Entrevista
de Montse Dopico a Mª Carmen Caramés en Praza:
““Primeiro foi a necidade de non asumir os indicios,/ despois a covardía de baixar a voz e erguer os cóbados, /logo a catalepsia brutal do medo,/ e, sempre,/ o satélite orbital da vergoña.” Mª Carmen Caramés tenta, con palabras coma estas, poñerse no lugar dunha muller maltratada no seu poemario Dos días escuros (Xerais), co que gañou o XVII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. A autora tratou, neste libro, de “entender”. De reparar no medo ou na indiferenza dos demais “que poden resultar tan paralizantes para a vítima”. Falamos con ela. (…)
– Praza (P): Parece un libro escrito moito desde a emoción, o estilo é moi directo, malia estar coidado. Era a túa idea, ou simplemente saíu así?
– María do Carmen Caramés (MCC): Non tiña unha idea preconcibida de como ía resultar. A empatía foime marcando o camiño e, salvadas todas as distancias, tentei meterme nos zapatos das vítimas, sentir o que elas podían sentir, ver o mundo da maneira en que elas o verían…, tentei sobre todo entender. Recoñezo que chegou a resultarme doloroso porque reparei en aspectos nos que ata entón non reparara como son o medo, a vergoña ou a indiferenza dos outros que poden resultar tan paralizantes e perniciosos para a vítima do maltrato.
– P: O libro é como un percorrido polas fases do maltrato, (os sucesivos desenganos…). Podes explicar, nese sentido, como concibiches cada unha das partes?
– MCC: Eu quería contar unha historia na que calquera muller maltratada puidese espellarse, e entendo que esa historia comeza sempre nunha relación afectiva, nun, ás veces, mal concibido amor. A primeira parte, Incipit, fala precisamente dese comezo, cando nada fai presaxiar o deterioro da relación; na segunda parte, que dá título ao libro, Dos días escuros, a vítima empeza a ser consciente, asume e narra a súa condición de muller maltratada; na terceira busca os motivos externos da súa situación, rastrexa especialmente o legado das Testadoras que contribuíron á xénese da súa identidade; pero a busca de respostas require tamén un exame da propia conduta e actitude ante o maltrato: Reflexións sobre un tratado de (meta)física cuántica; finalmente, a última parte, Explicit ou o último desengano, é un chamamento desesperado á sociedade indiferente que xa non se asombra ante a barbarie. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
Taboleiro do libro galego XXXII (marzo 2015), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de marzo de 2015, que se elabora nesta ocasión grazas á colaboración de once librarías galegas: Trama de Lugo, Lila de Lilith de Compostela, Libros para Soñar de Vigo, Suévia da Coruña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu, Paz de Pontevedra, Pedreira de Compostela, Biblos de Betanzos, Casa do Libro de Vigo e Airas de Allariz.
NARRATIVA
1º-. Funambulistas, de Mercedes Leobalde, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo, Galaxia.
5º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
6º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
7º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
8º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
9º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
10º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
POESÍA
1º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
3º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
4º-. O caderno amarelo, de Lara Rozados, Instituto de Estudos Miñoranos.
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
6º-. As paisaxes eléctricas, de Cristina Ferreiro, Sotelo Blanco.
ENSAIO-TEATRO
1º-. O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
3º-. Escrita doada, de Benxamín Dosil, Xerais.
4º-. Medo político e control social na retaguarda franquista, de Lucio Martínez, Xerais.
XUVENIL
1º-. O veleno da risa, de Santiago Jaureguízar (ilustrado por Matalobos), Xerais.
2º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
3º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
4º-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.
5º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
INFANTIL
1º-. O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustrado por María Lires), Galaxia.
2º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
3º-. A vaca que puxo un ovo, Russell Ayto e Andy Cutbill (tradutoras: Laura Sáez e Mónica Pazos), Patasdepeixe.
4º-. Sanatoria. Historia dos nenos raros, de Francesc Grimalt, Baía Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Mar interior, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Vigo: VisualconVersa, de Baldo Ramos e Xosé María Álvarez Cáccamo
Poétic@.gal, o poemario dixital que presenta Fran Alonso no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Fran Alonso, escritor e poeta de xa longo percorrido, presenta o seu poemario dixital Poétic@.gal, onde ofrece todo un abano de sentimentos e diferentes estados vitais. A entrevista completa pode verse aquí.”
Celso Emilio Ferreiro en francés
Desde
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Os fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro atesouran diversa documentación, ao meu entender, moi valiosa. Unha parte nada desprezable está constituída por un corpus de traducións, moitas delas inéditas, da obra de Celso Emilio a diversas linguas. Por cortesía da Fundación incorpóranse aquí catro traducións de diversos poemas ao francés a cargo de Cynthia Leborne, profesora que coñeceu ao poeta de Celanova en 1978. Os textos encerran, asemade, suxestivas posibilidades didácticas. (…)” Pódense consultar aquí.
Entrevista a Marta Dacosta sobre Cinsa
Desde
Diario Cultural da Radio Galega:
“Coñecemos a edición dixital de Cinsa, un poemario de Marta Dacosta que a autora define coma un album de palabras e imaxes que dende o persoal e familiar devén colectivo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Alfredo Conde fala sobre o seu libro 69 poemas
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Tino Santiago conversa co escritor Alfredo Conde, Premio Nacional de Narrativa, sobre o seu libro de amor 69 poemas, recentemente publicado. O autor de Xa vai o griffón no vento e Memoria de Noa preparou unha escolma de poemas, un por cada ano vivido, e deulles luz despois de pasar un difícil transo persoal. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Ars dedicandi: Fermín Bouza-Brey
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fermín Bouza-Brey naceu o 31 de marzo de 1901 en Ponteareas. Alí residía a familia de súa nai e alí pasou curto tempo ata que, sendo aínda neniño, marchou a Vilagarcía de Arousa, de onde era a familia paterna e onde pasou o resto da infancia e primeira mocidade.
Logo de cursar o bacharelato en Pontevedra e Ourense, chegou a Compostela, onde estudou Filosofía e Letras (sección Historia) e logo Dereito. Foi nese tempo cando comezou a actividade literaria e galeguista pública, que non abandonou nunca.
E tamén foi nesa época cando, xunto a outros amigos, asistiu aos faladoiros do Derby e o Español e coñeceu, entre outros, un mozo delgado e de longo nariz que viña dende Mondoñedo e facía versos: Álvaro Cunqueiro. Naceu alí unha amizade que continuou sempre e que aínda os houbo xunguir en común andaina nas xornadas da Real Academia Galega, á que ambos pertenceron.
Bouza-Brey tivo unha evidente querenza pola Galicia do Sur. Aos nosos irmáns lusos foinos coñecer con intensidade e cordialidade xa en 1931, ano no que recibiu unha bolsa do Centro de Estudios Históricos de Madrid para viaxar ata Portugal e ampliar coñecementos nos eidos da Prehistoria e a Arqueoloxía. A partir dese momento, estableceu con aquela terra unha fraterna admiración que o levou, en 1955, a publicar, en ortografía portuguesa, Seitura, poemario que apareceu na Coleccão 4 Ventos da Livraria Cruz de Braga cunha cuberta de Roby Amorim.
Fica aquí testemuña dun grande do neotrobadorismo a outro señor da nova poesía cancioneiril nesta dedicatoria estampada no que foi o volume testamentario do poeta e etnógrafo.”
Compostela: presentación de Ar de arestas, de Iacyr Anderson Freitas
A
cuarta feira 1 de abril, ás 19:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase o libro Ar de arestas, do escritor brasileiro Iacyr Anderson Freitas. Posteriormente, e no mesmo acto, organizado polo Instituto Cultural Brasil-Galiza, terá lugar un pequeno recital poético do autor xunto a Concha Rousia.
Entrevista a Carlos Callón sobre Atravesar o fantasma
Desde
Correo TV:
“Carlos Callón acude ao programa Santiago Si para falar de Atravesar o fantasma, o seu debut no mundo da poesía.” A entrevista completa pode verse aquí.

