Arquivo da categoría: Poesía
A Estrada: presentación do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo
Entrevista a Raúl Gómez Pato
Desde
a revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como é, no teu caso, o processo de criação literária?
– Raúl Gómez Pato (RGP): O meu proceso de creación literaria é moi lento e sucede sobre todo antes de durmirme. Escribo na miña cabeza, tumbado na cama, e deixo que os versos formen parte desa especie de transo que é o espacio temporal que vai da vixilia ao sono. Despois póñoos a macerar un tempo. Máis tarde, ás veces días, ou semanas, ou meses, escribo. Logo sempre corrixo. Corrixo moito, trato de que as palabras vaian un pouco máis alá do que nun principio ían, como preparalas para un camiño longo. E entón comezo a compor un libro, con fortes nexos de unión entre os poemas. Eu concibo libros, fundamentalmente, non poemas soltos.
– P: Que representa para ti a tradução? Como é o teu processo (re)criativo, neste caso?
– RGP: Para min é fundamental, persoal e colectivamente. Persoal, porque me sinto tremendamente cómodo traducindo. É un labor arduo, pero acarrea tamén enorme satisfacción cando te dás conta do que realmente significa o texto escrito por outra persoa. Traducir é a mellor forma de achegarse ao coñecemento total dunha obra, que, por outra banda, nunca é total. É un camiño cheo de atrancos, pero moi enriquecedor para o tradutor ou tradutora. (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– RGP: A relación é absoluta en todos os sentidos. No deseño, no proceso e mesmo na connotación e na denotación. A arte, en termos globais, é un proceso de elaborar, de crear. Que relación hai entre cores, formas, notas musicais ou palabras? Aquí está a diferenza, só nisto. É o medio, non é outra cousa. Ademais, se partimos da base de que a arte actual é un gran mosaico de interinfluencias, pois non queda moito máis que dicir. A relación é total.
Respecto da miña experiencia nesta relación, é abundante. Eu pinto (agora menos), e gustaríame moitísimo ser capaz de crear música, tocar un instrumento, esculpir ou facer fotografía; claro, facéndoo ben.
Polo demais, teño moi boa relación con algúns músicos, actores e actrices, fotógrafos, videocreadores… e comparto con eles moitos sentimentos e preocupacións, co cal pódese dicir que a influencia é mutua.
Ademais, teño algúns poemas publicados que xa foron musicados, e, en setembro Xerais publicarame un libro de poemas, titulado Cousas de papá, destinado ao público infantil, ilustrado marabillosamente por Blanca Barrio, e que leva un cd con varios poemas do libro musicados por Héctor Lorenzo, que conseguíu que participasen neste fermoso proxecto Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sérgio Tannus, Quim Farinha e Uxía. Estou desexando que saia porque estou moi orgulloso dos traballos da ilustradora e dos músicos e músicas. (…)”
A Coruña: X Agasallo a Luís Seoane
Texto de Carlos Negro na presentación de Masculino singular en Lalín
Desde
Trafegando ronseis, blogue de Gracia e Anxo (a foto provén do mesmo blog):
“Sempre é un pracer estar cos amigos, coa xente que se quere. E se un destes amigos presenta un seu libro, a satisfacción e o orgullo é dobre. Así que si, onte, no museo da vila, Carlos Negro presentou o seu último libro de poemas (“sei que escribo poemas pero non sei se fago poesía”) publicado por Xerais.
No acto estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o seu ex-profesor Mario Pereira, quen incidiu neste feito e na emoción que para el supuña que Carlos, alumno del hai case 30 anos, amosase a súa ideoloxía feminista mediante un libro que provoca tantos sentimentos.
Déixovos o texto de Carlos:
Corte de afeitado (apuntamentos arredor de Masculino singular)
1. Masculino singular nace dun corte do afeitado. Do sangue da escrita. Ou como adiantou Rosalía de Castro, do sangue das entrañas.
2. As miñas entrañas son as dun home de mediana idade que decide profundar no espello e mirar que imaxe lle devolve o tempo, a memoria, os ritos tribais, a cultura dominante, a estirpe e as tripas. O rostro dun ser en evolución, que non quere seguir participando dese círculo vicioso da herdanza recibida, do poder arbitrario, dos privilexios mantidos con violencia, real ou simbólica, porque o noso destino semella seguir sendo machos e os nosos falos son lanzas erectas polo Poder, así con maiúsculas.
3. Estes poemas son efectos secundarios do(s) feminismo(s), da súa potencia transformadora, que foi modificando, sobre todo na última década, o meu xeito de pensar e de sentir(me); son poemas escritos non para portar ningunha pancarta que reporte unha recompensa de progresismo, senón para albiscar, entre as ruínas do noso tempo, un ecosistema cultural onde ningún bardo da tribo impón o seu criterio por collóns. Porque se é certa a hipótese de que está a conformarse unha nova masculinidade, debe medrar desde a ética, e non desde a cosmética. Porque máis alá das aparencias, o dinosauro do machismo segue a estar aí, obsceno e prepotente.
4. Por suposto, estes poemas escríbense desde unha posición ética, o cal non implica adoptar o posicionamento do sacerdote no púlpito da igrexa. As armas preferidas de Masculino singular son a ironía e a desmitificación, non a contundencia do panfleto.
5. Neste contexto, o libro representa un combate puxilístico contra a chatarra semántica que propaga o machismo como un andazo, sen diplomacia ningunha. Mergulla a voz nos residuos lingüísticos do patriarcado, na súa pornográfica inmoralidade. Porque sobrevivimos atrapados nun hipermercado de Carne hipertrofiada e despezada a gusto do consumidor, e ao alcance dun clic ou dun toque do dedo nas pantallas. Consumo de destrución masiva, corpos lowcost 24 horas 365 días ao ano.
6. Sei ben de onde procedo. Dunha cultura heterosexual dominante baseada na pornografía e na prostitución. Dos ritos de paso á idade adulta nos puticlubs de polígono industrial. Dunha mitoloxía adolescente baseada en ereccións e mamadas. Dunha linguaxe agresiva ata o delirio, onde a maior parte das mozas con iniciativa sexual eran definidas como zorras, sen ningún tipo de eufemismo. Si, sei ben de onde procedo. Pero tamén sei que xa non quero regresar aí. Nunca máis. Porque son responsable da educación dun fillo de dez anos e non quero que o aprendan a ser un home de verdade. Porque a paternidade merece ser vivida como unha opción de tenrura activa, e non lle acae tanta misoxinia nin represión dos afectos.
7. Este conxunto de poemas pode lerse como se estivésemos a pasear por unha sala de múltiples espellos, onde os reflexos se multiplican e permiten unha mirada poliédrica. En realidade, Masculino singular foise construíndo como un conxunto de textosespello que se complementan entre si, ben por asociación, ben por contraste. E esa asociación enriquece o sentido, multiplica as posibilidades interpretativas. Porque os espellos, moitas veces, existen fóra do texto, noutras voces que constitúen un punto de partida, ou quizais un punto de fuga do discurso.
8. Este corpus poético sería pouca cousa sen esa transfusión sanguínea que recibe dos versos de Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, de Isolda Santiago e Xohana Torres, de Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo do austríaco Peter Handke e de Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos, porque seguen a ser mestres da palabra, pero non os mestres que iluminan o porvir.
9. Fin das citas textuais. A fin de contas, non vimos a este mundo para entrar na Real Academia dos Bos e Xenerosos. Que se lle vai facer. Quen lles fala só escribe poemas, con maior ou menor acerto. Punto final. O resto, incluído o mérito da lectura, está fóra do seu alcance.”
Entrevista a Raúl Gómez Pato no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Arte de amar e Remedios do amor, a obra do poeta latino Ovidio en galego. A entrevista a Raúl Gómez Pato pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Lara Dopazo arredor do seu libro Ovella
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Lara Dopazo fálanos de Ovella, o libro que vén de publicar na colección do Premio Francisco Añón de poesía. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Bertamiráns: presentación de Masculino singular, de Carlos Negro
O
martes 31 de maio, ás 20:30 horas, na Cafetería Ferlós, en Bertamiráns, preséntase o libro Masculino singular, de Carlos Negro, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Valentina Formoso e Federico Pérez.
Vídeo da presentación de e Caín, de Paco Souto, na Libraría Cartabón de Vigo
A Coruña: recital de Luz Pichel e Mohsen Emadi no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
30 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luz Pichel e o poeta iraniano Mohsen Emadi, cuxos poemas en parsi irán seguidos de traducións ao galego lidas pola condutora do acto, Yolanda Castaño. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2016.


