Fene: tertulia de Inma López Silva, con Mercedes Queixas, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 22 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, finalizan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Inma López Silva, gañadora do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Lugo en 2007, coa novela Memoria de cidades sen luz, falará sobre esta obra nun acto conducido por Mercedes Queixas.

Santiago: presentación de Oroonoko, de Aphra Behn

O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase Oroonoko, novela de Aphra Behn, traducida ao galego por María Fe González en Hugin e Munin. No acto participa, xunto á tradutora, Alejandro Tobar.

Pontevedra: presentación de Atl, de Manuel Lourenzo González

O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, interveñen Manuel Bragado e Manuel Figueiras. Como peche, actuará o grupo de pandeireteiras Adonairare.

Entrevista a Agustín Fernández Paz no programa Zig zag

O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou ao escritor Agustín Fernández Paz, que resultou gañador o sábado no Premio da Crítica Galicia na categoría de Creación Literaria polo seu libro Fantasmas de luz, publicado en Xerais. Desde a web da editora.

Santiago: presentación de A estrela de Oriente, de Pemón Bouzas

O mércores 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase A estrela de Oriente. Unha historia dos Reis Magos, de Pemón Bouzas, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

A novela de Cris Pavón, Limiar de conciencia, en libre descarga

“Cris Pavón vén de publicar a novela Limiar de conciencia -e a súa versión castelá, Umbral de conciencia– en formato ebook (pd, epub e mobi). Resultou finalista do Premio Xerais Narrativa 2009 e do Premio García Barros ‘Ken Keirades’ 2010 (non publicaron finalistas en web). Aínda así, quizais por ser unha autora inédita e descoñecida, tamén probablemente polas dificultades que atravesa o eido editorial, non puido vela publicada nin nestas nin noutras editoriais e decidiuse a autoeditala baixo licenza Creative Commons. No seu blog podedes ver unha sinopse da novela, así como outros traballos de Pavón. (…)”. Desde Tendencias Galicia Confidencial.

Xavier Alcalá: “Hai moitísimas semellanzas entre Fidel Castro e Franco”

“O titular é unha frase de Xavier Alcalá tirada da entrevista que publicou o Faro da Cultura e na que o autor de Verde Oliva conversa con Lourdes Varela. Entre outras cousas, sinala que escolleu o formato da novela para contar esta historia pola necesidade de protexer a persoas reais. Pódese descargar a conversa completa, en formato PDF aquí“. Desde Galaxia.

Allariz: actos literarios con Miguel Anxo Fernández

O luns 19 de novembro, en Allariz, Miguel Anxo Fernández terá as seguintes actividades arredor do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia:
– De 10:30 a 12:00 h. Tertulia Literaria no Centro Social da rúa do Portelo, con clubes de lectura de Maceda, Xinzo e Allariz.
– De 12:30 a 13:30 h. Encontro do autor con todo o alumnado na Casa da Cultura.