Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Programa especial sobre Carlos Casares, primeira parte, con Hakan Casares, Luís González Tosar, Antón Riveiro Coello, Ramón Loureiro, Arcadio López-Casanova, Antón Baamonde, Miguel-Anxo Murado, Marina Mayoral, Camiño Noia, Suso de Toro, Xesús Rabade Paredes e Darío Villanueva.
E segunda parte, con Hakan Casares, Damián Villalaín, Montse Pena, Ana Luna, Iolanda Galanes, Luís González Tosar, Carme Riera, Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Rexina Vega, Jon Kortazar, Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra e Arcadio López-Casanova.”
Arquivos da etiqueta: Ana Luna Alonso
A literatura galega traducida supera os 1500 libros
Desde
o Diario da Universidade de Vigo:
“Rosalía de Castro en xaponés, Álvaro Cunqueiro en árabe, Xavier Queipo en portugués e francés; Teresa Moure en italiano, holandés e serbio; Suso de Toro en checo, grego e búlgaro; Alfredo Conde en inglés de Australia e ruso; Xosé Luis Méndez Ferrín en inglés británico; Séchu Sende en kurdo e turco; Bernardino Graña e Miguel Anxo Fernán-Vello en macedonio; Domingo Villar en sueco e alemán…. Estes son só algúns exemplos do “cambio radical” que viviu nos últimos corenta anos en Galicia o sector da tradución literaria, anos nos que a literatura galega acadou un grao de coñecemento exterior moi superior ao que se viña supoñendo. Así o reflicten os últimos resultados de investigación do grupo Bitraga, un equipo de investigación da Facultade de Filoloxía e Tradución creador dun catálogo único, que recolle obras traducidas dende e cara ao galego, todo un observatorio do mundo da tradución, cuxa análise deixa xa sobre a mesa importantes conclusións.
E se os datos son “máis que positivos” no que a proxección exterior se refire, no outro lado da moeda, o que chega a Galicia dende o exterior, a evolución aínda é maior. Tras cubrir o repertorio de clásicos nos anos 80 e 90, a comezos da década do 2000 o sector entrou nunha nova fase con signos de normalidade como a tradución dos premios Nobel, de obra menor de grandes autores, de obras de actualidade e ata de best-sellers… “A cantidade de textos literarios estranxeiros traducidos e aos que se ten acceso directamente en galego sen necesidade de pasar polo castelán é enorme”, subliña Ana Luna, investigadora principal do grupo, ao que Iolanda Galanes engade que, a día de hoxe, no sector da tradución literaria en Galicia xa non hai enormes diferenzas co que acontece noutros lugares, “estamos no circuíto comercial e, aínda que non somos un mercado equiparable ao das grandes culturas, percibimos signos de normalidade. Iniciouse, aínda que de xeito tímido, o proceso de internacionalización”.
Os datos de Bitraga cifran o total de traducións literarias (de fóra cara a dentro e viceversa) no período 1980-2014 en 4603, das que 1540 son tradución a outras linguas de obra galega. “Neste momento a exportación de literatura galega supón un terzo do total das traducións”, explica Galanes, que lembra que nos anos 90 “desde o ámbito académico, era relativamente habitual referirse á nosa cultura como pequena, porque apenas se establecía diálogo co exterior e, cando acontecía, era máis ben un monólogo: traduciamos, mais non eramos traducidos”. Hoxe, tal e como demostran os datos recollidos, as cousas mudaron de xeito radical “e xa non se pode negar que exista un diálogo”. Logo pode analizarse, a través do catálogo, como é ese diálogo con cada cultura, se é ou non estable, se é equitativo, a través de que vías … “pero xa non se pode negar”, insisten as investigadoras.
Se ben as cifras son moi alentadoras, desde Bitraga indican que as relacións non se producen do mesmo xeito nin coa mesma intensidade en todos os casos. Aínda que o abano de culturas de importación se ampliou dende principios do século XXI, Galicia segue a ter dependencias de espazos e linguas moi concretos como son o español, o inglés e o francés, “sirva de mostra que o 90% das obras do catálogo de importación teñen como orixinal unha obra nalgunha destas linguas”. Un canon que, a xuízo das investigadoras, está reforzado pola escasa política institucional e que cumpriría diversificar se o que se pretende realmente é fomentar o multilingüismo. Pola súa parte, o espazo privilexiado de difusión exterior para a literatura galega segue a ser o ibérico, aínda que é salientable que nos últimos trinta anos se abrisen relacións con outros 40 espazos culturais. “Quen soñou traducir poesía guaraní ou mapuche ao galego directamente? Ou que obra galega estivese traducida ao kurdo? Era impensable hai só unha década e hoxe, en cambio, está acontecendo”, recalca Galanes.
Outro dos cambios de tendencia que Bitraga detecta é que a nosa literatura interesa no exterior non só por ser unha cultura minorizada, e polo tanto exótica. “Por citar un exemplo, a literatura infantil e xuvenil galega funciona no exterior con todas as condicións do mercado internacional”. Nesta liña, as investigadoras aluden ao esforzo das editoras, que mudaron as estratexias comerciais, no sentido de publicaren simultaneamente orixinal e traducións “de xeito que se introduce a versión traducida na contemporaneidade da produción literaria, sen distorsións, e ao mesmo tempo sitúa a literatura minorizada en pé de igualdade coas outras culturas”. As delegacións de editoras galegas no exterior, as parcerías comerciais noutros países ou a participación sistemática en feiras internacionais “onde venden xa non a tradución, senón directamente os dereitos de tradución, son outros indicios de normalidade”, explica Ana Luna.
“Hai apenas uns anos era imposible pensar en ler a Xosé Antonio Neira Cruz ou Agustín Fernández Paz en coreano ou que obras coma as do británico Harold Pinter, Premio Nobel de Literatura en 2005, fose traducida ao galego antes que ao español, ou que autores como Herta Müller levase anos traducida ao galego cando en 2009 lle concederon o Nobel… “, engade Galanes, que cita estes exemplos para incidir no repertorio innovador construído nos últimos anos baixo parámetros internacionais e sen necesidade de pasar polo filtro doutra cultura ou lingua.
Para chegar a esta situación as autoras consideran clave a emerxencia de profesionais cualificados, “pois se antes se facía tradución mediada, a través de segundas linguas, sobre todo español e francés, neste momento xa hai tradutores/as que traballan directamente con linguas orixinais, por máis ‘exóticas’ que estas sexan. Ao mesmo tempo constatan que a tradución deixou de ser unha actividade secundaria, na que o tradutor se dedicaba a outra tarefa principal e só traducía ocasionalmente , “un panorama ben diferente tras case 20 promocións formadas nesta facultade, que tamén contribuíron coa súa dedicación exclusiva aos importantes cambios experimentados no mundo da tradución galega”. (…)”
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios de comunicación, 27 e 28 de novembro
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios de comunicación, os 27 e 28 de novembro
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios da comunicación, da Asociación Galega da Crítica, os 27 e 28 de novembro

O formulario para a inscrición tamén pode descargarse aquí: Formulario de inscrición no Simposio AGC 2015.
Compostela: Simposio Estudos literarios e campo cultural galego, os 2 e 3 de setembro
Lugo: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix
Pontevedra: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix
A Coruña: IX Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Tradución, do 28 ao 30 de novembro
Do
mércores 28 ao venres 30 de novembro, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano alcanzan a súa novena edición. O tema escollido para esta edición é o de Lingua e Tradución.
O prazo de inscrición será até o 21 de novembro, e pódese realizar xa desde aquí. Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade. Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas.
O programa é o seguinte:
Mércores, 28 de novembro
09:00 h. Recepción e entrega da documentación.
09:30 h. Acto de inauguración.
10:00 h.-11:30 h. Conferencia inaugural: Traducir literaturas transculturais, por Dora Sales Salvador.
12:00 h.-12:30 h. A internacionalización da cultura galega, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
12:30 h.-14:30 h. Políticas de tradución no caso galego, por Silvia Montero Küpper e M.ª Jesús Lorenzo Modia.
16:30 h.-18:30 h. Evolución das traducións publicadas en galego, por Gonzalo Constenla Bergueiro e Ana Luna.
19:00 h.-20:30 h. Tradución e interpretación profesional en diferentes linguas, por Lara Santos (AGPTI), un representante da APTIC (Catalunya) e Bego Montorio (EIZIE) (Euskal Herria).
Xoves, 29 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Tradución e ideoloxía: os enfoques feministas e poscoloniais, por María Reimóndez.
12:00 h.-14:00 h. A tradución do galego ao portugués e do portugués ao galego a debate, con Carlos Paulo Martínez Pereiro, Carlos Quiroga e Áurea Fernández.
16:30 h.-18:30 h. Mesa redonda: Tradución e literatura galega, con Manuel Bragado (Xerais), Eva Mexuto (OQO) e Moisés Barcia (Rinoceronte Editora).
Venres, 30 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Interpretación e normalización lingüística no caso das linguas
subordinadas, por Robert Neal Baxter.
12:00 h.-13:30 h. Conferencia de clausura: Para alén de Nós: a tradución dunha cultura emerxente, por Iolanda Galanes.
Pegada de tradución
“As
versións en galego de obras doutras literaturas e, ao revés, as traducións internacionais feitas desde a nosa lingua non deixan de medrar. A tradución revélase como un fenómeno cunha importancia crecente na configuración do noso sistema literario. A coincidir coa celebración do Día Internacional da Tradución, repasamos as cifras deste fenómeno da man da Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo. Unha porcentaxe cada vez maior de obras literarias están dispoñibles en galego. Desde o comezo do período autonómico rexístrase nada menos que o 95% das traducións que existen cara á nosa a lingua e desde a mesma. O ámbito ten cada vez máis importancia na configuración do noso sistema literario, tanto á hora de definir un canon (mediante o recoñecemento exterior dunha obra) como ao permitir o contacto dos nosos autores con outras letras. Por non falar do feito de que obriga aos nosos autores a competir, na súa propia lingua, con traballos recoñecidos de xeito internacional. A analizar este fenómeno, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo (BITRAGA) leva un exhaustivo reconto que permite cuantificar o volume de obras e ollar as tendencias do fenómeno. A coincidir co Día Mundial da Tradución, presentan a monografía Traducción de una cultura emergente, un traballo que repasa os grandes números das bases de datos desta investigación nunha serie de artigos de Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes Santos, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper.
Unha das tendencias que máis caracterizan a evolución do fenómeno das traducións nos últimos trinta anos é o crecente peso, desde os anos 90, das obras de tradución inversa, é dicir, as que desde o galego pasan a outras linguas. En total este fluxo supón un 33,61% de todas as obras traducidas desde e para a nosa lingua. “A importancia da tradución non é unha anécdota, trátase dunha realidade asentada, e estas cifras supoñen unha afirmación do noso sistema literario”, asevera Ana Luna, unha das responsables da BITRAGA. (…)” Desde Cultura Galega.




