O Consello Directivo da AELG congratúlase do Premio da Cultura Galega na categoría de Letras a Bernardino Graña, Presidente de Honra da Asociación

Desde a AELG congratulámonos por ser Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) a personalidade distinguida na categoría de Letras dos Premios da Cultura Galega 2021.

Foi catedrático de lingua e literatura en secundaria, até a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto en Madrid.

No ano 1971 foi impulsor do primeiro intento de formar un centro PEN Galicia canda Eduardo Blanco Amor e outros autores, e máis adiante sería presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entidade na que tivo unha participación activa como fundador e primeiro presidente da AELG, en 1980, razón pola que foi nomeado Presidente de Honra da Asociación a finais do mes de setembro deste 2021.

O seu caudal creativo alimenta varios ríos que fornecen camiños fecundos para a nosa lingua e literatura desde hai máis de 60 anos, tal e como pode verse no seu espazo no Centro de Documentación da AELG.

Esta foi a extensa e completa entrevista sobre a súa traxectoria literaria realizada en 2009, dispoñíbel na nosa web nesta ligazón.

Fallados os premios de Normalización Lingüística San Martiño

Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura

Teo: VIII edición do Caxato de Avelino

O 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Auditorio Constante Liste da Casa do Concello de Teo, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo, pois este recoñecemento de cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de Avelino, polo que se fan ben merecentes de tal honra. A profesora e escritora Pilar García Negro será a mantedora deste acto.
Posteriormente irase ao Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, para realizar unha ofrenda floral no monolito que alí hai en honra de Avelino Pousa.
Dos agasallos a recibir por quen se recoñecen, un deles, o caxato, é obra do escultor Valdi e o outro consiste nun gravado de Héitor Picallo.

A AELG recibe a Insignia de Prata do Museo do Pobo Galego

O sábado 8 de maio, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, recibiu, en representación da entidade, a Insignia de Prata do Museo do Pobo Galego, ao cumprirse 25 anos como socias/os do Museo apoiando as súas actividades.
Agradecendo enormemente este recoñecemento, animamos a todas as persoas conscientes e interesadas pola cultura galega a se faceren socias/os do MPG, e facilitar así a continuidade do seu magnífico traballo.

Relato para un incendio, de Ernesto Is, gaña a primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta e o sector teatral

Desde a Xunta de Galicia:
“O proxecto Relato para un incendio resultou gañador da primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta, a través do Centro Dramático Galego (CDG) e en colaboración co sector teatral. A escrita, obra do dramaturgo Ernesto Suárez Is, foi seleccionada entre un total de 20 candidaturas por unha comisión de valoración presidida polo director do CDG, Fran Núñez, que tivo en conta a fonda conexión da temática coa identidade galega e a aposta polo teatro contemporáneo e documental con base na memoria colectiva, entre outros aspectos.
No proceso de selección participaron representantes do Consello da Cultura Galega, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e dos colectivos máis representativos do sector teatral en Galicia, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Academia Galega de Teatro, Asociación de Festivais de Artes Escénicas, Unión Internacional de Marioneta, Revista Galega de Teatro, Asociación de Profesionais do Circo en Galicia e Asociación Galega de Dramaturxia. Tamén interviñeron da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Relato dun incendio pon en conexión dous acontecementos que tiveron lugar na comarca coruñesa de Ordes en momentos moi diferentes. Por unha banda, os estudos etnográficos dun antropólogo danés na década dos 60 e, por outra, a ruta incendiaria dunha veciña da zona en 2016. Co obxectivo de investigar a loucura como factor alterante nas persoas, influíndo no comportamento ata rachar coa realidade e poñer en perigo vidas, o autor integrará ambos feitos nos mecanismos de ficción teatral. Para isto utilizará persoas, imaxes, relatos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do denominado Teatro Verbatim, que mestura artes escénicas con documentos e testemuños reais. (…)”

Premio dos Clubs de Lectura 2021 para Eva Mejuto

Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2021 pola que se recoñece a Eva Mejuto co Premio dos Clubs de Lectura 2021.
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”. (…)”