Compostela: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez

O xoves 12 de decembro, ás 20:30 horas, na Espazo Enocultural Vide, Vide! (Fonte de San Antonio, 10) de Santiago de Compostela, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola A. C. O Galo e a editorial, participan, xunto ao autor, Carlos Callón e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola libraría, a editora e a A. C. O Galo, estará presente o autor.

Santiago: crónica do encontro de creación literaria con Marta Dacosta

Desde a A. C. O Galo:
“A convidada para pór o punto final a este obradoiro foi Marta Dacosta, que acaba de gañar o premio Johán Carballeira co seu libro Dun lago escuro. Ela mesma preparou unha Escolma de Poemas seus, para falarnos do que ela entende por proceso de creación literaria, de por que escribe e como o fai.
Os e as asistentes puideron disfrutar non só da lectura destes poemas senón tamén de como ela ía explicando todo o seu proceso de creación literaria que esas autopoéticas desvelan mediante metáforas. De como bebe das cousas que a rodean, das experiencias vividas: algo que ve nun intre determinado ou mesmo que escoita e le nun xornal, as vivencias de cando era nena ou esas anécdotas familiares das que nos fixo participes a todos e todas as que alí estabamos, coñecendo desta maneira o universo máis íntimo e persoal da autora.
Insistiu en que en poesía é importante a escolla das palabras: non serve calquera. Hai que seleccionar moi ben as verbas para poder transmitir todo o que se desexa, que non quede ningún matiz no tinteiro. Confesa Marta que incluso chega a escribir pequenos poemas para utilizar determinados termos, sobre todo aqueles que como profesora de lingua e literatura galega lle interesa conservar, os dialectalismos do lugar onde vive, as palabras familiares que, na maioría dos casos, se van perdendo co tempo. Transmitiulle aos asistentes as súas raíces e o afincadas que están na terra, aínda que o seu espazo bucólico e idílico segue sendo o mar, a ría de Vigo que a viu nacer.
Marta comezou a escribir sendo unha nena moi pequena, con apenas oito anos, xa escribira unha obriña teatral de dúas páxinas. Foi nese intre cando comezou a xestarse a que hoxe en día coñecemos como unha das principais poetas de Galiza. Escolleu na súa madurez e dominio da escrita a canle poética porque confesa que e afín co seu carácter, é inmediata, íntima, mesmo vergoñenta. E do mesmo feito que ela, a poesía evoluciona co tempo, é decir, o mesmo poema cambia a súa perspectiva e o seu significado conforme van pasando os anos.
Aconsellou aos participantes no obradoiro gardar o que escriben e relelo moito tempo despois. De feito, Marta comentou que ela mesma traballaba deste xeito: escribía, gardaba e cando xa tiña na súa carpeta o suficiente material -que podía abranguer dous anos- lía e facía a súa escolla, tachaba, ampliaba, correxía, polo que nunca se chega desfacer dos textos, malia que non se publiquen.
Rematou o seu relatorio coa lectura duns poemas inéditos que nos deixaron a todas e todos un bo sabor de boca, esperando que pronto saia publicado o novo poemario de Marta Dacosta para poder disfrutar dun lago escuro. Podedes escoitalos no seguinte vídeo:”

Premios AELG 2013

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2013, que premian as mellores obras editadas en 2012, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ensaio: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais).
Literatura Infanto-xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais).
Xornalismo Cultural: Ana Romaní.
Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia).
Poesía, ex-aequo: Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos); e Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros).
Teatro: Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento).
Tradución: Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa).

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.