Desde Sermos Galiza:
“A poeta e académica Luz Pozo Garza recibiu na mañá do domingo unha homenaxe ao ser nomeada como filla adoptiva de Viveiro, lugar en que pasou parte da súa infancia e onde exerceu a docencia.
O Teatro Pastor Díaz acolleu unha sentida homenaxe Luz Pozo Garza na mañá do domingo 18 de novembro, cando foi nomeada filla adoptiva de Viveiro. A poeta e académica, que fechou a súa intervención coa lectura de dous poemas que verán a luz nun próximo libro, viviu parte da súa infancia neste concello da Mariña, onde tamén exerceu a docencia durante anos.
O pleno da corporación municipal acordou outorgarlle a distinción a Luz Pozo Garza por unanimidade o pasado 11 de outubro a iniciativa de Luís Fernández e Marisol Prieto e que contou co apoio de máis de 160 veciñas e veciños da localidade. Non é o único recoñecemento que recibe Luz Pozo Garza en Viveiro. E é que no mes de marzo, o claustro da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro decidiu poñerlle o seu nome ao centro educativo, que se sumou así á campaña Nomearnos en feminino do Observatorio pola Igualdade da Mariña.
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), decana das e dos poetas galegos en activo, é membro da Real Academia Galega desde novembro de 1996, ano en que ingresou co discurso Diálogos con Rosalía. É, en palabras da estudosa Rosario Álvarez, “unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral”. O amor, o existencialismo, a patria e a liberdade son algúns dos campos temáticos que explorou nas oito décadas dedicada á poesía.”
Arquivo da categoría: Poesía
Mario Regueira: “Á literatura galega fáltalle un Estado propio”
Entrevista de María Obelleiro a Mario Regueira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É a vez primeira que se centra de cheo na literatura erótica.
– Mario Regueira (MR): Foi un tema que estivo sempre, de maneira transversal, en todas as miñas obras, mais nunca –e é algo que dixen o día da entrega– se me pasara pola cabeza facer unha cousa tan claramente orientada cara a iso nin poñelo tan no foco se non chega a ser pola proposta do premio.
– SG: Quen é Marco Livorno, título tamén da obra gañadora?
– MR: O título pode parecer moi estraño mais marca un nome propio de orixe italiana e Livorno é unha cidade italiana, cun clube de fútbol moi vinculado á esquerda política. É un personaxe fantasmal que chega a unha cidade que é Ferrol e alén de xogar pachangas de fútbol cunha camisola que ninguén recoñece inicialmente vai pasando polas camas de máis da metade do barrio. O poemario está construído desde a perspectiva da marcha dese personaxe, que é o centro dos recordos, das ilusións e das experiencias da maior parte da xente que o coñeceu. Dalgunha maneira, o personaxe reactiva unha cidade derrotada, un barrio periférico, a través da sexualidade, das ganas de vivir e da camaradería. (…)
– SG: Refírese ao proletariado e, precisamente, a súa obra ten unha perspectiva política e social moi marcada tanto na poesía como na narrativa. A que se debe?
– MR: Sempre tratei de non facer literatura comprometida ou social en sentido clásico, pero sempre quixen que as miñas orixes e a miña identidade estivesen presentes. Parte da miña realidade é esa e éo dunha forma moi intensa. Procedo dun barrio da periferia de Ferrol, dunha familia de varias xeracións de traballadores de estaleiros e é unha parte moi marcada da miña realidade. Considero que a clase obreira, o proletariado, segue a ser, por moito que pasase nas últimas décadas, a protagonista da historia con maiúsculas. As cousas interesantes, as realmente relevantes, sobre as que se pode escribir son aquelas que lle pasan á clase obreira, outra cousa é que non o sexa no sentido da novela social atada a un esquema moi prefixado, que era o que se facía antes. Tamén existe a experiencia persoal, por exemplo, en canto á sexualidade, que é algo que aparece no poemario.”
Susana Sánchez Arins: “Estou orgulhosa de que a Através já não seja o espaço único que nos resta às autoras reintegracionistas”
Entrevista a Susana Sánchez Arins no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Parece teres certa predileção pela combinatória de géneros, como já vimos com o seique. Tu contas e eu conto é um livro que contém poesia e narrativa. Umas vezes parece que os poemas estão escritos para os contos e outras que é ao invés. Podes contar-nos um bocado sobre o processo criativo e a decisão de unires num mesmo texto diferentes géneros?
– Susana Sánchez Arins (SA): Alguns dos poemas, como o de “política assistencial”, nasceram da estória que só depois decidi narrar em prosa, e pensei que deviam acompanhar-se, partilhar espaço, assim como mostra de respeito pola ideia primeira; depois nasceram estórias que eu não sabia se ficavam transparentes e pensei em colocar-lhe o poema para marcar aquilo que me interessava, ou oferecer outra visão do mesmo tema, ou mesmo contradizer o discurso dalguma personagem ou narradora. Em realidade, a medida que compunha o livro, vi que umas e outros pediam o acompanhamento: a estória, da síntese poética, o poema, duma estória que o estendesse.
E a cousa é sempre assim, não há vontade inicial minha de fazer cousas raras, juro, mas no processo de escrita encerelho-me, os textos tiram, eu puxo (“não, não, quero escrever normal, deixai-me, deixai-me!”), e sempre acabam por ganhar-me a partida.
– PGL: Formalmente o teu livro tem esse teu tom humorístico, ameno e mesmo oral. Porém, do ponto de vista do conteúdo impera a violência, que se manifesta de muitos jeitos (simbólica, institucional, machista…). É este um livro sobre a dor?
– SA: Não penso que seja um livro sobre a dor, mas sobre a vida. Eu pretendia escrever sobre o quotidiano, e foi no quotidiano que a violência entrou, entra. E quase sempre é essa a violência que fica sem narrar, porque as que interessam são as grandes, as maiúsculas, as públicas. E são estas privadas as que esquecemos porque não são contadas.
Acho que há muito humor nos textos, e que esse humor convive com situações de violência, mais ou menos brutal, mais ou menos subtil. Acho que assim são as nossas vidas. É com certeza o humor, junto com a tenrura (amor, diriam outras), o que faz que possamos erguer-nos, e continuarmos a ser pessoas, por cima dessa violência que sofremos ou presenciamos dia a dia. Isso é o que queria contar. (…)
– PGL: Tenho entendido que tens outros projetos em processamento… Podias-nos adiantar alguma coisa?
– SA: Ai! Devo-me à discrição! Mas posso dizer que estou muito contente porque os dois mais imediatos tenho-os comprometidos com editoras que não são a Através. Quer dizer, estou orgulhosa de que a Através já não seja o espaço único que nos resta às autoras reintegracionistas. Que haja outras editoras que publiquem obras nossas sem comentar nada, por desnecessário, dos nossos nh. Sem sugerir a possibilidade, sequer, de mudar a ortografia. Encontro isso prova dum caminho, pode que lento, mas inexorável, para o binormativismo. E orgulha-me fazer parte.”
Ferrol: presentación de Caderno de Fume, de Antonio García Teijeiro
Casardeita (Ramirás): presentación de Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Compostela: “Asaltos! á letra: poesía”
O 17 de novembro, ás 12:00 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: poesía” (a reserva pode facerse aquí):
“Os ollos da poesía observan o mundo e a nós cun prisma de moitas cores, mais… vémola nós igual?
Neste duelo a tres versos asaltaremos os grandes mitos da poesía, os seus mecanismos de canonización e expansión ou a capacidade dun só verso para construír, desde o minúsculo, un mundo enteiro.
Loitaremos neste ring co poético e contra a poesía, para extraer dela o maior número de visións: a poesía que mira a música, a poesía que mira o canon, a poesía que mira o slam…
Modera: Silvia Penas, poeta, filóloga, performer, e vocalista de Cinta Adhesiva. Púxiles:
– Chus Nogueira, crítica literaria, filóloga e ensaísta galega. Foi presidenta da Asociación Galega da Crítica.
– Antón Blanco, poeta, filólogo e músico. Foi batería de Atrás Tigre.
– Elías Portela, o poeta pontevedrés é Premio Poesía Afundación. Considerado un dos escritores máis importantes da literatura islandesa actual.”