A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2024

A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2024

Margarita Ledo Andión impulsa un novo espazo para a cultura en Castro de Rei

Entrevista de Manuel Xestoso a Margarita Ledo Andión en Nós Diario:
“Un novo espazo para a cultura e o pensamento: así se define a Casa da Galería, que baixo o lema “Cinema, cultura, comunicación” abriu o 31 de xullo as súas portas en Castro de Rei (A Terra Chá), coa presentación da antoloxía poética da escritora e cineasta chairega Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme (Chan da Pólvora) e unha mostra de debuxos de Luís Moscardó, Paisaxe interior [debuxos que escriben versos].
A Casa da Galería está impulsada pola Fundación Margarita Ledo Andión, que ten como obxecto, segundo marcan os seus estatutos, “a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación”.
Porén, a definición legal non reflicte de maneira exacta a ambición do proxecto. “A idea orixinal sempre foi pór a disposición do público a documentación relacionada co meu traballo, vencellada, sobre todo, ao cinema e á comunicación”, explica Ledo, en conversa con Nós Diario. “Mais tamén hai traballos da Produtora Nós, un pequeno fondo de pintura galega e audiovisual, xunto con fondos hemerográficos e bibliográficos que contextualizan o anterior”.
Á hora de escoller un lugar onde depositar todo ese acervo, a Fundación comprobou que nas cidades xa existían centros de estudo abondos para levar a cabo este tipo de tarefas e -en liña coa tendencia de pensar e pór en valor a cultura que se fai en todo o territorio, máis alá do que se xera nas cidades- decidiron que a casa familiar en Castro de Rei era un lugar idóneo para crear un espazo destas características e, ademais, traballar en proximidade para estabelecer un centro de creación e visibilización da cultura da Chaira. “Estamos falando dun lugar no que se está creando unha pequena rede de centros que pode contribuír a pór en valor a cultura tendo en conta o enraizamento coa terra: nun pequeno radio están o Museo do Castro de Viladonga, a Casa-Museo Manuel María, a Casa de Álvaro Cunqueiro… Créase un pequeno circuíto que contribúe revitalizar a vida cultural e social da rexión”, sinala.
Nese compromiso coa cultura de proximidade, a Casa da Galería ten previsto, ademais, xerar actividades que afonden no coñecemento da Chaira, ir creando unha arqueoloxía da paisaxe que permita a identificación co territorio a medida que se vaia afondando no seu coñecemento.
“Se non coñeces ben todo o valor que pode chegar a ter a terra onde pos os pés, non es consciente das agresións que se exercen contra ela, das feridas constantes que está sufrindo agora mesmo; non te decatas das consecuencias que pode ter abrir unha estrada por determinadas paraxes ou os efectos que pode ter unha plantación de eucaliptos na percepción do teu espazo vital”, engade Ledo. “Por iso queremos acompañar cada acto con actividades de contextualización que contribúan a relacionar cultura e paisaxe”.
As próximas actividades discorren exactamente por ese camiño. Así, o 4 de setembro inaugurarase a exposición Os Notábeis. Á volta de personaxes dun Castro de Rei do século pasado, que, comisariada polo artista Bernardo Tejeda, recupera un proxecto no que confluíron os artistas Jorge Carla, Antonio Asensi e Israel Dawood en 2015: serigrafías sobre soporte téxtil. Un xogo que cuestionaba o concepto de autoría da peza de arte desembocou na aparición duns retratos estilizados tirados dun libro sobre unha historia de Castro de Rei, dando lugar a un grupo de pezas que constitúen o corpo da mostra. Unha sesión-debate coa artista plástica Luz Darriba analizará as obras desde a perspectiva de xénero.
E o día 11 de setembro decorrerá a proxección, por primeira vez en Castro de Rei, do documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, da propia Margarita Ledo Andión, seguida dun faladoiro -no que intervirán Marica Campo, María Pilar García Negro e Alberto Ansede, presidente da Fundación Manuel María- que lembrará os vinte anos do pasamento do poeta nacional.
En todo caso, o protagonismo, onte, recaía na Margarita Ledo poeta, a que hai case 55 anos publicaba o seu primeiro libro, o sorprendente Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (Xistral), que inauguraba unha das poéticas máis singulares e atractivas das últimas décadas que agora se condensan no volume Prefiro condenarme, cuxo título coincide co do seu último filme.
“Tematicamente non teñen nada que ver, pero si que xorden da mesma pulsión interna”, relata a escritora e cineasta. “É unha frase que lle escoitei á miña nai no contexto dunha discusión dura. Axiña me decatei que era unha frase de insumisión que se podía interpretar en sentido relixioso mais tamén persoal”. (…)”

A Coruña: actividades do 2 de agosto na Feira do Libro 2024

A Coruña: actividades do 1 de agosto na Feira do Libro 2024

Samuel L. París: “A poesía é un misterio universal”

Entrevista a Samuel L. París na revista Quiasmo:
“(…) – Quiasmo (Q): Que é para ti a poesia?
– Samuel L. París (SLP): A execución do misterio. Unha procura.
– Q: Essa procura está direccionada? Como repercute na tua criatividade?
– SLP: Non está direccionada, máis alá dos límites que definen a miña incapacidade para creala ou aceptala. Como lector e ouvinte, a poesía opera máis no terreo sorpresivo do “atopar” máis que nun activo “encontrar”. Como creador, o seu misterio e amplitude ás veces resultan paralizantes, aínda que, cando notas que tes as dúas mans metidas nas súas sombras e che lembra que todo é posible, só pode repercutir para levarte a territorios que nunca pensaches visitar.
– Q: Esses territórios estavam aí e “atopam-se” ou criam-se ao caminhar criativamente?
– SLP: Eses territorios non estaban. Non existían. A poesía non é; a poesía foi (podemos atoparnos con ela) ou será (necesitará ser creada), aínda que só pode ser observada desde ese baleiro que é o presente. O importante, como persoa que se pon do lado da creación, é saber que a poesía non se atopa e non se crea sen a túa acción. Por iso é imprescindible que as poetas e os poetas non deixen de buscar e compartir a súa obra. Tamén por responsabilidade e para que quen está por chegar poida continuar o misterio.
– Q: Esse mistério estende-se também à música? Como foi/é a tua experiência com ela?
– SLP: No meu caso, a experiencia coa música é totalmente diferente á da poesía; sempre se artellou como un proceso colectivo, ao servizo dun obxectivo común. Tanto na creación dunha canción, como na maquinación dun directo ou na propia interpretación ao vivo, a necesidade de disolución do individuo nalgo maior foi o camiño para chegar a algo diferente do que unha única persoa podería acadar.
O misterio do local de ensaio ou do concerto difire do da escrita ou do recital. Na música navegas, en compañía, cun rol decididamente flutuante. Na poesía estás nadando en soidade, aínda que esteas acompañado de todo o mundo. (…)”