Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez gañan ex aequo o 11º Premio Abrente de Textos Teatrais

Desde13729169_10153632491211857_8866966479130160817_n a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“Acta do Xurado do 11º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT Ribadavia.
19 de xullo de 2016
Reunidas:
-Marta Pérez, actriz. (Vogal).
-Iria Sobrado, actiz (Vogal).
-Esther Carrodeguas, dramaturga premiada co 10º Abrente.
-María López, Concelleira de Cultura (Presidenta).
Roberto Pascual, Director da MIT (Secretario).

Acordan:

Conceder ex aequo o Premio aos textos presentados co título Fendas presentado co lema de “Lugasi Karloff” e o titulado Todo sobre Eva, co lema “Todas somos Eva”.

Todo sobre Eva é unha obra con temática urxente, necesaria e que arroxa luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condición de ser muller e a violencia de xénero.

É un texto poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos.

Fendas é un texto que fala sobre a memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que está sucedendo no noso presente. Amósase quizais con este texto que non están resoltas moitas das cuestións do pasado, que é preciso e oportuno traer aos nosos días. A peza podería trasladarse a calquera tipo de poder social e político que impón a súa maneira de estruturar unha determinada sociedade sen ter en conta todo o legado anterior. Por todo iso, porque está pasando hoxe no mundo, o texto ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da banalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade.

Abertas as plicas, o autor e a autora premiados son:
Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez.”

Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do xoves 21

O Feira do Libro de Rianxo 2016xoves 21 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Pregón a cargo de María do Cebreiro.
20:00 h. Presentación do libro de poemas O Deserto, de María do Cebreiro, publicado por Apiario, acompañada por Antía Otero e Ismael Ramos. A continuación, coloquio arredor do libro As dúas ourelas, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Fervenza, coa participación de Miro Villar e Luís Reimóndez.

Carballo: actividades do xoves 21 na Praza dos Libros

Chegafeira-do-libro-carballo-2016 unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 21 ao 24 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 21, destacamos os seguintes:

12:30 h. Pregón a cargo de Xosé Lois González “O Carrabouxo”.
18:30 h. Teatro na mochila. Contacontos infantil a cargo de Anxo Moure.
21:00 h. Presentación da novela DisParo, de María Canosa, publicada por Embora.

Questionário fou(cinha): María Alonso

EntrevistaMaría Alonso Alonso a María Alonso na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María Alonso (MA): Non teño fillas pero teño un can que pasa de min, así que cando non me dá o día, quítolle horas á noite.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MA: Escribo para quen me queira ler e os temas que trato eu os vexo como universais, mais comezo a pensar que ao ser escritora e utilizar mulleres como protagonistas os meus textos vanse clasificar automaticamente como literatura feminina ou mesmo xuvenil. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MA: Pois si que me pasou, si. Ou quen é o meu escritorO favorito e cousas así.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– MA: Veño de rematar o meu primeiro poemario, así que ao tempo. (…)”

Ramón Nicolás: “As mulleres foron varridas da historia da Idade Media”

Entrevista Ramón Nicolása Ramón Nicolás no Faro de Vigo, desde Xerais:
“- Faro de Vigo (FV): Tendo en conta que unha das túas facetas máis coñecidas é a de crítico literario, estrearte como novelista é cáseque unha ousadía. ¿Que foi o que te animou a escribir O espello do mundo? ¿Como naceu esta historia que contas?
– Ramón Nicolás (RN): Na nosa tradición literaria, e noutras, creo que non son o primeiro caso que conxuga traballos creativos deste tipo. Na realidade sempre entendín tanto a crítica como o ensaio como unha faceta creativa máis, sen dúbida pola que circulei con máis intensidade nos últimos anos, iso si. As diferenzas entre a práctica da crítica e enfrontarse á creación dunha novela son evidentes, claro, e talvez a máis importante sexa que para esta última cómpre ter unha historia, ou varias, e manexar os recursos apropiados para contala…, e a deste libro asaltoume case se querelo. Participo da opinión, con todo, que a crítica tamén é un exercicio de creación aínda que o seu obxectivo sexa interpretar, orientar ou informar. A idea da novela naceu hai anos e xurdiu tras coñecer un territorio concreto como foi a igrexa de San Pedro de Ramirás nas Terras de Celanova: a única memoria conservada do que foi un cenobio feminino medieval, rodeado hoxe polas instalacións dunha residencia xeriátrica. Aí había unha metáfora vinculada co tratamento que se lle dá e deu ao noso patrimonio, tamén coa nosa memoria. Alí había unha historia que tentei contar. Talvez a darlle forma contribuíu tanto o feito de decatarme de que levaba máis de dúas décadas dedicado á interpretación doutros textos como de abordar un desafío cun proxecto se se quere de índole máis persoal. (…)
– FV: Sorprendeume algo que dixeches nunha entrevista: que as mulleres que eran abadesas na Idade Media chegaron a ostentar un gran poder. ¿Como se explica isto nunha sociedade que, agás excepcións, en xeral ignoraba ás mulleres?
– RN: Basicamente porque, ao meu xuízo, se reiterou unha única lectura do medioevo que é etnocentrista e patriarcal, onde as mulleres foron varridas e borradas da historia oficial. Isto aconteceu nalgunha medida con figuras fascinantes como a propia Hildegarda von Bingen que protagoniza boa parte da novela. Daquela…, que ía ocorrer con aquelas abadesas de conventos como o de San Pedro de Ramirás, o de San Salvador de Sobrado de Trives ou o de San Salvador de Ferreira de Pantón, todos eles conventos femininos…? O seu poder, derivado da relevancia que no seu tempo representaban as ordes relixiosas ás que pertencían, era absoluto e total, indo máis alá do que hoxe chamariamos modos de produción e de organización. A óptica coa que entendían o mundo era irrebatible, eran cabezas espirituais e señoras temporais das terras e das xentes que vivían nelas, de aí o xogo de espellos que quixen reflectir nesta novela. Fórono naquela época e fórono mesmo, no caso das monxas de Ramirás, ata despois de 1499 cando tras a reforma bieita foron anexionadas a San Paio de Antealtares en Compostela, gozando alí e mesmo despois de privilexios e prerrogativas especiais. A intención era rescatar, desde a ficción, este mundo. (…)”

Miguel Anxo Fernández: “Polas veas de Frank Soutelo flúe a retranca galega”

EntrevistaMiguel Anxo Fernández de Xesús Fraga a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Nesta novela [Un dente sen cadáver] conflúen na trama dende a especulación urbanística á explotación de mulleres…
– Miguel Anxo Fernández (MAF): A actualidade soe marcar as tramas na procura da complicidade dos lectores, aínda que tamén evito a retórica. Intento ofrecer lecturas parellas de temas que ao tempo asoman o lado escuro da condición humana. Por desgraza a especulación mantense viva, como a violencia contra as mulleres e a súa explotación.
– LVG: A novela negra pode ser pura, paródica, para recrear un personaxe ou esculcar nos males da sociedade. ¿Cal destes factores ou outros pesan máis na serie?
– MAF: Teño moi claro que fuxo de poñer a Frank Soutelo nun púlpito para arengar ao lector con simplezas. Quédome co que teña de puro un fulano que arremete contra o peor da sociedade pero á súa maneira, mesmo saltándose as normas e ás veces entre certa confusión moral. Pero tampouco renuncio ao humor. Polas veas de Soutelo flúe retranca galega e procuro rodealo de tipos que dean un certo xogo divertido, caso do funerario de Los Ángeles, Sugar Jones, e o propio Poncio, taberneiro en Muros.
– LVG: Tres casos en Estados Unidos e outros tres en Galicia. ¿Soutelo é o que agora se denomina un emigrante transnacional?
– MAF: O seu pai foi garda de asalto na República e houbo de fuxir para rematar en Nova York, pero era amigo do gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro; era un tipo comprometido coa cultura propia. Iso pasoullo a Frank, non así á súa irmá? Os seus casos norteamericanos teñen un ton máis de xénero, máis apegado ao cine: alí vai de tipo solitario co único apoio da súa secretaria, Pat Pérez, neta dun fragueiro lugués forrado en Oklahoma. Pero aquí atópase con amigos cos que intima, ten familia que o acolle, e iso cambia a súa perspectiva. Gusta de Galicia e viaxa moito por ela, aínda que por veces cústalle entendela. Temos menos habitantes que Los Ángeles; non chegamos ao 10 % da extensión de California. Outro tanto coa paisaxe, coa xente, e mesmo coa criminalidade. Hai un toque diferencial a salientar. (…)”