Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 9

O venres 9 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

18:00 h. Tradución das clásicas ao galego, de Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf. Celia Recarey Rendo e Antía Veres.
18:30 h. Recital de poesía: Charo Lopes, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.
19:00 h. Marilar Aleixandre presenta Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, publicado en Galaxia. Intervirán, xunto á autora, Ismael Ramos e Malores Villanueva.
19:00 h. Presentación cruzada das novas publicacións de Isidro Novo: David Cortizo, editor de Urco, quen presentará CO2, poemario publicado por Edicións Positivas, e Francisco Macías, editor de Positivas, presentará O tabú na traslenda, publicado no selo Alcaián de Urco.
20:00 h. Ariel Ninas e a sanfona: recital Entre baleas, poemas de Estevo Creus: Balea2, e Eduardo Estévez: Baleas.
20:00 h. Inma López Silva firmará exemplares de Aqueles días en que fomos malas, publicado por Galaxia.

Tres alumnas do CEIP Alcalde Xosé Pichel entrevistan a Carlos Negro e María Solar

Desde Xerais:
“No derradeiro programa de radio do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco neste curso, tres alumnas entrevistaron a Carlos NegroMaría Solar despois de ler Penúltimas tendenciasMasculino singular e As horas roubadas, a iniciativa da profesora Mercedes Queixas:
Nesta ligazón pode verse a visita de Carlos Negro ao centro, que participou no club lector. E noutrouta ligazón, vemos o peche da tempada radiofónica no centro.
O audio da entrevista radiofónica pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”

Antía Otero: “Reivindico a emoción, unha das poucas cousas que aínda non puideron negarnos”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Otero en Praza:
“(…) – Praza (P): Emocións, sensacións e lembranzas parecen o punto de partida de O cuarto das abellas.
– Antía Otero (AO): Neste libro era importante para min, sobre todo, traballar co concepto de eco. O eco que provocan as palabras. O eco, e a emoción, foron dúas liñas moi importantes na construción de O cuarto das abellas. Moita xente di que o libro lle resultou moi sonoro. E é verdade que están moi presentes os sons, tamén porque aparecen os sons da casa, a música… Mais para min o máis relevante era o concepto do eco como son, e como son no presente. Por iso non é, en realidade, un libro sobre lembranzas -que tamén están-, senón sobre o eco do recordo máis que sobre o recordo en si mesmo.
– P: A estrutura de O cuarto das abellas é coma unha colmea. A editora que creaches con Dores Tembrás chámase Apiario… Por que a abella e a colmea como metáfora?
– AO: O libro comeceino antes da posta en marcha de Apiario. Cando buscabamos un nome para a editora decatámonos de que as abellas estaban presentes tanto na miña escrita como na de Dores. Nas nosas casas familiares facíase a esmelga. Iso foi o punto de partida, máis alá do contido simbólico: a comunidade, o traballo en común, a idea de tecer rede… Tamén era un símbolo moi presente na literatura. Foi natural, por todo iso, chegar ata aí.
En canto á estrutura do poemario, é, si, unha abellariza. Como as partes dun cuarto, sen que ningunha estea por enriba da outra. Sen relacións xerárquicas, senón horizontais. E con isto volvemos á idea do espazo transitado desde o presente. Comprendo que o libro poida ser interpretado como un poemario sobre a infancia, que nos leva ao pasado. Tamén está a morte, que nos remite ao futuro. Pero a miña idea era tratar os temas desde o presente.
Se está o pasado, é desde o eco do que vén de atrás. O rebote do eco. Tamén a morte: un rebote do eco sobre o que vai chegar, sobre o que sabemos que, indefectiblemente, está aí. A morte como algo intuído no presente. Interesábame, en relación cos tempos, mover os marcos do esperable entre o pasado e o futuro. O que quería era o presente da palabra. A presenza da palabra. A presenza e o presente na escrita. (…)”

Tabela dos libros de xuño de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.Vaia para eles catro o meu máis fondo agradecemento por, un ano máis, ter prestado a súa axuda xenerosamente e facer posible esta sección.
¡Volvemos en setembro! Ata daquela, boas vacacións e felices lecturas.”

Taboleiro do libro galego (maio 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos de maio. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e na nosa propia páxina.
Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Miranda, Paz, Andel do libro, Couceiro, Lila de Lilith, Chan da Pólvora e Trama.

Narrativa

  1. Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández. Editorial Galaxia.
  2. Ilustrísima, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
  3. Once portas, de Héctor Cajaraville. Editorial Xerais.
  4. Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
  5. Verán sen homes, de Siri Hustvet. Editorial Hugin e Munin.
  6. A morte do meu pai, de Afonso Eiré. Hércules Ediciones S.A.

Poesía

  1. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
  2. Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Edicións.
  3. A cadencia da fractura, de Isaac Xubín. Editorial Xerais.
  4. A Relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.

Ensaio

  1. Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama. Editorial Galaxia.
  2. Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón. Editorial Xerais.
  3. Non des a esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoráns.

Xuvenil

  1. Corredora, de María Reimóndez. Editorial Xerais.
  2. A soidade das medusas, de Iria Collazo. Editorial Galaxia.
  3. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.

Infantil

  1. A Galiña Azul, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
  2. O principiño, de Antoine Saint-Exúpery. Editorial Galaxia.
  3. Un ronsel de ardora, de Carlos Roberto Álvarez Taboada e Enrique Mauricio Iglesias. Lela Edicións.

Libro CD-DVD

  1. Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
  2. Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.

Banda deseñada

  1. Bichero VI: TI SACHA!!!, de Luís Davila. Autoedición.
  2. Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
  3. Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.

Revistas

  1. Luzes.
  2. Tempos Novos.”