Reportaxe: Pablo Bouza gaña o Díaz Castro

Desde Terracha.xa:
“(…) O poeta, nacido en Fene e licenciado en Fiolosofía e Ciencias da Educación, séntese moi afortunado por ter obtido dito premio, e conta que cree ter “unha conexión espiritual coa chaira que parece que me da sorte”. Bouza gañou en cinco ocasións o Certame de Poesía de Vilalba, nos anos 2003, 2004, 2009, 2010 e 2013, e considera a vila a súa “praza poética”. Agora, despois de seis anos sen publicar, volverá ter nas súas mans un novo poemario que será editado por Espiral Maior. “Para poder publicar hoxe en día o máis viable é presentarse a certames cos que conseguir ese premio. Estes concursos vanlle dando firmeza á túa obra e permiten que se poida visibilizar. O de Guitiriz aínda é moi novo e hai que recoñecer que todos os premiados sempre son poetas de relevancia”. Esta obra sumarase aos seis libros que xa ten publicados, e o premio aos 13 galardóns que obtivo polo momento polas súas estrofas.
Na súa nova creación, Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse, os lectores divisarán a liña de escritura característica de Bouza “nas miñas obras hai un fío común que é a memoria, para min é algo que nos fai imperecedoiros. Sempre escribo referencias ao fogar, establezo diálogos coa memoria persoal e colectiva, ademais de tratar os grandes temas da historia universal: o amor, a morte, a fraxilidade da vida…”.
Ademais de manter un dos recursos que máis caracteriza a súa poesía, a metáfora, o galardoado trata de transmitir imaxes aos lectores dende as súas verbas “non só sonoras ou orgánicas, senón de dor e desasosego, unha poesía transparente, sen medo”. O propio título da obra pretende provocar esa reacción no lector, “que a xente atope o que lle transmiten a cada un as igrexas, soidade, amor… Hai un poema no que explico o que significou para min nun momento dado”.
Ademais de ter familia numerosa, Pablo Bouza exerce de xefe do servizo de Cultura e Educación no Concello de Culleredo, pero non compaxina con horarios a súa vida laboral e familiar e a súa paixón. “Son un poeta moi pouco racional, son moi inspirado e os poemas chéganme como lanzas. Recollo os versos e logo se converten en poemas e despois en libros. Non programo, nin compaxino, vou escribindo e cando sinto que teño un libro rematado preséntoo nalgún certame. Trato de atopar a poesía nas cousas da vida cotiá, os libros van xurdindo e chegan como eles queren”.”

Gloria Gómez Pavía gaña o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado, no Concello da Estrada, formado pola poeta Yolanda Castaño Pereira, a ilustradora Rosa Cabanas, o crítico literario Armando Requeixo, Carlos Loureiro Rodríguez, como secretario, e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de novos proxectos de Editorial Galaxia, escolleu por unanimidade a obra gañadora.
Despois de valorar orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou conceder o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Eva, a carteira espacial, de Gloria Gómez Pavía.
O xurado destacou desta novela que é unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva. Vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas. A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas.”

Antonio Reigosa: “Perdemos a nosa capacidade para interpretar o simbólico”

Entrevista a Antonio Reigosa en Xornal da Mariña:
“(…) – Xornal da Mariña (XM): Como nace a idea de publicar este libro [Cen historias máxicas pola Mariña encantada]?
– Antonio Reigosa (AR): Pois é unha idea vella. Eu son de Mondoñedo e levo moitos anos investigando a literatura de tradición oral. Unha das necesidades ou ilusións que tiña era traballar o material da Mariña. Este libro é unha especie de antoloxía, non é un inventario. É o primeiro manual sobre o lendario dos quince concellos das tres Mariñas. Había esa necesidade, esa ilusión, e deuse a circunstancia de que Libros Lar estaba interesada en publicalo e Neira Brochs en ilustralo.
– XM: Vostede utiliza o “fértil campo de lendas ritos e mitos” da Mariña. Pensa que a nosa mitoloxía non é demasiado coñecida ou mesmo que non hai demasiado interese por ela?
– AR: Aquí xúntanse varios asuntos. O interese xérase na medida na que a xente coñece o patrimonio como este, intanxible e complexo de entender pola súa simboloxía e que non forma parte do currículo escolar. Todo o mundo sabe onde hai unha catedral, unha igrexa románica ou unha ponte interesante, pero pouca xente sabe onde hai lendas que merecen a pena salvo no seu entorno.
Eu creo que o interese polo patrimonio inmaterial hai que xeralo e hai que facelo divulgando, axudando a entender un pouquiño o que significan os mouros, os encantos, os tesouros, as doncelas, as sereas… (…)
– XM: Hai algunha distinción significativa ou dato salientable na mitoloxía da Mariña comparado con outras zonas de Galicia?
– AR: En xeral non. Os personaxes son os mesmos. A condición de ser beiramar inflúe comparado con outras comarcas que non teñen mar, loxicamente, pero todo o folclore relacionado coas augas, coas pontes, pozos, cos ríos, é moi parecido en toda Galicia. Están as singularidades do nome. Sereas que se chaman Maruxaina só hai unha, Pardo de Cela só hai un, pero digamos guerreiros medievais mitificados hainos por toda Galicia, como Pedro Madruga, por poñer un exemplo da mesma época. Non hai máis singularidades que a localización expresa en lugares patrimoniais da Mariña e que moitas veces os nomes son, claro, únicos e exclusivos dese lugar ou zona. Os comportamentos de mouros, encantos ou a mitoloxía arredor da morte sempre é moi parecida en todas partes.
– XM: Comentaba que en certos concellos había tal vez un maior interese por desvelar ou acercar estas figuras mitolóxicas. Como obtivo a información de cara á elaboración do libro? Foi a través de entrevistas orais ou libros?
– AR: Houbo un pouquiño de todo. Primeiro hai concellos nos que houbo xente que xa traballou as lendas como Chao Espina ou Cunqueiro, que sen ser un etnógrafo, tirou da lenda do San Gonzalo ou da balea xigante. Na Mariña dende o punto de vista intelectual e de investigación houbo moitísimo potencial pero tamén é certo que, por exemplo en Trabada, fun eu facer o traballo de campo, un traballo intensivo e breve, porque non había absolutamente nada publicado. Foi a base de entrevistas e de contactos con persoas que me contaron as historias que están no libro. (…)”