Desde Dioivo:
“Quizais a vontade de se liberar dunha historia imposta sexa a arela que vertebra o titánico traballo de Francisco Carballo (Maceda, 1925) nun tempo no que, como onte lembrou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, “a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional”. Esa entrega á constitución dun relato propio da historia galega e a revindicación do cristianismo como espazo de loita contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder, atravesan a traxectoria vital e profesional de Francisco Carballo, quen onte acolleu emocionado o premio Bos e Xenerosos.
“Galiza é o obxecto dun experimento para destruír as bases da súa identidade”, dixo. Denunciar o presente e o pasado desa destrución, desde os Trastámara até Xoán Carlos I, é para Carballo o obxectivo sobranceiro dos historiadores galegos. E nese papel constituíuse el mesmo como referente. Confirmábao Anselmo López Carreira, quen o coñece desde 1978, “desde as primeiras reunións que tivemos para elaborar o manual de Historia de Galicia que en 1979 impulsou a ANPG”. Entre os rasgos persoais de Carballo, López Carreira lembrou a súa “honestidade persoal, a fidelidade cos proxectos que emprendeu e o seu compromiso social”. O convivio deses valores desemboca na figura humana deste renovador da historiografía galega, cuxos traballos conectaron a Galiza dos sesenta co labor silenciado de Otero Pedrayo e Ferro Couselo, elos perdidos do esplendente pasado do Seminario de Estudos Galegos. Á fronte dunha xeira de novos investigadores universitarios, Carballo amparou e asinou publicacións de referencia no eido da historiografía, a través da editora do semanario A Nosa Terra -aventura editorial que el mesmo refundou en 1977 e que chegou a presidir-, como foron a Historia Xeral de Galiza (1997) ou a colección de manuais especializados da colección A Nosa Historia. (…)
“Somos un país ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xerara e quería continuar”. O redescubrimento desa cultura propia e abatida, o coñecemento dese país, fía todo o labor como investigador historiográfico de Francisco Carballo, quen decidíu tamén afondar na historia da Igrexa galega para, simplemente, “coñecer se a Igrexa pagaba ou non a pena, se merecía aceptación ou era digna de reproche. Eu busquei na Historia a miña resposta…”. Esa reposta ten a ver cunha división que Carballo fixo onte expresa: “a cúpula eclesiástica, que é un problema máis ca unha solución” fronte ao cristianismo de base que é, para o historiador, un elemento “positivo, unha forza viva e rexeneradora”.”