Desde
Sermos Galiza:
“(…) Nesta semana coinciden os dous actos de peche destas celebracións. O 15 de decembro no Teatro Colón da Coruña e o 18 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A música amorosa das palabras é o título do concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20:00 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria, co apoio da Deputación da Coruña. No concerto interpretaranse 20 pezas, desde as máis emblemáticas como “O carro” ou “Manual para deprender a Señorito” até outras que farán un percorrido pola obra do poeta, desde as composicións máis íntimas até as máis comprometidas, pasando por algunhas irónicas. Ademais, tamén servirá de presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
“Para nós o traballo de difusión da súa obra non vai rematar en 2016 mais quixemos poñer un broche a este intensísimo ano cun acto que pensamos tamén como recoñecemento a tantas persoas que se implicaron na difusión da obra de Manuel María, un recoñecemento para entidades culturais, viciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas súas, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade perciba a Manuel María como intérprete dos soños colectivos de galegos e galegas”, sinalou Alberte Ansede, da Fundación Manuel María.
Alberte Ansede destacou a relevancia de xuntar no mesmo concerto os nomes de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández e anunciou que o acto servirá tamén para a presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo e orixinal formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
A Gala Ano Castelao, que terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, reúne teatro, música e humor gráfico nun espectáculo multidisplinar para adultos.
Estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coa presenza do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, con Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, e con pezas teatrais que correrán a cargo de Celso Parada e de Limiar Teatro.
A entrada é de balde pero é necesario retirar ou reservar os convites con antelación.”
Arquivo da categoría: Teatro
Teatro do país
Artigo publicado en Horchataenlasvenas, de Rubén Reiriz Polo:
“Xornadas sobre a Dramaturxia galega
Teatro e crítica literaria (Salón Teatro, 9-12-2016).
– Roi Vidal: “É difícil xulgar a compañeiros de profesión. É difícil ser sincero. Ás veces recibimos malas caras, outras sorrisos… O que non recibimos son cartos. A crítica escénica está mellor ca nunca pero xamais será sa se non é minimamente profesionalizada”.
– Camilo Franco: ““Falamos moito e facemos pouco. Non é culpa nosa, nin vosa, nin sequera do presidente. A crítica non pode ser subsidiaria do obxecto do que se fala”. “Ser crítico non ten transcendencia. Está cerca do onanismo”.
A misión do teatro é analizar a sociedade, divertir, tentar a profundidade filosófica… Para o porvir hai que ollalo que pasa fóra. Facer un exercicio de exixencia. “O postdrama morreu tres minutos despois de nacer. A decoración de decorados non abonda”.”
– Inma López Silva: “Os críticos optimizamos recursos. Criticamos as pezas que vemos representadas sen ler os textos orixinais. Os que escriben teatro non o fan para o papel, sería decimonónico, senón para as táboas”. Clama pola profesionalización do oficio de dramaturgo. A crítica debe documentar como a sociedade entende as cousas. “Levantamos acta dun momento de cambio do teatro galego”.”
– Manuel Xestoso: “Os que estamos afeitos ó mundo escénico temos a crítica como profesión ou a lo menos como vontade”. A Idade de Ouro, se a houbo, rematou. “Só Inma escribía en 2012 en Tempos Novos unha vez ao mes. E a profesión non protestaba moito”. Dóelle esa falta de rebeldía. Dentro da crítica non só están as de 3000 caracteres,tamén pode haber crónicas, entrevistas, reportaxes… Manuel Bragado declarou que se publican apenas quince textos teatrais ó ano pero “na Revista Galega de Teatro publicamos outras catro que non constan. Esa porcentaxe amosa unha situación dramática”. Vai máis alá. “Hai un conflito de identidades. Calquera cousa que leve o apelido galego atópase grandes dificultades”.”
Zé Paredes: “Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe”
Entrevista de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”
Compostela: Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente
Manuel Lourenzo publica Nunca paraíso
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O dramaturgo Manuel Lourenzo acaba de publicar Nunca paraíso, un total de 39 pezas de teatro breve, escritas entre 1973 e 2015. O autor tamén recibiu por segunda vez o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola súa obra Suite Artabria. Pode accederse á entrevista aquí.”
Teo: Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos
Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 4 no Culturgal
Do 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 4 son:
– 12:00 h. Auga a través, de Dores Tembrás. Apiario. Presentación do poemario coa participación dos responsables do documental Os días afogados de Amanita Films. Espazo libro.
– 13:00 h. Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Nós Produtora. Proxección do documental coa participación de Xosé Luís Ledo, produtor, e Carme Vidal, guionista. Salón de actos.
– 13:00 h. Máis alá do azul e o rosa, de Ana Torres Jack, publicada por Galaxia. Coa autora e o editor Francisco Castro. Espazo libro.
– 13:30 h. Presentación de Cartas de inverno. Edición Especial 100.000 exemplares vendidos, de Agustín Fernández Paz, coa participación de Eulalia Agrelo, María Xesús Fernández, Isabel Soto e Manuel Bragado (Espazo Libro).
– 16:30 h. Presentación da Axenda de Mulleres 2017. Libraría Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo libro.
– 18:00 h. Mesa redonda de autoras de literatura fantástica dirixida a público xuvenil. Urco Editora. Con María Canosa e Alex Bayorti. Espazo libro.
– 18:00 h. Os soños na gaiola. Títeres Alakrán. Os soños na gaiola de Manuel María é unha obra de monicreques para público infantil e familiar. Con Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal. Espazo infantil.
– 18:30 h. Sinatura de María Solar, autoras de As horas roubadas (Stand de Xerais).
– 18:30 h. Un monstro vén a verme. Kalandraka. Presentación da versión en galego do libro de Patrick Ness. Con Xesús Fraga, tradutor, Paz Castro, de Kalandraka e representantes da Asociación de Loita contra o Cancro. Espazo foro.
– 18:30 h. Entrevista a Antonio Manuel Fraga e Carlos Quiroga, gañador e finalista do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Urco Editora. Espazo libro.
– 19:00 h. Conversa da xornalista Selina Otero con Ledicia Costas, gañadora do Premio Lazarillo 2015 con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicada por Xerais (Espazo Libro).
– 19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas e Víctor Rivas, autora e ilustrador de Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta (Stand de Xerais).
– 19:30 h. Kneves no Autoblues Chicago-Fornelos. Co poeta Kiko Neves e os guitarristas Phil Chicago e Róber Fornelos. Espazo foro.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello, autor de A ferida do vento. Galaxia. Coa xornalista Selina Otero. Espazo libro.
– 19:30 h. «Os xoguetes de Clío. Unha homenaxe a Carlos Casares». Polo correo do vento. Espazo infantil.
Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (e II)
A I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe as intervencións de Xavier Albertí e o público asistente na aula maxistral que deu o autor catalán:
– Aula maxistral de Xavier Albertí (I):
– Aula maxistral de Xavier Albertí (II):
– Aula maxistral de Xavier Albertí (III):
– Aula maxistral de Xavier Albertí (IV):
Manuel Lourenzo: “Haberá que preguntarse a quen lle interesa que o noso teatro fracase”
Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (I)
A I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas dúas intervencións:
– Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
– Intervención de Afonso Becerra.