Desde a páxina web de Antonio Reigosa:
“Cunqueiro só foi convidado a visitar a Real Academia Española despois de morto. Nunha ocasión, tres anos despois do seu falecemento, chegou alí da man da escritora Elena Quiroga, cando no seu discurso de ingreso na augusta casa, pronunciado o 8 de abril de 1984, falou de “Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro”.
Pasarían moitos anos ata que outro académico convocase o seu espírito para lembrar, esta vez con apaixonamento, a grandeza e singularidade da obra do escritor mindoniense. Era o 30 de xuño de 2011 e quen falou con tal devoción da excepcionalidade da obra de Cunqueiro foi Pere Gimferrer. “En el regreso de Álvaro Cunqueiro” era o reclamo co que aquel día debullou o poeta catalán, sen papeis, unha lección maxistral arredor dun escritor illado e único, pois dixo que non tiña antecedentes nin descendentes literarios.
É certo que algo lle debía Gimferrer a Cunqueiro desde o 26 de abril de 1964. Nesta data, no Faro de Vigo que estaba a piques de comezar a dirixir, Cunqueiro, parapetado tras do pseudónimo A. L. (Alvaro Labrada), dedicoulle unha eloxiosa crítica a un dos primeiros libros de poemas do autor catalán. Escribía Cunqueiro que de todo o que lera naqueles tempos, o que máis o sorprendera e espertara fora aquel “Mensaje del Tetrarca” que o mozo de 18 anos chamado entón Pedro Gimferrer acababa de publicar.
Recoñeceu Gimferrer que só Cunqueiro entendeu e comprendeu os seus poemas, e que naquela análise tan favorable estaba o principio de todo canto de bo tivo, que foi moito, a súa excelente carreira literaria. Sigue lendo
A poesía encéndeche luces
“Para celebrar o día mundial da poesía, a Asociación EcoCultural Lacrar (AECL) organiza o evento A poesía encéndeche luces.
Até o día 11 de marzo, todo o mundo que queira participar poderá enviar, en galego, o seu poema preferido, unha composición propia, ou calquera cousa relacionada coa poesía ao correo da AECL (aeclacrar1@gmail.com) co asunto A poesía encéndeche luces, por mensaxe interna a través do Facebook, pegándoo na páxina do evento ou poñéndoo como comentario a esta entrada (estes poemas deberían de axustarse preferiblemente a medio folio).
Todos os poemas recibidos imprimiranse e o domingo 20 de marzo á noite organizarase unha quedada para pegar todo o material nos farois e puntos visibles ao longo de todo o concello de Carral.
Á hora de enviar o poema, tamén se deberá axuntar o nome do autor e o libro, no caso de que o poema estea publicado, ou un nome, pseudónimo ou alcume no caso de que sexa de produción propia.”
Anxo Angueira revisa Follas Novas
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, revisa Follas Novas nunha nova edición que publica Xerais: “A nación de Follas Novas son as mulleres”. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Rosalía e Manuel María vense en Outeiro de Rei
Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Outeiro de Rei acolleu a segunda edición do concurso de recitado Rosalia Sempre Viva. Centenares de persoas gozaron e reivindicaron cos versos de Manuel María e Rosalía. (…)
Era o segundo ano que se celebraba o concurso. Dividido en catro categorías, para estudantes de infantil, primaria e secundaria, en sesións de mañá e tarde, un a un ou en grupo, mais de 150 participantes trouxeron até Outeiro poemas de Rosalía porque os de Manuel María xa estaban alí. De Manuel, os mais recitados foron os que reivindican un idioma de noso, seguidos dos dedicados a Saleta; de Rosalía, a emigración, a falta de xustiza social, a reivindicación da muller ocuparon os primeiros postos. (…)
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
Ademais, o xurado outorgou catro mencións honoríficas: ao grupo de alumnas/os do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo polo poema O arco da vella de Manuel María, ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei polo recitado do poema A lúa de Manuel María, a Carmen Peñalver Dequit, alumna do IES Xoán Montes de Lugo, polo poema Fun o domingo de Rosalía e a Teresa Elvira López Martínez, do IES Aquis Querquenis de Bande, co poema Negra sombra de Rosalía. (…)”
A Coruña: representación de Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro
O martes 1 de marzo, ás 20:00 horas, no Forum Metropolitano (Parque Europa, s/n), na Coruña, o grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda representa a obra Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro.
“Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Margarita Ledo presenta o libro-DVD Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra, unha aproximación íntima á figura do poeta. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Antón Patiño presenta a súa Teoría do riso
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A Teoría do riso, de Antón Patiño, publicada en Xerais, é unha obra en que o autor reivindica o riso revolucionario e transgresor fronte á descomposición e á decrepitude do poder. É un poemario de “intres”, onde o son da palabra falada reflicte a súa sombra no espazo branco das páxinas. A entrevista pode verse aquí.”
Helena Villar elixiu Rianxo para celebrar a homenaxe da AELG “A Escritora na súa Terra”
O pasado 13 de febreiro a Asemblea de Socias/os da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle no marco dos actos de homenaxe que baixo o nome “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E” a AELG vén celebrando desde hai 22 anos; será en Rianxo por decisión da autora, o día 18 do mes de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a Terra, a través neste caso do Concello de Rianxo, e a propia homenaxeada cobran un protagonismo fundamental, pois é vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
O xoves 25 de febreiro tivo lugar unha reunión de Cesáreo Sánchez co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, para tratar dos detalles da organización, dado que esta celebración múltiple e popular conta cunha serie de eventos como a plantación dunha árbore simbólica, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público ou infraestrutura cultural do concello, ademais dun acto de estudo da traxectoria literaria da persoa recoñecida a través dunha laudatio que será feita por Marica Campo, acto que remata coa entrega da Letra E, unha peza escultórica que este ano elabora o escultor Caxigueiro.
A Coruña: O fillo da furia. 20 voces por Lois
O domingo 28 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar O fillo da furia. 20 voces por Lois, homenaxe a Lois Pereiro, froito dunha colaboración entre AELG e o Concello da Coruña.
Coa participación de Alfredo Ferreiro, Álvaro Antelo, Ana Romaní, Antía Otero, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Iolanda Zúñiga, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mario Regueira, Miguel Mato, O Leo i Arremecághona, Ramiro Torres, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas, Xavier Seoane, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xulio Valcárcel e Yolanda Castaño.
Coa colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.
Produción: Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas e Lino Braxe.
Escola de Escritoræs: Obradoiro a cargo de Carlos Negro. “O poema é un animal escondido”
Obradoiro de creación literaria da Escola de Escritoras/es da AELG, a cargo de Carlos Negro, cunha sesión de malabarismo creativo a cargo de Baldo Ramos.
No Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda)
Aberto o prazo de inscrición.
25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (inscricions@pontevedra.eu).
O poema é un animal escondido
Se queres escribir, desanda o camiño.
Abre os ollos, as orellas, as portas da casa.
Escoita o inaudible.
Achégate como quen pasa a man polo lombo dunha besta salvaxe.
Estou dentro de ti.
Eu son o poema.