Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (I)

O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Presentación do Simposio e da primeira mesa redonda. Antonio Reigosa:

Isidro Novo: retrato robot. Intervención de José Luis Calvo:

Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías. Intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato:

Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo. Intervención de Yago Rodríguez Yáñez:

A poesía de Isidro Novo. Intervención de Marica Campo:

Tabela dos libros. Xaneiro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e feliz ano!”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.

Paula Carballeira: “Quixen darlles voz aos personaxes dos contos, aos que normalmente non escoitamos”

Entrevista de Montse Dopico a Paula Carballeira en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai quen escolle os camiños máis longos revisa contos clásicos universais. Ou non sei se chamarlles tradicionais… Non es a primeira persoa que fai isto pero, como xorde este libro?
– Paula Carballeira (PC): Pois a verdade é que a primeira idea que xurdiu foi a do bosque. E si, podemos chamarlles contos tradicionais porque son contos da tradición indoeuropea. Son tradición no sentido de que son transmitidos tradicionalmente por distintas culturas. Non son só contos europeos. Están baseados en estereotipos, personaxes que simbolizan unha serie de aspectos: a nena que se perde no bosque, a nena que queda durmida moitos anos, a que se refuxia no bosque… Os mesmos estereotipos repítense en moitos lugares.
O que eu quixen foi partir do punto de vista do personaxe, e non da voz narradora, que é a que nos conta normalmente os contos. E facer isto permíteme reflexionar sobre unha serie de cuestións, coma os papeis femininos nos contos. Trátase, así, de darlle voz no conto aos personaxes aos que normalmente non escoitamos: a voz do lobo, a voz da bruxa…
– P: O título do libro está explicado ao principio: os nenos e nenas prefiren o camiño longo, e non o curto, o atallo que buscan os adultos para non “perder o tempo”. Ao final do libro tamén se di que o camiño longo implica, ás veces, perigos. Pero tamén liberdade. Vida, supoño. Que ten que ver todo isto coa idea do bosque?
– PC: A idea do bosque é, entre outras cousas, unha maneira de reivindicar a liberdade de escoller. Dinnos que se vamos por certos sitios estamos a meternos no perigo, e o que eu reivindico é a liberdade de escoller, de dispoñer do noso espazo, do noso tempo… Ademais, o bosque representa tamén os lugares aos que non prestamos moita atención ata que, por exemplo, se incendian. O bosque pode representar moitas cousas: o perigo, pero tamén o refuxio, a propia natureza…
Despois, en cada parte do libro, o bosque simboliza algo distinto. En ‘O da nena coa carapuchiña vermella’ o bosque é o camiño, e o que lle importa á nena é o camiño e non tanto chegar ao seu destino. En ‘O da nena de pel branca coma a neve’ (Brancaneves) o bosque é refuxio, e en ‘O da nena que durmiu 100 anos’ é protección. En ‘O da nena que atopou a bruxa da casa de chocolate’ (Hänsel e Gretel) o bosque é a casa da bruxa. E neste libro teñen bastante presenza as bruxas, mulleres conectadas coa natureza, co pasado e coa sabedoría… (…)”

Gonzalo Hermo: “Quixen reivindicar os encontros físicos, sexa coa contorna, co outro ou coa propia poesía”

Entrevista de Montse Dopico a Gonzalo Hermo en Praza:
“(…) – Praza (P): Desde o primeiro poema hai unha relación entre a entrada no corazón do bosque e a volta do poema. Por que? Como xorde esa primeira idea da volta ao bosque?
– Gonzalo Hermo (GH): Un libro de poesía parte dunha idea, dunha imaxe ou dun alento, pero é sempre un proceso aberto onde adoitan aparecer elementos que o poeta non tiña previstos. En Celebración ese elemento non previsto foi o bosque, un bosque no que se dicía que non había tempo de entrar. Precisamente o que propón A vida salvaxe é entrar nese bosque. O elemento sorpresa que apareceu n’A vida salvaxe foi o vento. Non tiña ningunha intención de escribir sobre el e resulta que está por todas as partes. (…)
– P: A fraga, a foresta, implica paz, liberación: non hai lingua, nin signo, nin idioma. O que hai é o balbordo da vida: a diversidade (en desorde) das cousas, dos animais… Nun estado de “conciencia borrada”. É como a busca dun lugar pre-social, pre-lingüístico, desde o que atopar a paz, e desde el construír o poema. (Que dea conta do mundo e sexa o mundo en si mesmo, como di outro poema). É algo así? Por que?
– GH: Si que hai algo prelingüístico na natureza que me interesa moito. Algo que non se verbaliza, que sinxelamente acontece. Interesábame achegar o poema a esa posición de acontecemento anterior ao simbólico. En realidade, é algo ilóxico porque o poema escríbese con palabras (e non con emocións, ideas ou experiencias; con palabras e só con palabras). No entanto, a poesía tamén é esa posibilidade da lingua onde a propia lingua está a “flor de pel”. É un espazo desde onde se pode imaxinar o nacemento das cousas, incluída a propia linguaxe. (…)
– P: Corpo, corazón e calor son tres conceptos que aparecen tamén frecuentemente asociados nos poemas. Por que? (Corpo, calor, estaban moito en Celebración. Tamén poden vir de Celebración, por exemplo, os insectos…)
– GH: Son conceptos que sinto como propios. Aparecen e reaparecen nos meus poemas e non fago nada para evitalo. É así e procuro non darlle demasiadas voltas.
– P: Podería dicirse que o poemario se divide en dúas partes. A segunda sería o chamado epílogo, que é unha sorte de autopoética. Por que esa estrutura
– GH: Para min o libro remata co poema que se titula «A vida salvaxe». O epílogo, eses «7 achados sobre o poema», é un engadido que reflicte algunhas aprendizaxes que fun adquirindo ao longo do proceso de escrita. Estiven moi tentado de non incorporalo á edición, pero ao final aí o está, separado do conxunto, pero formando un todo co libro. Hai xente que me dixo que é o que máis lle gusta, así que está ben que estea aí. (…)”

Takekazu Asaka completa a tradución da obra en galego de Rosalía ao xaponés

Desde

valentin garcia e o profesor e tradutor takekazu asaka presentan en rp wakaba syuu

Cultura Galega:
“O profesor da Universidade de Tsudajuku, Takekazu Asaka, un vello coñecido da lingua e cultura galegas, presentou onte en Santiago de Compostela a edición de Follas Novas en xaponés, traducida como Wakaba syuu, coa que se completa a tradución á lingua nipoa das obras en galego de Rosalía de Castro. O libro é unha “escolma representativa” duns 60 poemas traducidos ao xaponés dun total de 137 que compoñen o libro de Rosalía de Castro. A obra conta cun limiar de Anxo Angueira e contou co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Asaka dá ao prelo Wakaba syuu (2018), que cunha escolma representativa duns 60 poemas traducidos ao xaponés dun total de 137 de das cinco seccións nas que se divide a obra (Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos) na que non faltan pezas emblemáticas como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra ou Tecín soia a miña tea súmase ás traducións á lingua nipoa xa feitas dos Cantares gallegos (2002 e 2005) e dos Contos da miña terra (2013) para completar con esta derradeira entrega a edición bilingüe xaponés-galego da obra de Rosalía de Castro.”

“Recordamos a obra poética de Xela Arias”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Editorial Xerais recolle a obra poética de Xela Arias no volume Poesía reunida (1982-2004). Neste espazo cultural falamos con María Xesús Nogueira, responsable da recompilación, quen explica que se trata dun “traballo de anos que responde a unha gran demanda do público por acceder a estes textos”.
O volume inclúe as obras da poeta, dende Denuncia do equilibrio ata o seu derradeiro libro, Intempériome. A creación da poeta afástase da tendencia que dominaba no momento. A súa obra estaba en constante revisión e ruptura, o que deixaba latente certa tensión propia dos anos nos que viviu a escritora.
A recompilación tenta manter “a autenticidade de Xela Arias, que represente como escribía ela”, conta a investigadora María Xesús Nogueira. Coa publicación deste libro, a literatura dá un paso máis para evitar o esquecemento de voces que son fundamentais na cultura galega.
A entrevista pode escoitarse aquí.”