Continuada do romance Scórpio (1987) que se realizará com motivo do Dia das Letras 2020 dedicadas a Ricardo Carvalho Calero.
O evento, organizado desde a Associaçom Galega da Língua decorrerá a partir das 17 horas no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago. Já podes fazer a tua inscriçom nesta ligaçom: https://carvalho2020.gal/leitura-continuada/.”












