Arquivo da categoría: Poesía
Vigo: presentación do Colectivo Perverso
Pontevedra: presentación de Dominio Público, de Ramón Neto, e Ode à Madison Ivy, de Verónica Martínez Delgado
Isaac Xubín: “O lector galego vai atopar en Sarrionaindia un gran golpe de ar fresco”
Entrevista de Xesús Manuel Piñeiro a Isaac Xubín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Tempo de exilio é a primeira antoloxía de Joseba Sarrionaindia. E edítase en galego. E, ademais, con poemas elixidos por el propio especialmente para a ocasión. Como foi todo isto posíbel?
– Isaac Xubín (IX): Desde mozo Sarri tivo relación coa literatura galega. Segundo el propio ten confesado en entrevistas, un primeiro contacto co galego foi ‘Deitado frente ao mar’ de Celso Emilio Ferreiro, aquel. A partir de aí foron chegando Cunqueiro, Castelao e moitos máis. Sarrionaindia con Koldo Izagirre editaron no seu día un poemario bilingüe de autores en galego traducidos ao euskera, ‘Poemas Náufragos, Galegoz heldutako poemak’, onde estaban Manoel Antonio, Luis Seoane, Amado Carballo… De feito, unha das seccións de Tempo de Exilio leva o título de Poemas Náufragos. (…)
– SG: Ademais de tradutor ti tamén es escritor, tes publicado libros de poemas e gañado certames do prestixio como o Lorenzo Baleirón (no 2011). Esa faceta permitiuche ver na obra de Sarrionainda outros ángulos?
– IX: Salvando as distancias, eu levo tamén moitos anos fóra do meu país. Iso fixo que, para min, como persoa e autor foi moito máis doado achegarme á obra de Sarrionaindia. Sempre foi algo que me marcou, como persoa e autor, a sensación de soidade, de viaxe… De feito teño moi en mente un dos primeiros poemas que lin de Sarri e que fala dos húmidos e longos trens. Sempre tiven esa imaxe das estacións de trens, trens cargados dunha connotación de desarraigo. (…)
– SG: E o panorama literario galego?
– IX: Bon, penso que quizás deberiamos ser un bocadiño máis atrevidos, e aí fago tamén crítica de min propio que non son moi atrevido á hora de escribir. A nivel de poesía si vexo xente que está dando un paso adiante na creación e concepción da poesía, falo de persoas como Gonzalo Hermo ou Francisco Cortegoso, entre outras. Eu son sempre optimista aínda que ás veces nas análises semelle pesimista. Se este país quixera sería un país marabilloso en todos os sentidos, entre elas o poder creativo, que entre os galegos non estivo nin está valorado como debera. Mais creo que hai razóns para a esperanza.
– SG: Como ves o panorama da tradución en Galiza?
– IX: O mundo da tradución en Galiza é unha das cousas que vexo con máis esperanza. Hai unha serie de pequenas editoriais agora mesmo que están a apostar na tradución: Rinoceronte, Hugin e Munin, Urco… Uff!, non quero poñer a citalas todas por se me esquezo dalgunha e a verdade é que teñen moito mérito todas elas. E non é só que escollan ben os autores, senón que teñen criterio, non se deixan levar por modas, por curto-pracismos, polo que marquen as grandes editoriais… E iso ten moito mérito, máis aínda na situación económica na que estamos. Iso é mostra de que hai unhas ideas e un compromiso coa calidade, de que hai xente que se preocupa por buscar, por querer coñecer e non estar simplemente á espera de que lle chegue a última obra de moda… (…)”
Compostela: presentación de Eno mar cabe quant’i quer caber, froito do II Obradoiro Con barqueira e remador, con Isaac Xubín e Yolanda Castaño
O luns 22 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de poesía internacional contemporánea en tradución ao galego Eno mar cabe quant’i quer caber, froito do II Obradoiro de Tradución Poética Con barqueira e remador, que tivo lugar na Illa de San Simón, en outubro de 2013, obra publicada pola Deputación de Pontevedra. O acto contará coa presenza do tradutor ao galego, Isaac Xubín, e Yolanda Castaño (coodinadora do Obradoiro Internacional de Tradución Poética), quen manterán unha conversa arredor do libro e lerán varios poemas do mesmo.
Compostela: conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua
O martes 23 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.
Verónica Martínez Delgado defende en Lugo un erotismo “anti Sombras de Grey“
Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentouse o xoves 11 de decembro na Libraría Couceiro de Compostela Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Foi Berta Dávila, escritora e crítica de literatura infantil, quen se ocupou de facer a lectura dun libro que comezou definindo como «de fronteira. como todos os libros bos, para nenos e mozos, concibido para descarreirar ovellas para todas as edades». «Un libro que constitúe ademais un acontecemento a celebrar polo seu deseño seductor e polo traballo fantástico de ilustración de Óscar Villán.» «Un libro que presenta animais e temáticas complexas. Unha cosmovisión de suxeitos que descarreiran, reivindicando o que se desexa ser ou se escolle, un exercicio de rebeldía liberadora.» «Un libro que foxe do didactismo moralizan, sen que isto supoña que estea baleiro de ideas e dunha visión ética do mundo». Continuou Berta sinalando que «Ovella descarreirada é un catálogo de animais e plantas que non é inocente, a faneca, a balea, o polbo, a ovella, as abellas, mais tamén a camelia, o tiberio, a flor de toxo, como a recuperación de microtopónimos.» «Recupéranse tamén as formas da poesía popular, como a regueifa, a repetición, os versos encadenados, como os recursos da poesía actual, con rima e sen ella, como a tradición do punk e o rock.» Despois reflexionou Berta Dávila sobre a poesía infantil de autor que considerou como «un elo fundamental entre a literatura popular e a poesía contemporánea.» «O poético é o territorio do posible, un obxectivo de vivencia.« «A poesía non deber ser comprensión, senón experiencia de lectura.» Rematou contundente: «o que presta neste libro é que soa máis a rock cá música de Brahms. É boa literatura.»
Pola súa banda, Marilar Aleixandre, antes de recitar varios poemas e agradecer a Óscar Villán o seu traballo de ilustración, confesou que «estes poemas naceron dun impulso de reescribir cousas que nos contaron, refráns ou poemas que amamos ou a nosa propia vida, xa que ben sabemos que todos os poetas menten.» «Neste libro apropieime de historias de infancia que non son miñas, aínda que naceu dunha canción que me encargou Leilía, “Corazón de sal”.» «Pretendín reescribir o poema da forma máis literal posible, en pezas como “Apañar a primavera” ou gardar os topónimos e microtóponimos.» «Reescribir é escribir o que non está escrito.»”
Meicende: Rimando e xogando, con Ana Hermida
A Coruña: V Día Lugrís, o sábado 20 de decembro
O sábado 20 de decembro terá lugar na Coruña o V Día Lugrís, organizado polo Colectivo literario In nave civitas, en colaboración coa A. C. O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o programa previsto:
– 17:00 h. A arribada do grafiti (Praza José Sellier).
Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá, seguido do tradicional Obradoiro de Paraugas Pintados (Praza José Sellier). Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)
– 17:45 h. Manifestación atlántica e surreal (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos).
Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.
– 18:30 h. Recreación do intre no que Antón Avilés de Taramancos coñeceu a Urbano Lugrís (Xardín de San Carlos).
Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
– 18:45 h. Manifestación atlántica e surreal (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)
Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.
– 20:30 h. A habitación do vello mariño (Monty Ambigú)
Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O’Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.
Todos os actos deste V Día Lugrís son abertos.
Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.