En
2018 completouse a segunda fase da intervención na Sección de Literatura Dramática da web da AELG, presentada a finais de 2017, e que ten como obxectivo facilitar aos equipos artísticos (profesionais ou afeccionados) unha ferramenta para que poidan atopar pezas de literatura dramática adecuadas ás posibilidades de representación de cada compañía de teatro. Os campos que facilitan esa busca son modalidade escénica, xénero, duración, estilo e número de personaxes; van acompañados tamén de espazos, dramatis personae, personaxes masculinas e femininas, sinopse e, ademais, indícase se a peza foi ou non estreada e, en caso afirmativo, nome da compañía, dirección, teatro e data de estrea. En 2017 documentáronse e clasificáronse a metade das 300 obras dramáticas por parte dunha persoa con titulación superior en Dirección escénica e Dramaturxia; neste 2018, grazas ao apoio do Agadic, completáronse e incorporáronse outras máis de 100 obras, co que se continuou avanzando no obxectivo de lograr achegar o teatro á sociedade e ao ensino, facilitando a divulgación da obra e a súa representación escénica.
Tamén co apoio do Agadic neste 2018 procedeuse á inclusión sistemática e pormenorizada na Axenda Cultural da AELG, páxina web da AELG e redes sociais da entidade (Facebook e Twitter) das novas relacionadas co teatro e a literatura dramática en lingua galega, tanto de persoas socias como do tecido teatral galego, permitindo, deste modo, unha maior visibilización do feito teatral, creando unha vía adicional de comunicación e información ao público das actividades directamente vinculadas ao sector.
Arquivo da categoría: Teatro
O Principal de Ourense programa Jane Eyre, A leituga e Carpe diem como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Desde
Agadic:
“O Teatro Principal de Ourense anunciou hoxe a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019 e dentro da que se inclúen as tres funcións que ofrecerá como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
En concreto, exhibiranse os espectáculos teatrais Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil, o 10 de febreiro; A leituga, da compañía galega Eme2, o 16 de febreiro; e Carpe diem, da tamén galega Producións Teatrais Excéntricas, o 7 de abril.
Con estas tres propostas, darase continuidade á programación que o Teatro Principal leva a cabo desde hai dúas décadas como integrante da rede da Agadic, dentro da que nos vindeiros días ofrecerá outras cinco montaxes, comezando por Crimen y telón, que Ron Lalá porá en escena este mesmo venres. O resto insírese na programación infantil especial para o Nadal: Arte’n’rúa, que presentará o seu espectáculo homónimo o 26 de decembro; Caramuxo Teatro, que estará o 27 de decembro coa obra Ela, unha homenaxe á pintora Maruxa Mallo; Eme2 Emoción &Arte, que porá en escena o 28 de decembro Contacreques; e Tanxarina Títeres, que chegará o 29 de decembro con A galiña azul, a emblemática peza de Carlos Casares. (…)”
Nace o selo Guindastre Edicións de álbum ilustrado e audio-libros para cativos
Desde
Cultura Galega:
“Un novo selo editorial bota a andar neste outono coa vocación de dar a coñecer e difundir para o público familiar albumes ilustrados, audiolibros de narración ou música e adaptacións de teatro de monicreques. Guindastre Edicións presentouse o mércores 5 de decembro na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago. A editorial, dirixida por Celtia Figueiras e Luis Vallecillo, está radicada na localidade coruñesa de Brión e xorde con dúas coleccións diferentes que ademais comezan cada unha cunha produción propia de cada un dos editores.
A primeira delas, baixo o nome de “Lui Son”, céntrase na música familiar e ábrese con Cantamos? como primeiro título. Trátase dunha obra educativa e lúdica do propio Vallecillo, que inclúe un CD de música e audio-contos, ademais de pictogramas para facilitar a lectura a persoas con necesidades especiais e prelectores.
Pola súa banda, a colección “A Xanela do Maxín”, dirixida por Figueiras, adaptará textos de monicreques a contos, procedentes da compañía que leva o mesmo nome, con letra manuscrita e ideados para primeiras lecturas. Iníciase este camiño coa obra Ula Lúa?, da propia Celtia Figueiras que está ilustrada por Marcelo P. Fernández.”
A Estrada: presentación de Contiños da terra, de Santiago Cortegoso
Marta Pérez: “O patriarcado está permitido criticalo ata certos límites. Se moves o marco conceptual, van ir por ti”
Entrevista
de Montse Dopico a Marta Pérez en Praza (foto de Inversa Teatro):
“Tres mulleres, filósofas postsocráticas, reivindican un novo logos. Un novo marco interpretativo no que as mulleres sexan por elas mesma e non en relación aos homes. Porque, sen este novo logos, non poderemos facernos as preguntas fundamentais que nos leven a comprender as raíces da violencia de xénero. E se cadra a atopar a maneira de acabar con ela.
Desta formulación parte Sofía e as postsocráticas, a nova montaxe de Inversa Teatro, que vén de ser preestreada no Culturgal. Marta Pérez, Silvia Penas e María Roja son as filósofas que nos conducen, con eficacia, por un percorrido, apoiado nas máscaras e en elementos visuais e sonoros, polo pacto patriarcal, o silencio social, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador. Aspectos, todos eles, que sustentan a violencia machista. Falamos con Marta Pérez, autora da dramaturxia, actriz e directora desta obra.
– Praza (P): Os personaxes dos que partes son Sócrates, Platón e Aristóteles. Case nada. Por que eles?
– Marta Pérez (MP): Un pouco para homenaxealos e un pouco para desmontalos. Porque son grandes referentes da cultura occidental, que é a que lexitima a violencia cara a diferenza. Tres grandes pensadores aos que admiramos, mais nos que está o xerme da violencia, a violencia fundante, sostida na diferenza. Os que marcan o inicio desa razón que se sostén a si mesma. O inicio do discurso falocéntrico, hexemónico e heteropatriarcal de occidente.
– P: Hai, en relación con eles, un xogo coas máscaras. Sodes eles cando as poñedes. Deixades de ser eles ao sacar as máscaras… Quen fixo as máscaras?
– MP: Gonzalo Alonso, o responsable da construción escenográfica, foi quen as construíu. A obra comeza nun museo no que se expoñen unhas ideas, que son ideas platónicas estáticas. As máscaras serven para marcar a distancia entre Sócrates, Platón e Aristóteles e as filósofas postsocráticas, que procuran un novo logos fronte ao logos pactado por estes tres filósofos. Quitar as máscaras é un xeito de marcar a ruptura con esas ideas estáticas das que se parte. Porque do que se trata é de fundar unha nova teoría da conciencia. O novo logos que as postsocráticas buscan é unha petición de toma de conciencia de xeito individual ante un problema social, a violencia.
As máscaras, ademais, colocámolas nun pé de micro, cando as deixamos, de xeito que os micros fan como se fosen unha pirola que queda mirando as postsocráticas, en constante observación por parte dos falos. E estes pés só se retiran cando se di “espazo libre de violencias machistas”. (…)”
O Graxal, Cambre: Exilio, do Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda
Outeiro de Rei: Tolitates, do Teatro de Marionetas Trécola
Rachar a cola de peixe, por Lara Rozados
Artigo
de Lara Rozados na Sega:
“É unha imaxe que me vén á cabeza desde que empecei a investigar estas iconas, medio mulleres / medio peixes, tan coñecidas na civilización occidental, de Homero a Andersen (esta última pasada pola tixola de Disney, si, tamén): que pasaría se a serea do escudo de Castelao, esa mesma que Aduaneiros Sem Fronteiras inmortalizaran “Denantes morta que sensilla”, “dun salto, pillase a fouciña” para fóra do escudo e rachase con ela a cola de peixe? Que pasaría se esa serea que permanece portadora do escudo, quietiña e silente, tivese pernas de seu, voz de seu, ideas de seu? Pois o 19 de outubro funa ver á Ramallosa: Iria Pinheiro en Anatomía unha serea racha coa cola de peixe. A súa e tantas outras, de tantas mulleres, en todo o mundo.
Pinheiro empregou a Berberecheira, “viveiro” de artes escénicas onde Chévere convida artistas a experimentar co teatro documental, para contarnos a historia do seu parto. De como se transformou en serea. Xesús Ron, director do espectáculo, presentouno como o primeiro “feminino” despois dos outros dous nacidos na Berberecheira: Goldi Libre, onde o actor César Goldi conta a súa experiencia no cárcere ao non someterse ao servizo militar obrigatorio, e Salvador, unha historia e Borja Fernández arredor do seu avó emigrado. As historias “masculinas”, por así dicilo, eran fortemente políticas, pero a de Pinheiro, unha historia de obstetricia, tamén. Radicalmente. (…)”
María Barcala: “Atopar modelos vivos de mulleres que non viviron as súas propias vidas é fácil, lamentablemente hai moitas”
Entrevista
de Montse Dopico a María Barcala en Praza (foto de Tino Viz):
“Poderían ser dúas mulleres “amargadas”. Unhas malas mulleres que se dedican a destrozarse entre elas. Mais a cousa é máis complicada. Refuga os tópicos. A dúas están, si, atrapadas na dor. Mais tampouco teñen moita saída. Unha, porque se lle acaba o tempo despois de vivir unha vida que non foi a súa. A outra, porque a traxedia instalou, no seu camiño, a máis terrible das perdas. Mais, pese a todo, atopan lugar para o humor. Para o achegamento. Para o encontro e para a amizade. Aínda que sexa tarde.
Así pode entenderse Dúas donas que bailan, a nova montaxe de Teatro do Atlántico. María Barcala e María Ángeles Iglesias condúcennos, baixo a dirección de Xúlio Lago e Esther Carrodeguas, por unha historia -escrita por Josep Mª Benet i Jornet- de soidade, enfermidade, morte, desencontro xeracional, especulación inmobiliaria, violencia e, tamén, soños e ilusións compartidas. Tal como di Xúlio Lago, un bo texto. Bo teatro que fala da vida. Aínda que non sexa “moderno” na súa forma.
– Praza: A señora maior é unha personaxe moi recoñecible. Unha muller á que lle roubaron a vida. Sempre pendente da familia, para que o home a insultase, lle fose infiel… e, probablemente, outras formas de maltrato. María, como entendiches a personaxe, desde que que lugar a traballaches?
– María Barcala: Primeiro de nada, eu entendín a peza, e as personaxes, como tráxicas, no sentido de que teñen unha liña marcada e non poden evadirse dela. Non teñen a opción de cambiar a súa vida: o que acontece está predeterminado. E ambas levan, ademais, unha tremenda mochila. Sobre a señora maior -eu chámolle a señora Carmen- é certo que podemos ler entre liñas o que lle pasou. Non sei se se pode falar de que recibiu golpes, pero é que tampouco son necesarios para falar de malos tratos. Ela fala do marido e quédanos claro que non foi un compañeiro co que medrar xuntos. El tíñaa alí para usala segundo lle conviña, que é algo moi da época.
O que lle pasa á señora Carmen é, si, moi recoñecible. Porque é a vida de moitas mulleres, e non só maiores ca min. Mulleres que non tiveron a súa propia vida, que viviron en función da parella, da familia, do grupo social ao que pertencen. Ela é unha muller rabuda, con carácter, que no seu momento buscou unha saída, polo que foi berrar, coas demais, consignas feministas á rúa, pero tampouco acababa de recoñecerse niso: sentíase ridícula. Para min, despois de darlle moitas voltas ao texto, de ler entre liñas, non foi difícil atopar modelos reais, vivos, porque lamentablemente existen.
Teño que dicir que é unha personaxe que, ao principio, dábame un pouco de medo. Porque é maior do que son eu: é unha muller gobernada polos fillos, que lle impoñen que teña unha señora para limpiar dúas veces á semana, que tome a pastilla… E nós queriamos darlle un trato non naturalista, pero si realista. Houbo unha primeira aproximación á personaxe con moita maquillaxe, pero non me convencía. Ao final quedou só a perruca, porque o cabelo branco era importante e eu estou traballando tamén con outros personaxes, entón non era boa idea cortar o meu pelo e tinxilo de branco. Mais foi, sobre todo, un traballo interno. Tiña que vir todo de dentro… (…)”
A sede do CDG en Santiago recibe a compañía Inversa Teatro para oito funcións do espectáculo Sofía e as postsocráticas
Desde
Agadic:
“O equipo da compañía Inversa Teatro inicia hoxe unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e de formar parte do seu trío interpretativo xunto a María Roja e Silvia Penas.
A nova montaxe de Inversa conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das subvencións á produción escénica e preséntase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no marco do programa de residencias artísticas da compañía pública e da súa iniciativa de apoio á dramaturxia galega contemporánea Dramaturxente.
Sofía e as postsocráticas, que tivo a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo tras unha preestrea no Culturgal de Pontevedra, chega a Santiago para desenvolver desde hoxe e ata o venres catro pases matinais, aos que asistirá alumnado de diferentes institutos galegos, e outros catro para público xeral nas tardes do xoves ao domingo.
Ademais, grazas á colaboración da sección galega da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif Galicia), as dúas funcións do xoves 13 (11,30 e 20,30 h.) terán carácter inclusivo. Con tal fin, proporcionaranse audioguías e programas de lectura fácil, empregarase linguaxe de signos con dúas intérpretes sobre o escenario e haberá espazo para cadeiras de rodas.
Encontros co público
Tanto tras estas representacións inclusivas, como tras as matinais con asistencia de escolares, parte do equipo artístico de Sofía e as postsocráticas manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre o espectáculo e o seu xeito de abordar a violencia machista.
Nesta nova montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres, na procura dun novo logos para establecer que é a violencia machista. Así mesmo, o emprego de máscaras e de diferentes elementos audiovisuais e sonoros contribúen a propoñer unha reflexión sobre a resposta e a responsabilidade social perante o maltrato. Cuestións como o pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador son os fíos argumentais polos que transitan as diferentes personaxes.
Ademais de Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas á fronte de diferentes tarefas artísticas, tamén forman parte do equipo de Sofía e as postsocráticas Santi Romay (axudante de dirección), Montse Piñeiro (escenografía), Gonzalo Alonso (construción escenográfica), Laura Iturralde (videocreación), Ángel Sousa (iluminación), o dúo CintaAdhesiva que integran Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas (espazo sonoro), Silvia Sánchez, de Le Chanelas, e Josefa Rivas (vestiario) e Manuel Outeiriño (voz en off).
Horarios e venda de entradas
Todos os pases matinais dan comezo ás 11:30 h., agás o de mañá mércores, que está programado para as 11:00 h. En canto ás representacións de tarde, terán lugar de xoves a sábado, ás 20:30 h., e o domingo, ás 18:00 h.
A venda anticipada de entradas para estas catro funcións xerais xa está operativa a través do web entradas.abanca.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro os propios días do espectáculo desde dúas horas antes do comezo.”


