Entrevista a Xavier Senín, Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020 do Ministerio de Cultura

Entrevista a Xavier Senín no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Xavier Senín é tradutor de clásicos como O Quixote e verteu ao galego obras de Andersen, os irmáns Grimm, Goscinny ou Albert Camus. A entrevista pode verse aquí.”

Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 (II)

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.
A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións tivo lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria celebrada no Salón de Actos da Deputación de Lugo, co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.
No acto, conducido Antonio Reigosa e Lois Pérez, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, do que se pode ler o discurso aquíBernardo Penabade, quen leu a laudatio a Batuko Tabanka, con resposta de Nilda Borges en representación de Batuko Tabanka, e Xurxo Souto, quen fixo o propio coa laudatio a Emilio Españadero.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Laudatio de Bernardo Penabade a Batuko Tabanka:

– Entrega do Premio Mestras da Memoria a Batuko Tabanka:

Agradecemento de Batuko Tabanka:

Xosé Manoel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020

Desde Galaxia:
“A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2020, ás 10 horas, por videoconferencia.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo.
Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Xesús Fraga, Dona Rexina Vega, Dona Montserrat Pena Presas e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”

A Asociación Galega de Editoras renova a súa Xunta Directiva

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O novo presidente, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, releva no cargo a Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, no remate do seu mandato de máis de catro anos. O presidente saínte, Xosé Ballesteros, fixo balance destes catro anos e medio á fronte da Asociación, nos que destacou o saneamento das contas, a contratación da nova secretaría técnica e apertura da sede social no centro de Santiago, a ampliación da base asociativa ata un número de 40 editoriais, a presenza activa nas máis importantes Feiras Internacionais do Libro e a incorporación da AGE na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada por vídeoconferencia, e convocada expresamente con esa finalidade. A lista encabezada por Henrique Alvarellos foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, o presidente saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos catro últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Henrique Alvarellos, a actual dirección da AGE complétase con Ana Guerra, de Obradoiro, como vicepresidenta; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Miguel Toval, da editorial Embora, como tesoureiro; e como vogais, María Xesús Gómez, de Rodeira; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, Francisco Alonso, de Edicións Xerais de Galicia, e Francisco Castro, da Editorial Galaxia.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén unha nova incorporación. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
Entre os obxectivos do novo equipo figura, en primeiro lugar, poñer en valor o papel das editoras e do libro galego, especialmente na actual situación dunha sociedade post-COVID. Os meses de confinamento demostraron que a lectura, os libros, e a cultura en xeral foron verdadeiros aliados, un antídoto, contra a dura situación vivida.
O libro galego ten por diante varios retos, entre eles, superar ese 17% de cota actual de mercado en Galicia; por outra banda, desenvolver novas e efectivas estratexias de internacionalización que permitan que os nosos contidos poidan darse a coñecer noutros mercados, e viceversa.
O grupo que preside Henrique Alvarellos aspira a continuar trazando sinerxías co resto de colectivos que integran a cadea do libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas administracións públicas.
A Asociación Galega de Editoras formará parte da “Mesa del Libro y la Lectura” posta en marcha o pasado novembro polo Goberno central. Así mesmo, continuará na xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), á que pertence dende o pasado mes de xuño, onde estará representada polo director de Kalandraka e presidente saínte, Xosé Ballesteros.
A AGE foi creada en 1983. Está formada actualmente por 40 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.”

Eva Moreda: “Con menos páxinas os posmodernos dirían o mesmo”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Eva Moreda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Eva Moreda (EM): A literatura en xeral nunca deixou de interesarme. Coa literatura galega, si que tivemos uns anos que andamos ela e máis eu algo encabuxadas; co tempo volvín ler e decatarme de que si que hai unha apreciable cantidade de autores que intentan escribir con honestidade e construír un proxecto literario de seu, igual que en calquera outra literatura. Por citar un monllo de obras que lin vai aló tres ou catro anos, diría Ana e os homes de Mario Caneiro, A identidade fascinada de Antonio Piñeiro, … e os domingos un croissant de Ursula Heinze, Lémbrome de Xurxo Chapela. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– EM: Gustaríame escribir unha serie de microensaios de 100 ou 200 palabras sobre aspectos da vida cotiá en Inglaterra e Escocia que me chamaron a atención cando vin para aquí e que ma seguen chamando. Hai un ano ou así escribin catro ou cinco e logo mandéillelos a dúas revistas que me pediran unha contribución. Non sei se terei a paciencia para escribir todo un libro nesta liña, nin tampouco cousas abondo que dicir.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– EM: Gloria Fuertes. Tiñamos na casa un libro que recollía os poemas premiados nun certame que ela organizara entre a rapazada da altura. Fíxome ver que había outros nenos e nenas que escribían tamén. (…)”

Entrevista con Xulio Pardo de Neyra

Entrevista a Xulio Pardo de Neyra no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista con Xulio Pardo de Neyra, autor do ensaio Os rostros do frío, unha viaxe pola retratística e a fotografía galegas dos séculos XIX e XX, editada por Ed. Fervenza. A entrevista pode verse aquí.”

Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 (I)

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.
A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións tivo lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria celebrada no Salón de Actos da Deputación de Lugo, co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.
No acto, conducido Antonio Reigosa e Lois Pérez, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, do que se pode ler o discurso aquíBernardo Penabade, quen leu a laudatio a Batuko Tabanka, con resposta de Nilda Borges en representación de Batuko Tabanka, e Xurxo Souto, quen fixo o propio coa laudatio a Emilio Españadero.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Apertura da Gala, por Antonio Reigosa:

Discurso da presidencia da AELG, por Cesáreo Sánchez: