O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo premia a Montse Dopico e a María Obelleiro

Desde o Concello de Bueu:
“O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo, promovido polo Concello de Bueu, recae este ano en dúas mulleres galegas, concretamente en Montse Dopico, coa súa reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural”, publicada na revista Luzes, e a de María Obelleiro Hermida, titulada “O apartheid sanitario na Galiza”, que saíu en Sermos. O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, Montse Fajardo, xornalista e experta nas historias da memoria histórica, e Antón Lopo, gañador da pasada edición. De entre os dezanove traballos presentados, dos que se destaca a esencia do xornalismo de Johán Carballeira, o xurado decidiu premiar a estes dous, ao ser “modelos de esixencia técnica e de investigación, que son ademais complementarias en dous ámbitos fundamentais para este galardón: o xornalismo cultural e o xornalismo social”. Ademais, o xurado insiste na calidade xeral dos traballos presentados, na súa variedade temática, de estilo e de enfoque que recollen a identidade do premio.
No caso de Montse Dopico, resalta a “utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico”, e o traballo de María Obelleiro “dá voz ás persoas non teñen unha persoa nos medios e incidindo na diversidade coral, para a análise dun tema tan lacerante como o da discriminación da sanidade que sofren as persoas inmigrantes”.
Ambas as dúas xornalistas, serán premiadas cun premio de 750 euros cada unha e serán homenaxeados nun acto que se organizará na Semana das Letras Galegas.
No que atinxe á modalidade de poesía deste premio, o xurado vaise reunir o próximo 6 de maio ás 10:30 horas e terá que escoller un gañador ou gañadora de entre os corenta e seis poemarios presentados.”

Compostela: festa-presentación de Nierikate, de Xoán Abeleira

O xoves 6 de abril, ás 19:30 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural), en Santiago de Compostela, terá lugar unha festa poético-musical arredor de Nierikate, obra que recolle traducións para o galego de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao autor, Arturo Casas, Antón Lopo, Verónica Martínez Delgado, Uxío Novo, Baldo Ramos e Ramiro Torres, entre outras persoas.

Compostela: presentación de Camuflaxe, de Lupe Gómez

O venres 31 de marzo, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Lupe Gómez presenta Camuflaxe. No acto participan, xunto á autora, Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora, Víctor Naveira e Xabier Díaz.

Chan da Pólvora publica o novo poemario de Lupe Gómez

Desde Sermos Galiza (imaxe de Ruth Caramés Blanco, de Tinta de Lura):
“A editorial que dirixe Antón Lopo saca do prelo o 8 de marzo Camuflaxe, o agardado novo poemario de Lupe Gómez, unha das voces poéticas máis singulares dos últimos vinte anos.
Tan rompedora como esquiva ante as obrigas sociais do mundo literario, Lupe Gómez levaba sen publicar desde 2010 (A grafía dos mapas, Toxosoutos). E a súa nova achega vén definida así polo seu editor, Antón Lopo: “Despois de Camuflaxe ninguén seguirá sendo igual, nin as persoas que o lean nin a propia autora, que pare ante os nosos ollos un becerro co seu corazón de sangue vermello”. (…)
Desde Chan da Pólvora explican que esta nova obra “xorde como unha urxencia existencial e literaria que Lupe Gómez sente ao morrer a súa nai, no ano 2013. Porén, o libro non tarda en sobrepoñerse á elexía persoal e transfórmase nunha crónica reveladora e íntima sobre a extinción cultural e física dunha comunidade. Sen perder a corpulencia do seu verso violento e, ao tempo, fráxil, Lupe Gómez ensaia neste poemario novas formas de enerxía silenciosa, abrindo campos expresivos ata agora inéditos nela”.”

O máis destacado do 2016 cultural

Desde Sermos Galiza:
“2016 foi un ano de efemérides (centenario das Irmandades, do nacemento de Cela, 150 de Valle-Inclán…) e de mortes demasiado precoces. Pero tamén houbo boas novas e aquí queremos facer un repaso do que nos pareceu máis salientable. Nos comentarios podedes facer as vosas propias achegas.
1. A morte de Agustín Fernández Paz e Narf. O 2016 foi un ano negro para a cultura en xeral e alén dos pasamentos de David Bowie, Prince, Harper Lee ou Leonard Cohen, en Galiza tivemos que lamentar a perda antes de tempo de Fernández Paz, un dos nosos escritores máis lidos e máis queridos; e de Narf, figura destacada da música galega. E non podemos esquecer tampouco a actriz Dorotea Bárcenas, o baixista de Zënzar ‘Tabe’ ou o poeta Fran Cortegoso.
2. Ano das Irmandades. Foi quizais o acontecemento cultural máis amplo do ano, celebrado tanto desde as institucións como desde a cultura de base, con congresos e actividades múltiples, entre elas a exposición Saúde e terra irmá(n)s!.
3. Ano Manuel María. O poeta chairego foi longamente homenaxeado -por terra, mar e aire- e a súa obra foi levada a todos os eidos: teatro, música, audiovisual, maxia…
4. Ano Castelao. Dúas exposicións destacables e unha morea de actividades arredor da súa obra por toda a provincia de Pontevedra, nunha programación levada adiante pola Deputación. (…)
10. Compostela, cidade convidada na Feira de Bos Aires. Co correspondente desembarco de empresas e autores e autoras, ademais da entrada de Galaxia no mercado español co selo Mar Maior. (…)
13. Unha nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora. Á chegada hai pouco de Apiario hai que engadirlle esta nova editora, da man de Antón Lopo e compañía, con libraría compostelá incluída do mesmo nome. E outra libraría máis especializada en poesía: Linda Rama na Coruña. (…)
Bonus track: Neste 2016 o poeta Fernán Vello entrou como deputado da Marea no Congreso e o músico Mini fixo o propio no Parlamento galego.

Compostela: Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente

dramaturxente-2016-1dramaturxente-2016-2

Entrevista a Antón Lopo sobre Chan da Pólvora

DesdeChan da Pólvora logo Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar García Rego entrevista a Antón Lopo, poeta, xornalista e agora editor, que fala do seu proxecto Chan da Pólvora, en que conflúen unha editorial, unha libraría especializada en poesía e un espazo de creación, todo situado en Santiago de Compostela. Pode accederse á entrevista aquí.”

A Coruña: Simposio Manuel María, actos do 24 de novembro

Osimposio-manuel-maria-banner Simposio Manuel María terá lugar do 22 ao 24 de novembro no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A actividade está organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

PROGRAMA DO 24 DE NOVEMBRO

XOVES 24 NOVEMBRO
16:30 – 18:00 h. Mesa de debate: poética e política.
Moderadora: Margarita Ledo.
Xosé Estévez | Manuel María e Euskal Herria.
Carlos Quiroga | Um poeta galego no fascínio de Portugal.
Pilar García Negro | A intervención pública de Manuel María: unha revisión.
18:00 – 19:00 h. Relatorios.
Antón Lopo | Nave espacial Xistral.
Xosé Lois García | As paisaxes identitarias na literatura de Manuel María.
Fina Casalderrey | Un muiñeiro de verbas no corazón da escola.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:00 h. Proxección do documental Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo.
20:00 h. Clausura.

Lorena Conde gaña con Entullo o XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña

Desde23-nov-2016___poet_0s1 a Deputación da Coruña:
“A actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista, Lorena Conde é a gañadora do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña co seu libro Entullo. A obra de Lorena Conde impúxose na decisión do xurado entre os 85 libros presentados, unha cantidade sensibelmente superior á anterior edición.
Un xurado composto por Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marga do Val, Antón Lopo e Gonzalo Hermo, presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín coa xefa de servizo, Mercedes Fernández-Albalat, como secretaria, decidiu, por marioria, escoller o libro Entullo, de Lorena Conde Martínez, presentada co lema K.Blum, como gañador do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado valora na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”.
Lorena Conde (Pontesampaio, 1980), é actriz, dramaturga, directora, escenógrafa e atrezzista. Iníciase no teatro universitario primeiro como actriz e despois como directora. Desde 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas.
Desde o ano 2000 dirixe varias compañías de teatro amador (Captatio Benevolentiae, Enlata Teatro, Farrapo Teatro) para as que adapta e/ou escribe e pon en escena máis dunha decena de espectáculos, gañando diversos premios como directora e dramaturga.
Desde 2013 é cofundadora de Matrioshka Teatro -compañía profesional gañadora de varios premios María Casares,- na que traballa como deseñadora e actriz, para a que escribe o seu espectáculo Manawee.”