Malpica estrea o Fondo Lugrís cos poetas eróticos do Premio Illas Sisargas

DesdeExposicion-O-Desexo-en-Malpica-2 Que pasa na Costa:
“Ata o 15 de xuño estará aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición O desexo. Esta mostra conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro estrea así o Fondo Lugrís, no novo espazo expositivo do segundo andar do Centro Cívico. Unha sala circular pensada para albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro.
O desexo é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición O desexo é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para O desexo, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas.”

Lugo: Cultura ciclostil. Xornada de pequena edición

Cultura ciclostil

Compostela: D4a4, con Eduardo Estévez, Rosalía Fernández Rial, Miguel Mato e Paco Souto

OVide Vide abril 2016 venres 22 de abril, ás 20:30 horas, no Vide, Vide (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10, baixo), en Compostela, terá lugar o evento D4a4: 4 obras | 4 autor@s | 4 editoras, onde se presentarán Entrar na casa, de Eduardo Estévez, publicado en Estaleiro; Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas; Terra fría, de Miguel Mato, publicado por Caldeirón; e e Caín, de Paco Souto, publicado en Laiovento. A entrada é libre.

Betanzos: recital-presentación de Terra fría, de Miguel Mato

OMiguel Mato xoves 19 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, terá lugar un recital poético de Miguel Mato Fondo, que será, simultaneamente, presentación do seu libro Terra fría, publicado pola A. C. Caldeirón. O acto está organizado pola A. C. Eira Vella.

Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde12193820_987603724596403_4700766935712179039_n o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”