A Coruña: recital de Oriana Méndez e Xi Chuan no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 7 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Oriana Méndez e o poeta chinés Xi Chuan. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos outubro 2013.

Pontevedra: presentación de Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño

O luns 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, ás 20:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Sarmiento, 51), preséntase o libro colectivo Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño, e publicado pola Deputación de Pontevedra, como froito do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética que tivo lugar no outono do ano pasado na illa de San Simón. No libro recóllense poemas de Marko Pogačar (croata), Txema Martínez (catalán), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Brane Mozetič (esloveno), Sergei Timofejev (letón de expresión rusa) e Merja Virolainen (finés), nunha edición multilingüe cos orixinais e as traducións ao galego, con limiar da propia Yolanda Castaño. A presentación incluirá algo de música e a presenza de dous dos poetas antologados: o catalán Txema Martínez e a finesa Merja Virolainen.

Lugo: recital con poesía e música e presentación de Versus cianuro

O venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, no Club Clavicémbalo de Lugo (Rúa Paxariños, 23), terá lugar a presentación do libro Versus cianuro. Na parte poética recitarán Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, María José Fernández, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Rochi Nóvoa Vázquez, Miro Villar, Paula Sánchez Lourido, Montse González Álvarez, Lupe Bao e José Estévez. E na parte musical Anxos, Branca, Pepa, Carolina, Os Fokgazais, e Foolmakers. A Plataforma contra as minas (Adega, Comisións Labregas e Fruga) lerá un comunicado como fin de festa. O acto será presentado por Lois Pérez e José Estévez.

Crónica da entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Desde o blogue de Alfredo Ferreiro, O levantador de minas:
“Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior. (…) Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.
O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.”

A Coruña: recital poético Fotomecánicas baixo palabra, con Antía Otero e Dores Tembrás

“O venres 13 de setembro, ás 20:30 horas, en The Room (Rúa Santiago, 7) da Coruña, terá lugar o recital poético Fotomecánicas baixo palabra, artellado por Antía Otero e Dores Tembrás que, nas súas poéticas tanto individuais como compartidas, xirarán ao redor do verso e o reverso, do oco e a forma, o positivo e o negativo, da materia e o baleiro, do cuarto escuro, a luz vermella, as sombras que desvelan o espazo en off… Ese inventario de tecidos e papeis salgados na vertixe polo encontro. No evento contaremos co convidado especial Federico Flesfa Dublé ou Roberto Casteleiro (Koroiev, Fagot y Popota, Krkt, Primrose) tamén coñecido como o enxeñeiro-poeta creador do “bricotrance”, xénero musical do-it-yourself de construción en vivo de loops, que co emprego de instrumentos acústicos e electrónicos, algunhas cousas do fogar e de altas doses de imaxinación para a creación sonora, semella ser unha proposta fora do común, non só pola cuestión da construción, do facer musical, senón tamén pola narrativa e a poética dos temas. No evento aproveitaremos tamén para anunciarvos a convocatoria dos obradoiros de creación poética que no primeiro trimestre impartiremos en The Room.”

Centos de persoas festexan a inauguración da Casa Museo Manuel María, tributo ao grande poeta nacional

Desde Sermos Galiza:
Día de emoción, festa e encontro na Casa de Hortas, espazo natal e literario de Manuel María que abría as súas portas ao público para ser centro da memoria do poeta e tamén da cultura da Terra Chá e do país enteiro.
O auditorio, construído na que foi palleira da casa, quedou pequeno para acoller a tantas persoas que se viñeron de todo o noso territorio para homenaxear ao escritor e amigo. A través das persoas que se achegaron nesta xornada a Outeiro de Rei poderíase construír o xeneroso perfil de Manuel María, escritor, activista cultural, político comprometido e unha das persoas máis queridas e coñecidas da cultura contemporánea. Poderían dar boa conta diso os centos de persoas que, nesta mañá, lembraban episodios compartidos con Manuel María, á vista da presenza que evocaban espazos e obxectos.
A Saleta Goi costáballe conter a emoción nun día tanto tempo agardado. Amigos e amigas de Manuel María atopábanse de novo coa compañeira de vida, coa muller que vía hoxe un dos seus soños feitos realidade. Lembrou aquel poema dos Sonetos á Casa de Hortas no que Manuel se preguntaba polo futuro da construción e a eira que tanto quería e agora si ela podía darlle resposta. Con moitas persoas arredor, Saleta Goi compartía a lembranza e a alegría que o autor tería ao ver o seu espazo natal convertido en casa da cultura, aberta, amábel, acolledora, como fora sempre a súa.
Lembrou a nai do poeta, que o pariu na cama agora exposta, os seus irmáns, as persoas que axudaron a que o proxecto cobrase vida, as que traballaron na súa rehabilitación e, en especial, lembrou a Manuel. “Se vira isto emocionaríase tanto! Teño que darlle grazas pola súa obra, un traballo intenso, un amor inmenso a Galiza, e grazas pola vida que vivimos xuntos”, dixo Saleta Goi.
No acto de inauguración, con representantes das institucións que apoiaron o proxecto, Teresa, unha nena de nove anos, subiu a recoller unha rosa, a flor de Manuel María. Chamou por ela Alberte Ansede, secretario da Fundación, despois de contar a súa vinculación coa casa. Teresa pasara hai dous anos diante dun posto no que se presentaba o proxecto da Casa Museo. Daquela tiña sete anos e catorce euros. Viu a imaxe de Manuel María, o poeta do que sabía de corrido os seus versos, e falou coa nai para dar a metade do seu patrimonio para que a Casa de Hortas fose para arriba. Agora, cando finalmente o proxecto colectivo no que participaron tantas persoas se fai realidade, Alberte Ansede quixo que Teresa simbolizase a todos aqueles que nestes anos, dunha maneira ou outra, contribuíron para que a casa na que o poeta naceu en Outeiro de Rei se abra coa súa memoria e coa súa mesma vontade de crear cultura, cos cimentos na terra que tanto quería.
“A apertura dun centro é sempre motivo de alegría, e máis nuns tempos máis afeitos a peches que a inauguracións”, dixo Alberte Ansede para quen a Casa Museo Manuel María reivindica “o dereito á cultura, a ampliar os espazos para a liberdade, para o noso idioma”.
Fiel ao propio Manuel María, a casa, a propia inauguración e tamén o proxecto de futuro. “Imos tratar de seguir o seu exemplo nesta casa, un exemplo que non se reduce á expresión literaria, senón que, seguindo a tradición dos grandes da cultura galega, teña unha intervención decisiva no ámbito social, cultural e político”. A casa ergueuse de novo mais o futuro depende, da “sociedade que recoñece a Manuel María como un dos seus que ten que ser quen defenda o proxecto”.
A memoria de Manuel María convocou na súa casa, como era de agardar, escritores e escritoras que gozaron da súa amizade. Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Marica Campo, Paco Martín, Xosé Lois García, Pilar García Negro, Bieito Iglesias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, María Reimóndez, Anxo Angueira, Carlos Mella, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marta Dacosta e tantas outros participaron nun acto que a Fundación preparou á maneira de Manuel María, no encontro de cultura e convívio na súa Terra Chá literaria. Pola tarde, sumáronse á listaxe Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Bernardino Graña e Luz Pozo.
A biografía e a obra de Manuel María percórrese polas estancias da súa casa, mais tamén estivo presente no acto inaugural. Moitos representantes do nacionalismo político, compañeiros e compañeiras que militaron con Manuel María e representantes do asociacionismo cultural estiveron tamén en Outeiro na xornada histórica na que un novo centro cultural se abre, apegado ao país e a súa cultura, como quedou á vista na vontade de Saleta Goi e Alberte Ansede. O portavoz do BNG, Xavier Vence, canda outros cargos da organización como Francisco Jorquera, Bieito Lobeira, Francisco García, Carme Adán, Antón Bao ou Ana Pontón, estiveron no acto no que tamén o mundo do ensino estivo presente, en profesores e profesoras aos que Manuel María visitou nas súas aulas ou no presidente da AS-PG, Xoán Costa e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Uxía e Tereixa Novo, na espera de moitos músicos e músicas que chegarán a Outeiro, lembraban os moitos poemas de Manuel que se converteron en cancións. Elba Rei, da Fundación Uxío Novoneyra e Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, asistiron ao acto de apertura ao público da casa do poeta.
Centro para investigadores na obra de Manuel María, cun conxunto documental de toda a súa traxectoria vital e literaria, unha biblioteca de máis de doce mil volumes, obxectos que o escritor viviu e un futuro sen límite para o encontro coa súa obra, a súa biografía e a nosa cultura. Ábrese tamén un arquivo virtual que se poderá visitar e que acollerá datos e documentación sen límite, toda a que se recolla e que se convida a aportar. Fotos, dedicatorias, actos… para a construción dun centro documental do que a casa será sede.
Saleta Goi foi a guía da primeira visita e os recordos agromaron en cada obxecto, en moitos libros, en fotografías, en coleccións que se reparten por unha casa na que a memoria de Manuel María é unha presenza continuada. Na mesa de noite do cuarto, ao pé da cama natal, Follas Novas e unha imaxe de Rosalía, no despacho, Sempre en Galiza e Castelao. Todo, como Manuel María o tería colocado.
Durante toda a tarde e até que a lus do sol se comezaba xa a pagar por volta case das nove da noite, a cultura sentiuse nunha horta da Casa Museo Manuel María na que centos de persoas cantaron e es emocionaron coa memoria compartida do poeta. Sobre o escenario cando se trataba de música e por riba dun tellado cando ía presentar aos poetas que recitaban no balcón, Xurxo Souto conduciu un acto que durou máis de tres horas nas que Manuel María foi o protagonista.
Foino nas cancións que interpretaron Miro Casabella, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, María Manuela ou Uxía nunha xornada única que xuntou músicos de varias xeracións que transmitiron a forza das cancións de Manuel. Foino na voz de centos de persoas que corearon moitos dos versos, algúns tan coñecidos como O meu país ou O carro, que pechou o acto cun escenario repleto de músicos e só unha voz colectiva. E foino tamén ao reunir aos amigos poetas que compartiron tantos momentos con Manuel María como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello ou Bernardino Graña que recitaron desde o balcón da casa, desde onde se outeaba unha horta chea de xente e a paisaxe da Terra Chá que Manuel María tanto quería.”

Pódese ver aquí a Galería de Fotos do acto.