A Sega homenaxea Mª Victoria Moreno para visibilizar as escritoras

DesdeMaría Victoria Moreno Sermos Galiza:
“O Parque dos Gafos de Pontevedra foi o escenario do acto de homenaxe da plataforma de crítica feminista A Sega á escritora María Victoria Moreno con motivo do II Día das Galegas nas Letras. O acto comezou cun paseo literario pola beira do río Gafos até Campolongo, unha metáfora dos paseos que acotío daba a escritora homenaxeada, e continuou cun xantar popular compartido. Fontes da organización salientan que o “Tendal de María Victoria” foi o que máis interese espertou, pois neste tendal expuxeron as obras da escritora e libros con dedicatorias.
Na xornada da tarde, en que se leu o manifesto da Sega, interviñeron, entre outras, Andrea Nunes, que leu un poema escrito para a ocasión para recoller os títulos das obras da homenaxeada, Carmen Penim, que musicou dúas pezas de María Vitoria e interpretou “A xustiza pola man”. Tamén participaron Laura Cuba e As Boubas. A actuación sorpresa chegou con Mercedes Peón, que asinou o final de festa.
No remate, a sección xuvenil da Sega sorteou entre as persoas participantes a boneca coa figura da escritora doada por Actante Dorado.
O obxectivo da homenaxe que tivo lugar o sábado 15 de agosto é, principalmente, reivindicar a obra das escritoras galegas. “Queremos visibilizar as autoras nas letras, xa que até o de agora a oficialidade homenaxeou 52 homes fronte tres mulleres, xa contando Rosalía”, sinala Susana Sánchez Arins, membro da organización. “Queremos reivindicar que as mulleres escritoras existen e, xa que a oficialidade non as festexa, homenaxeámolas nós”, conclúe.”

A Coruña: acto de lembranza de Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir

OA. C. Alexandre Bóveda venres 14 de agosto, ás 20:00 horas, no Paseo Alexandre Bóveda (zona de Catro Camiños), na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza un acto en lembranza do Día da Galiza Mártir. O programa é o seguinte:

– 20:00 h. Actuación do- gaiteiro Pepe Vaamonde.
– 20:15 h. Intervención do Concelleiro de Cultura da cidade da Coruña, Sr. D. José Manuel Sande (ou persoa en quen delegar).
– 20:30 h. Interpretación do “Alalá do Silencio” a cargo de Ricardo Seixo, autor da letra do poema.
– 20:35 h. Intervención do Presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Sánchez Rei.
– 20:50 h. Ofrenda floral a Alexandre Bóveda simbolizada no momunento deseñado e elaborado polo artista Pérez Porto.
– 20:55 h. Encerramento do acto coa interpretación do Himno Nacional Galego a cargo do gaiteiro Pepe Vaamonde.

LugoPatrimonio homenaxea a Irene, irmá e albacea de Fiz Vergara Vilariño

Desde2015081014021935450 Sermos Galiza:
“Cando a Fiz Vergara Vilariño lle faltou a voz, foi a súa irmá Irene quen lla cedeu. Albacea da memoria do poeta, Irene Vergara Vilariño finou o pasado mes de abril e catro meses despois, a asociación LugoPatrimonio rendeulle homenaxe en Santalla de Lóuzara cun acto ao que tamén asistiu a súa familia. Unha ofrenda floral e lecturas sobre Irene ademais de poemas relacionados de Fiz Vergara compuxeron a parte literaria e máis emotiva do acto no que interviñeron a súa filla María Celeiro Vergara e o presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez.
“Batalladora incansábel polo noso idioma, cultura e nación, sen descanso e desde a grandiosa humildade que sempre a caracterizou. O seu sorriso e sosego ficarán connosco para sempre”, sinalan desde LugoPatrimonio.”

A Coruña: actividades literarias destacadas do martes 4

OFeira do Libro da Coruña 2015 martes 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

– 19:00 h. Presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía.
– 19:30 h. Sinatura de Mercedes Leobalde, autora de Funambulistas, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais, coa participación de Begoña Varela.
– 20:00 h. Concerto arredor de A gramola gominola, publicada en Galaxia.
– 20:45 h. Presentación-recital do novo libro de poemas A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais.