Radiocrítica do 16-02-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 16 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Galleira Passport, de Luís Menéndez (00:45), Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, de Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín (8:45), do colectivo Eno mar cabe quanti quer caber (15:10) amais de Os Bolechas van á Mariña lucense (22:00), de Pepe Carreiro.”

Pódese escoitar directamente aquí.

Cuestionario Proust: Xosé Iglesias

DesdeXosé Iglesias 2 o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Iglesias:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
“– Traballador, honesto e esixente.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade e a honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me aprecien o mesmo que eu a elas.
4.– A súa principal eiva?
– Un punto de intolerancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Construír barcos no meu estaleiro e versos no tempo libre.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ollar como morremos todos de velliños despois de vivir unha vida plena.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a algún familiar próximo, supoño.
8.– Que lle gustaría ser?
– Non aspiro a ser máis do que son, chégame o que teño, iso si, que non mo rouben.
9.– En que país desexaría vivir?
– No centro do mar, nunha nación chamada Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Todas, cada unha delas nunha situación diferente.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Non son de flores, escollo a rosa (dos ventos).
12.– O paxaro que prefire?
– Pola súa maxestosidade, e sobre todo pola cor dos seus ollos, o mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
– Se falan do mar, escollos a todos.
14.– E na poesía?
– Un ou dous poemas de cada poeta, aínda que me emocionan moito os poemas de Manuel Antonio, ou Antón Avilés.
15.– Un libro?
– Merqueino con 16 anos e acompañoume en moitas ocasións: Costa de la muerte, historia y anecdotario de sus naufragios, de Jose Baña Heim.
16.– Un heroe de ficción?
– O capitán Nemo.
17.– Unha heroína?
– Como homenaxe a Begoña Caamaño, quédome coa súa Morgana.
18.– A súa música favorita?
– Toda a música folk da Galiza, sen excluír a ninguén. Teño devoción tamén por Yann Tiersen.
19.– Na pintura?
– Enchería toda a miña casa de cadros de Viki Rivadulla, a pintora do mar.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os patróns de pesca, e os mariñeiros, que arriscan as súas vidas a diario para que a xente poida comer peixes salvaxes. O mesmo as mulleres da nosa terra que nos axudaron e moito a erguer esta nación.
21.– O seu nome favorito?
– César, que me ronda pola cachola moi moi a miúdo (así se chama o meu pequeno).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Quizais e ollando a historia a través dos séculos, todos aqueles que impuxeron a súa ideoloxía sobre o resto e por iso mataron a moitos seres inocentes, os ditadores en xeral.
25.– Un feito militar que admire?
– No pobo veciño de Portugal, a histórica revolución dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber tocar un instrumento musical facilmente (cousa que me é imposible).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sexa cando sexa o momento, sen sufrir moito.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cabreadísimo con estes políticos que están roubando o noso mar descaradamente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non me molestan demasiado as pequenas mentiras.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive tranquilo e deixa vivir en paz os que te rodean.”

Taboleiro do libro galego XXXI (febreiro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de febreiro. Grazas, nesta ocasión, a un total de trece librarías galegas colaboradoras neste proxecto como son: Trama, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
5º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
6º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
7º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
8º-.  A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo, Galaxia.

POESÍA
1º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
3º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
4º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
5º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
6º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
7º-. Espectros, de Rosa Enríquez, O Figurante.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora, e O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. História literária e conflito cultural, de Isaac Lourido, Laiovento.
4º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
5º-. Galleira Passport, de Luís Menéndez, Alvarellos.

XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Xerais.
3º-. Feitizo de sangue, de Sabela González, Galaxia.
4º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
5º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
6º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.

INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani (ilustracións de João Vaz de Carvalho, tradución de Xosé Ballesteros), Kalandraka.
3º-. Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles (ilustracións de Alicia Suárez Otero), Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Mar interior, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 14, xaneiro, 2015.
2º-. ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, Edicións Positivas.
3º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

Tabela dos Libros de marzo de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_marzo_tabela

Pontevedra: espectáculo de A guerra dos números, con Lucía Aldao e María Lado

OMaría Lado e Lucía Aldao martes 3 de marzo, ás 18:30 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Auditorio Pazo da Cultura), María Lado e Lucía Aldao, co Seminario Permanente de Jazz Trío, participan no espectáculo interactivo de teatro e música, baseado no libro de OQO Editora A guerra dos números. Está dirixido a público a partir de 3 anos, cun prezo de 3 euros.

Luís Valle gaña o III Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

DesdeLuís Valle o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na tarde do xoves 26 de febreiro, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.
Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.
Xunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.
Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.
As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.
Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra. (…)”

Queres participar nalgún dos xurados dos Premios Xerais 2015?

DesdePremios Xerais Xerais:
“Despois de tres décadas de protagonismo dos lectores e lectoras non profesionais nos xurados dos seus premios literarios, Xerais acordou neste ano 2015 abrir a posibilidade de que participen neles aquelas persoas que así o desexen. Con esta intención, ábrese unha convocatoria para escoller tres persoas que formarán parte de cada un dos xurados da 32ª edición do Premio Xerais de novela, da 30ª do Premio Merlín de literatura infantil e da 7ª do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.
Nesta convocatoria poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e residentes en Galicia que antes do 16 de marzo de 2015 envíen ao correo xerais@xerais.es un texto no que xustifiquen o seu interese por participar no xurado que sexa da súa preferencia. Nesta comunicación deben facer constar o seu nome, enderezo postal, teléfono, correo electrónico de contacto e calquera outro dato persoal que consideren de interese para candidatarse.
As persoas participantes nesta convocatoria comprométense a valorar os orixinais que sexan sometidos á súa consideración durante os meses de abril e maio de 2015, a asistir ás dúas reunións deliberativas convocadas pola editorial, así como a acudiren ao acto do ditame que se celebrará no curso da Festa Xerais o 6 de xuño de 2015. Do mesmo xeito, asumen que estas tarefas non serán retribuídas, declaran non ter relación familiar con ningunha das persoas concorrentes e comprométense a manter confidencialidade sobre as lecturas, deliberacións e acordos nos que participen.
Para calquera dúbida sobre os termos desta convocatoria, escribir a xerais@xerais.es

Vigo 24 de febreiro de 2015″