Ana Romaní: “A cultura non é unha axenda de lecer”

Entrevista de Xesús Fraga a Ana Romaní en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Este galardón supón un bo momento para facer balance?
– Ana Romaní (AR): Son pouco de facer balances, por máis que creo que no noso traballo cómpre estar sempre vixiante dos propios pasos, das liñas que os marcan e de como iso se proxecta socialmente. É preciso revisar cada día de qué serve o que facemos e estar criticamentente atentos e atentas a quen serve o noso traballo, de quen é realmente cómplice. Sempre tentei moverme, na medida do posible, e tamén coas miñas limitacións e as das circunstancias, en niveis de esixencia para corresponder á cultura deste país con rigor, dignidade e respecto. Ás veces o exercicio profesional foi difícil, complexo e cheo de tensións. Aínda así, o balance é moi positivo. En maio e xuño recibín mensaxes de persoas que seguían o Diario Cultural que xustificaban por si soas o traballo de 28 anos na radio pública.
– LVG: De que se sente máis satisfeita?
– AR: Do plural. Do plural na construción dun espazo de cultura que foi resultado do traballo en equipo, o dos compañeiros e compañeiras da Radio Galega, tamén dos colaboradores e colaboradoras, que son parte fundamental, e tamén fundamental foi a complicidade das xentes da cultura. Hai un plural que dalgún xeito foi facendo daquel Diario Cultural co formato que tivo ata agosto un espazo de encontro, colectivo, partícipe e implicado, que pretendeu estar atento e acoller as voces todas que desde distintos lugares están a conformar os discursos culturais da Galicia contemporánea.
– LVG: Que consecuencias tivo o cambio de formato?
– AR: Non comparto a formulación actual do espazo, nin os criterios e obxectivos aos que responde. De feito, a miña vinculación cos espazos que agora reciben a denominación de Diario Cultural, moi afastados do que foi o formato, é a dunha redactora máis do equipo. Desde esta posición talvez non sexa eu a persoa indicada para valorar as consecuencias.
– LVG: Cre que o premio pode ser unha reacción contra iso?
– AR: Para min este premio ten un sabor colectivo que me gratifica especialmente. Creo que no xornalismo regresar ao espazo social no que o traballo toma sentido é imprescindible, e algo diso está a acontecer agora entre os e as profesionais da CRTVG. Accións como as que desenvolvemos cada venres desde hai 18 e movementos como o de Defende a Galega son indicadores de que aínda hai moito por facer e que o xornalismo e os medios públicos galegos aínda teñen unha función social que cumprir, e que os seus e as súas profesionais non só están dispostas a facelo, senón que queren facelo e esixen as condicións, aprobadas nunha lei, que o permitan.
– LVG: Servizo público e visibilizar a cultura son os eixes sobre o que construíu o seu traballo?
– AR: Si, é un orgullo traballar nun medio público. Creo que os medios públicos de Galicia teñen pendente esa función de crear modelos propios de comunicación e información para un país, ir mais aló de ser medios de comunicación en galego, e crear modelos e paradigmas propios. Por outra banda, na base das miñas preocupacións profesionais está a visibilización da cultura en toda a súa amplitude, porque a cultura non é unha axenda de lecer nin un relato acelerado dunha sucesión de espectáculos sometido aos intereses do mercado ou doutra índole, que os hai.”

Vigo: “Os mundos de Ferrín”, do 20 de setembro ao 18 de outubro

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 7 de agosto

O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Encontro Os poetas e os seus libros. Participan: Xosé Luís Mosquera Camba, Míriam Ferradáns e Carlos Lixó. Modera: Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:00 h. Ana María Fernández asina Ring, ring!…quen rima?, na caseta de Hércules Edicións.
19:30 h. Eva Veiga asina na caseta de Lume.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Mercedes Queixas, María Canosa e Fran Alonso.
20:00 h. Pedro Casteleiro na Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Avante todas. O papel do feminismo despois do 8M (Revista Luzes). Con Manuel Rivas, Goretti Sanmartín, Ana Luísa Bouza e Claudia Morán.
21:15 h. Presentación de Galicia en bus de María Reimóndez, publicado por Xerais. A autora estará acompañada de Manuel Rivas, Eli Ríos, Emma Pedreira e Fran Alonso.

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 19 de xullo

Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 11 de xullo

O 10 de xullo comeza a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día (o 10 de xullo lerá o pregón inaugural Marcelino Agís Villaverde, a partir das 20:30 h.):

19:30 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
20:30 h. Charla ilustrada. Antes e despois de María Victoria Moreno, organizado por Urco Editora. Participan Eli Ríos, Lorena Conde, Lara Torres, María Montes e Xavier Senín.
22:00 h. Coloquio A liberdade de expresión e os seus límites, moderado por Elena Gallego Abad. Con Rodrigo Cota e Xabier Fortes.

“Isidro Novo: transeúnte en tránsito”

Desde Sermos Galiza:
“O A Fondo que acompaña o #sermos301 está dedicado a Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. O caderno de análise do Sermos alcanza esta semana o seu número 200.
Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. A súa obra tanto en verso como en prosa retrata o demorado que facer dun creador ousado e meticuloso. Poeta enorme, narrador experimental, recitador brioso, acubillador de palabras esquecidas, persoa doce e afable, sempre elegante no dicir e no facer. O A Fondo que acompaña o #sermos301 céntrase no autor lucense.
‘Querido Isidro’, é unha carta de Cesáreo Sánchez Iglesias ao falecido escritor. Mercedes Queixas, en ‘Unha camelia negra e o canto dun merlo’, lembra e explica a súa amizade con Isidro Novo.
Xosé Ramón Freixeiro Mato lembra en ‘Palabras con memoria’ o compromiso do escritor pola recuperación de palabras galegas, nun labor que alicerza o rico patrimonio lingüístico popular e que tamén desenvolveu a través dunha sección semanal en Sermos Galiza.
‘A beleza das marxes’, de Calvo Vidal. Resulta evidente que o mundo literario de Isidro Novo hai que atopalo na súa orixinal escrita. Á marxe de cuestións contextuais e, polo tanto, accesorias. Unha escrita enraizada nos sentimentos, nos ideais, nos soños, nos pesadelos, nas preocupacións e nas dúbidas dun home, dun poeta que sempre foi en serio, como moi poucos seres humanos o fixeron.
X. H. Rivadulla Corcón con ‘As sensacións de sentir ao poeta Isidro Novo’ debulla a vertente poética do lucense. Lois Pérez, ‘Coma un curandeiro da memoria’; ‘Na memoria de Isidro Novo’, Xosé Vázquez Pintor; ‘A memoria’ de David Otero; Antonio Reigosa e ‘Como as bolboretas’ completan o caderniño.”

Compostela: Xornada técnica Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital, o 8 de xuño

O 30 de abril sae Adiante.gal

Desde Adiante:
O luns 30 de abril abriremos as cinco fiestras do adiante.gal e empezaremos a publicar as nosas historias con regularidade. Nas seguintes semanas as entrevistas, as reportaxes e os artigos de opinión das nosas colaboradoras serán de acceso gratuíto, mais precisamos de vós para ir robustecendo o proxecto. Estes días abriremos tamén a porta das subscricións e nuns meses empezaremos a cobrar polos contidos, porque acreditamos que a independencia e a sustentación do xornal teñen que ser responsabilidade das xornalistas e das lectoras. (…)
Estas serán as modalidades de subscrición no inicio do adiante.gal:
o Subscritoras durante un ano
52 €
Acceso a todos os contidos da web | Publica e debate nos comentarios | Boletín quincenal de novas | Praza reservada nos actos públicos
o Dous anos de confianza
104 €
Acceso a todos os contidos da web | Publica e debate nos comentarios | Boletín quincenal de novas | Praza reservada nos actos públicos | Todas as publicacións en papel editadas
o Fai parte da Cooperativa desde agora
300 €
Todos os servizos de subscritora por dous anos | 248€ de contribución ao capital social | Dereito a voz de voto na Cooperativa | Todos os dereitos recollidos na lei galega.”