Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Terceira emisión do programa dirixido por María Solar. A nosa intención: contar historias, coñecer autores, ilusionarvos, e saber desas paxinas nas que vivimos outras vidas. Pode escoitarse aquí.”
A Estrada: presentación de Versos e bolboretas, de Mónica Inés Varela
Lugo: presentación de Os fíos de infantil, de Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca
(Adiado por non poder viaxar a comitiva catalá) Compostela: Poetas itinerantes/Poetes itinerants
O acto mantense aprazado ata novo aviso.
Ledicia Costas reivindica en A señorita Bubble o papel da muller na ciencia
Artigo de Xesús Fraga sobre o novo libro de Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.
A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.
Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos. (…)”
Chus Pato ingresa na Academia explorando os límites da poesía
Desde a Real Academia Galega (fonte da foto: RAG):
“Chus Pato ingresou o sábado 23 de setembro na Real Academia Galega como membro de número cunha reflexión sobre a creación poética e os seus límites que profunda na relación da poesía coa linguaxe e a filosofía. A poeta salientou tamén, nun acto celebrado no IES Otero Pedrayo de Ourense, a importancia da poesía para o idioma e reivindicou o dereito dos nenos e nenas a seren educados na arte poética. “O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente”, expresou. A intervención foi así mesmo unha inmersión no propio proceso creador da autora, unha orientación para a lectura da súa obra, “e tamén de calquera poema que se xestara nas marxes indecisas da linguaxe na procura dunha palabra capaz de dicir o mundo”, valorou o académico Francisco Fernández Rei, encargado de lle dar resposta en nome da RAG.
A sesión extraordinaria e pública, conducida polo presidente, Víctor F. Freixanes, contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, e de moitas outras persoas que ateigaron o paraninfo do instituto para acompañar a poeta neste día. Antes de dar lectura ao seu discurso, Chus Pato quixo recordar a escritora e académica Xohana Torres, finada o pasado 12 de setembro. “Á súa mestría, ao seu ronsel, encomendo as miñas palabras”, arrincou a nova académica. Chus Pato entrou no paraninfo acompañada polas dúas últimas persoas que ingresaron na Academia xusto antes ca ela, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Foi unha imaxe protagonizada por primeira vez só por mulleres, unha imaxe histórica, sinalou o presidente, acorde coa aposta da RAG nos últimos anos por contar co “gran pulo que é a incorporación da muller”, “a presenza activa da muller, da bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro”.
Desde o sábado 23, Chus Pato ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con afecto. “A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai”, dixo a escritora, que recordou xunto a el os demais académicos que o precederan neste posto, Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao. A cerimonia de ingreso celebrouse no instituto ourensán no que estudou, onde foi alumna doutro académico, Xesús Ferro Couselo. Nunha mañá dos seus tempos de estudante, o académico encubriuna ante a policía franquista insistindo en que estaba na súa aula cando colaborara na distribución de panfletos da UPG no adro do edificio. “Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía”, agradeceu. (…)”
Rois: presentación de Catro pedras vellas, de Pere Tobaruela
Ourense: presentación de Os nomes do terror
Crónica fotográfica do Paseo Literario Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey
Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Compostela en Nordeste, que tivo lugar o xoves 21 de setembro, dirixido por Daniel Asorey. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.