Convocado o 3º Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoræs da AELG

Convocado o Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, baixo o título Contar con-tento. Teoría e práctica da narración oral.

Organiza: Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Aulas: Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, Rúa Quiroga Ballesteros, Lugo.
Duración: 26 horas / 13 sesións semanais de 2 horas cada unha.
Imparten: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e un especialista (Ana Carreira) en narración oral (1 sesión).
Participantes: 25 (maiores de 15 anos).
Calendario: Os martes 23 e 30 de setembro, 7, 14, 21 e 28 de outubro, 4, 11, 18 e 25 de novembro, 2, 9 e 16 de decembro de 2014.
Horario: de 18:00 a 20:00 horas.

Inscricións:
No Rexistro Xeral do concello de Lugo, Ronda da Muralla s/n.
»» FORMULARIO Solicitude Xeral concello de Lugo.
As inscricións realizaranse desde o 30 de xuño até o 12 de setembro de 2014.
Terán preferencia os alumnos/as asistentes aos 1º e 2º Obradoiro de Narración Oral, celebrados en Lugo en 2012 e 2013.

CONTIDOS
-Consellos básicos e exercicios prácticos para narradores orais.
-Recursos non verbais dos contadores.
-Improvisacións dialogadas.
-Oralización. Ferramentas para adaptación de textos escritos.
-O noso contar/cantar e o doutras culturas.
-Ensamblar micro-historias para construír unha gran historia.
-Polo San Martiño, contos ao camiño.
O 11 de novembro desenvolverase, coa participación do alumnado asistente, unha sesión práctica, aberta ao público, no Salón de Actos do Centro Social Uxío Novoneyra.
-Clase maxistral de sobre técnicas de narración oral.
-4 sesións prácticas en centros de convivencia xestionados polo Concello de Lugo.

Máis información: Oficina da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) 981 13 32 33 / oficina@aelg.org

Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia

DesdeAnxos Sumai BiosBardia:
“A nova web da escritora Anxos Sumai (anxossumai.com) é de momento, un espazo no que localizar facilmente a súa obra e os seus datos biográficos, cun deseño áxil e limpo. Mais a intención da narradora é dotala de vida propia a través da creación literaria específica para a páxina electrónica.
De momento, na sección de Relatos, Sumai incluíu textos xa publicados noutros medios, caso da revista Grial, o xornal El País ou Xurdimento, boletín do Centro Galego de Lleida. Mais entre estes, destacan dous títulos que permanecían inéditos até agora: “Doce sensación de amor”, datado no 2011 e “Claustrofobia”, rematado no 2008.
“Claustrofobia” é un relato que se pode definir como de terror, co habitual estilo de intriga psicolóxica que tan ben domina a autora catoiresa. Consegue con mestría traspasar a lectura do plano cotián a un plano literario neste caso aterrador.
“Doce sensación de amor” tamén ten como centro a cotidianidade. Desde a ollada dun neno de cinco anos, con grande economía de medios, Sumai tece unha arañeira de emocións encontradas, cun final moi aberto.
Cada relato dos publicados até o momento vai acompañado dunha fotografía realizada pola autora.
Anxos Sumai pretende ofrecer novos relatos especificamente creados para a web ou rescatados do seu material inédito.

Vilar de Santos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

AXurxo Souto sexta feira 12 de setembro, ás 21:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13), de Vilar de Santos (Ourense), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. No acto participará o propio autor.

10612553_801237456607803_8956652531459786575_n

Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores”

EntrevistaAgustín Fernández Paz a Agustín Fernández Paz en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A viaxe de Gagarin é un relato ambientado na década do 1960 cuxo protagonista é un rapaz que tiña unha idade semellante á súa naquel tempo. É un libro nacido da súa autobiografía?
– Agustín Fernández Paz (AFP): A proximidade entre a idade do protagonista e a miña é un dos factores que inflúen na escolla do tema pero non é o único. Aquela década, na que eu alcanzo a mocidade, penso que ten algo de representativo para toda a sociedade actual, que hoxe vivimos a vida que comezou a espreguizar naquel tempo. Foi a época da liberación da muller, que empezou grazas aos electrodomésticos que lle facían a vida máis agradable, e acabou cunha reivindicación social máis ampla de igualdade. Dos movementos sociais, de París a Praga. En pouco tempo pasaron moitas cousas que influíron no mundo actual: as guerras de Vietnam e a dos Seis Días entre Israel e os seus veciños; a carreira espacial que amosou publicamente a competencia entre a URSS e os EUA; a extensión da loita revolucionaria do Che Guevara a África e América do Sur… E entrementres, en España viviamos nunha ditadura, moi reprimidos e condicionados polo poder totalitario. Moito máis do que a xente de hoxe imaxina, en parte porque callou a idea de que o franquismo era algo así como o que sae na serie de “Cuéntame”. (…)
– B: Como é o seu sistema de traballo?
– AFP: O primeiro é a idea. Pero non funciona coma unha faísca. Eu anoto, anoto moitas cousas pero non necesariamente considero eses apuntamentos como unha bolsa de ideas de novela. Mais logo hai un pensamento que si funciona como punto de partida. Non é un sucedido ao xeito dese tópico do amigo que te encontra e che narra algo que empeza: “con isto que che conto podes facer unha novela…”. Coido que é máis importante a mirada, aquilo que non pasa para todo o mundo, aquilo que só pasa para ti. E é nese momento cando recompilo, agrego ou enriquezo esa primeira semente con cousas que tiña pensadas de antes. O interese sobre o tema escollido vai medrando dunha maneira irracional. Na seguinte fase leo moito sobre o tema. Hai novelas que requiren moita documentación mais incluso nas que non o precisan, intento mergullarme nos temas que van aparecer nela. A partir de aí vou definindo os personaxes, fago fichas biográficas de cada un deles e incluso deseño dun xeito esquemático secuencias que quero que aparezan no libro.
Esa primeira fase remata co primeiro manuscrito. Eu sempre escribo a man e en cadernos de follas amarelas. Esa primeira redacción é coma un xorro da auga dunha fonte, rápido e continuo. Non me preocupo nesa altura nin do estilo nin da coherencia, nin sequera das descricións. Cando chego a un punto no que teño que contar como é unha casa, por exemplo, poño entre parénteses: aquí conto como é a casa e sigo para adiante.
Unha vez que teño ese manuscrito, empeza o traballo de verdade. Paso no ordenador a primeira versión e imprímoa. Ármome de rotuladores de cores e peneiro cada folla a conciencia, até que o mecanoscrito está practicamente cuberto de tinta vermella. Con esas correccións fago unha segunda versión e volta a empezar. Polo xeral, como mínimo fago seis versións antes de que no mecanoscrito, logo da corrección, apenas aparezan subliñados. (…)
– B: E que autores o marcaron a vostede?
– AFP: Houbo nomes moi influentes nalgún momento da vida que logo pasaron a un segundo plano. Na literatura xuvenil é quizais onde se fixaron máis os traballos dos clásicos modernos, que descubrín hai 30 ou 40 anos: Roald Dahl, que é un escritor único, está no alto. Canda el, Gianni Rodari, Ursula Wölfel, Alice Vieira, Michael Ende, Juan Manuel Gisbert e Christine Nöstlinger. Entre os escritores canónicos, sempre me acompañan Franz Kafka, José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Manuel Puig, Julio Cortázar, Xosé Luís Méndez Ferrín… (…)”

O autor acompaña o lector: Xabier P. DoCampo

DesdeXabierDoCampo 2 o blogue Trafegando ronseis:
“Dende hai dous cursos tiña en mente este proxecto, unha serie de vídeos que amosasen que o autor está detrás das páxinas que lemos, que imos avanzando polas liñas que el escribe para cada un de nós. Pero para levalo a cabo os atrancos foron máis dos esperables.
Desta volta, un par de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a amabilidade e xenerosidade de axudarme a que este proxecto vexa a luz e editaron unha serie de vídeos que vos irei presentando ao longo destes días. Pouco a pouco, de seguro, iremos mellorando. Teremos que ir superando algunhas eivas obvias.
Nesta ocasión será Xabier P. DoCampo que nos preste a súa voz mentre lemos O país adormentado.

Taboleiro do libro galego (XXV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna tras o verán o «Taboleiro do libro galego» que, coma sempre, ofrece as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo dos meses de xullo e agosto. O meu agradecemento ás trece librarías que participaron nesta ocasión: Paz, Trama, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Pedreira, Libros para soñar, Á lus do candil, Casa do Libro (Vigo) e Lila de Lilith. Ao tempo a miña gratitude, nestes momentos que lamentablemente pecha as súas portas, á Libraría Carricanta de Betanzos pola súa colaboración, sempre tan garimosa, con este proxecto.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
4º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
5º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais.
6º-. Escrito en cafeterías, Miguel Anxo Murado, Galaxia.
7º-. Salseiros, de Suso Lista, Embora.
8º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
9º-. Os pantalóns nunca foron cousa boa, de Lidia Gómez, Biblos.
10º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Xerais.

POESÍA
-. Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
2º-. Transfusión oceánica,  de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
3º-. Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, Faktoría K.
4º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Alvarellos.
6º-. A distancia do tambor, de Eva Veiga, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
3º-. Guía para o descenso enerxético, A. C. Véspera de nada.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Xerais.
7º-. Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga, edición do autor.

XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.

INFANTIL
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde / Nova Galicia Edicións.
-. As noites de Xián, de Concha Blanco, Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre textos de Rosalía de Castro,Galaxia.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.