- Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
- Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
- Negra Sombra (Letra: Rosalía de Castro; música: J. M. Capón).
- No escuro (Letra: R. Cabanillas; música: Fuxan os Ventos; arr.: F. Tobar Cereijo).
- Lectura do Manifesto da AELG. Suso de Toro.
- Lectura de poemas rosalianos:
María Xesús Astray Rodríguez
Afonso Becerra
Rosalía Fernández Rial
Margarita Ledo
Celia Parra
Mercedes Queixas Zas
Eli Ríos
Isabel Risco
Alba María
Francisco Susavila - Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
Na morte de Castelao (Letra: R. Cabanillas; arr.: F. Tobar Cereijo).
Os soños na gaiola (Letra: Manuel María; arr.: F. Tobar Cereijo). - Ofrenda floral.
- Interpretación do himno.
Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Dolores Macías Pose: «Aos novos non lles gustan as coplas»
Entrevista
a Dolores Macías Pose en La Voz de Galicia (foto de J. M. Casal):
“A AELG acaba de galardoar a Dolores Macías Pose, veciña de Cabana, pola súa dedicación á cultura popular.
Ao igual que o músico que mentres conversa vai arrancando notas do seu instrumento ou o escritor que nunca esquece ter a man papel e bolígrafo para anotar as ideas que nacen no seu maxín, Dolores Macías Pose sempre ten no bico un cantar co que dar renda solta á súa gran paixón: «Cando vou para o muíño / asubíos me van dando / hache de ser Farruquiño / que anda no monte co ghando / Farruco vaite ao muíño / que che ha de ter acabado / coa ala do sombreiro / varreraslle o tremiñado», recita ao pouco de comezar a falar esta veciña de Cabana convertida aos seus 85 anos en memoria viva dunha tradición ameazada polo paso do tempo: a das coplas e as historias en verso coas que décadas atrás se animaban as xornadas de feira e de traballo compartido ou as noites de inverno ao carón dunha lareira.
A súa nai, María; as fiadas en Esmorís, Cesullas, ou Bamiro, en Vimianzo, e as feiras son -tal como contou xa no seu día Ángel Eiroa, neto doutra veterana copleira cabanesa, Aurora Ramos Pereiro, de 102 años- algunhas das fontes das que bebeu Dolores, incapaz de lembrar cando ou cal foi a primeira copla que aprendeu, pero que non deixou de acumular desde entón na súa cabeza todo ese saber popular. «Agora xa son unha viegha. A voz xa me falla bastante, pero de momento sigo cantando porque é algo que me gusta moito», explica antes de arrincarse outra vez en verso: «Sei cantar e sei bailar / sei toca-la pandeireta / o que se case comigho / leva a música completa», recita recuperando un ofrecemento que nunca se chegou a materializar. (…)
Dolores recoñece sentir mágoa pola perda dunha tradición á que permanece allea a mocidade. «Á xente nova xa non lle gustan as coplas, prefire cousas modernas. Antes bailabamos unha xota, unha muiñeira, un valse, bailes moi bonitos, pero agora vas a unha festa e non hai diso». Pero tamén en evitar que esa perda chegue a producirse ten xogado esta cabanesa un papel fundamental: colaborando con grupos como Xacarandaina ou na elaboración do Cancioneiro de Cabana de Pablo Díaz e Olga Kirk, e participando en varias das polafías coas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está a gravar por toda Galicia estas manifestacións da cultura tradicional.
Todo este labor acaba de ter agora recompensa cun dos dous premios Mestras e Mestres de Memoria, cos que a AELG recoñece «toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional». Dolores recoñece que a súa idade non lle gusta viaxar, pero a pesares do que di a copla coa que despide a conversa («Eu aquí non canto máis / que se me acabou a ghrasia / e a pouquiña que me queda / lévoa pra a miña casa»), seguro que estará ese día en Lugo cun cantar nos seus beizos.”
Mobiliza Rosalía
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Ao coidado de
Equipo Directivo
Equipo de Dinamización da Lingua Galega
Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias
Departamento de Lingua e Literatura Galega
Departamento de Educación Plástica e Visual
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Día de Rosalía de Castro 2016. 24 de febreiro
Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:
Trocando en sonrisas / queixiñas e choros
Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo.
Educación Infantil e Primaria
A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:
Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.
Podes descargar aquí un modelo de tarxeta postal deseñado por Pepe Barro.
Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.
Podedes seguir as noticias da proposta nesta páxina da web da AELG.
AELG enxalza no seu calendario a Gimferrer, Villar Janeiro, Macías Pose e Mini e Mero
Desde Radiofusión:
“A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de celebrar a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os Premios Mestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo. (…)”
Esta foi a entrevista realizada a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou este sábado 13 de febreiro a súa asemblea xeral
(A Coruña, 13 de febreiro de 2016) A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os Premios Mestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.
Aprobouse
o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (anexamos o deseño base feito por Pepe Barro para difundir os actos que se desenvolverán por todo o país). O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de novas polafías e dunha nova edición, a novena, da Xornada de literatura de tradición oral. Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.
Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.
Anunciouse a creación dunha Sección de Literatura Dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando.
As inspeccións de Facenda a escritores xubilados xa chegan a Galiza
Desde
Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega advirte que as inspeccións de Facenda para controlar os artistas que continúan facturando despois da xubilación xa están chegando a Galiza e xa están a ter efectos inmediatos nas actividades destes.
Segundo afirma Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, ademais da inspección á Fundación Neira Vilas denunciada nun artigo de opinión por parte do director de Galaxia, Víctor Freixanes, estanse a producir outras investigacións a escritores e artistas galegos, pero que non queren que trascendan os seus nomes.
Esta presión, ademais de posibles sancións e pagamentos, sostén Sánchez, provoca “medo e retraimento, polo que moita xente está rexeitando dar conferencias ou obradoiros para evitar problemas”.
A AELG está a participar nas negociacións con partidos políticos como membros da plataforma Seguir Creando, tanto a nivel estatal como a nivel galego, para modificar a lexislación de 2013 que limita a facturación e os dereitos de autor por parte de artistas que cobran pensións de xubilación.
“En Galiza aféctanos menos o tema dos dereitos de autor, porque somos un sistema pequeno, pero está a ter moita incidencia en obradoiros e conferencias, aos que a xente está a renunciar por medo”, afirma Cesáreo Sánchez, quen mantén que estes castigos ao sector cultural son aínda máis duros en culturas como a nosa, “de especial fraqueza”. Ademais, de cara ao futuro, “é un elemento disuasorio contra a posibilidade de profesionalización”.
“Nós non temos moitos escritores profesionais, pero no Estado hai bastantes, e moitos deles cobrando pensións non contributivas, o que lles impide facturar nin un só euro”. O poeta explica que no mundo das artes as cotizacións á Seguridade Social son moi irregulares, o que provoca que haxa pensións moi baixas.
Plataforma Seguir Creando
A finais de xaneiro varias entidades de creadores e creadoras (entre elas a AELG, CEDRO, SGAE, ACE, VEGAP e AELC) constituíron a plataforma ‘Seguir creando’ para reivindicar o dereito a continuar traballando de forma remunerada durante a xubilación sen perder a pensión.
Estas organizacións consideran que esta medida é inxusta e está a causar “graves prexuízos” á cultura porque “se nos está privando do talento dos creadores con máis experiencia”. O obxectivo é equiparar a lexislación española á doutros países da Unión Europea, nos que xubilación e creación son actividades compatibles ao entender que a súa achega contribúe a enriquecer o acervo cultural dunha sociedade.
A plataforma reclámalle ao Goberno estatal a suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os actuais procesos postos en marcha polo Goberno contra algúns autores (como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald); modificar a lexislación de 2013 que regula a materia; e deseñar unha nova normativa máis ambiciosa que recolla as necesidades especiais dos profesionais da creación, que teña en conta a especificidade do sector salvagardando os seus dereitos.”
Foise Ángel Rivas Veiga, Mestre da Memoria en 2013
Nova enviada por Antonio Reigosa:
“O luns 8 de febreiro foise Ángel Rivas Veiga, o primeiro Mestre da Memoria que a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñeceu no ano 2013.
Nacera en Eirexúa, Xudán (A Pontenova) en 1924. Un narrador oral de raíz, dos de sempre, un arquivo humano de contos marabillosos sen par. O único narrador oral galego escollido para o proxecto La memoria de los cuentos, coordinado por Antonio Rodríguez Almodóvar, patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. Aquí tendes uns datos biográficos e varios vídeos con mostras do seu saber.”
Entrevista a Isidro Novo
Entrevista
a Isidro Novo en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– Isidro Novo (IN): A literatura consta de moitos apartados diferentes e segundo en cal estea metido supón unha cousa ou outra. Ás veces é un gozo pleno e outras un gozo subliminal produto do desafogo. Na narrativa exploro os mundos, reais ou non, que me interesan e na poesía pretendo tocar o intanxíbel e ver o que ninguén ve. De todas maneiras tamén fago conscientemente versos que non teñen que ver coa poesía alta, pero que me serven de alivio e de exercicio.
– P: E que é para ti a oralidade, a literatura popular?
– IN: É a base de todo tipo de literatura nacida posteriormente. É o punto de partida da peregrinaxe, a castaña do marron glacé, a escritura do alento.
– P: Que perspectiva tens sobre o processo de criação literária e cultural, num sentido amplo, e nomeadamente no referente à oralidade?
– IN: Eu nunca baseei as miñas aspiracións literarias na convencionalidade de convencer, senón en ser orixinal e distinto. Sempre tiven a narrativa como un marabilloso instrumento para experimentar xéneros e formatos e concibín a poesía como un ídolo encantadoramente perverso que demanda de cada pouco unha oración máis nova e sorprendente. Quizais me dea algún día destes por poñerme de brincadeira co teatro, pero a ver se me decido. Á oralidade cheguei inducido sobre todo polo amigo Reigosa e como espectador e xa unha miga coñecedor, debo dicir que o onte e o antonte recollido paga a pena e que a xente nova que se dedica a ela ten adaptado o seu repertorio á época, ademais de anovalo constantemente. Hai verdadeiros fenómenos contando, cantando, regueifando… Outro vínculo que teño coa oralidade é o abeiro que temos na AELG para as palabras que están ao ventimperio, sen dicionario que lles dea acubillo. Ese albergue chámase Palabras con Memoria, así que se alguén coñece algunha palabra náufraga ou vagabunda, os da AELG tratarémola co cariño e a consideración que merece. (…)
– P: Fala-nos da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías da AELG, etc.)…
– IN: O das Polafías é un grande invento do Reigosa e para min merece a maior das louvanzas, porque te achega á xente que ten contacto directo coa oralidade. Considero un pracer ir a diferentes lugares da nosa xeografía a escoitar os seus cantos e contos, ademais de poder lerlles o que un día un paisano dese sitio concreto escribiu, o que dixo do seu tempo, dos seus veciños, das súas circunstancias. Para min, as polafías, son, no seu conxunto, como xa dixen, do máis pracenteiro, soamente teñen un defecto, están programadas para hora e media e sempre acaban sendo tres. Pero os locais sempre están cheos e agás casos moi illados, a xente aguanta ata o final e mesmo pide recunque. (…)”
O presidente do Congreso dos Deputados, Patxi López, reúnese coa plataforma Seguir Creando
(A Coruña, 3 de febreiro de 2016) O
recentemente elixido Presidente do Congreso dos Deputados reunirase mañá xoves 4 de febreiro ás 12:00 no Círculo de Bellas Artes de Madrid (Rúa Alcalá, 42) cunha representación dos integrantes da Plataforma Seguir Creando, a través da que as/os creadoras/es reivindican continuar traballando de forma remunerada durante a súa xubilación pola súa singular achega á sociedade.
O máximo representante da Cámara Baixa interesouse pola situación que viven os creadores aos que a actual lexislación impide compatibilizar a súa pensión de xubilación coa percepción doutros ingresos.
Destacados creadores están a ser sometidos a unha inspección polo Ministerio de Facenda como consecuencia da aplicación da actual norma que detrae da pensión as cantidades percibidas por outros conceptos trala xubilación. Numerosos creadores confirmaron a súa asistencia á reunión co Presidente do Congreso dos Deputados; entre outros, Antonio Fraguas (Forges), Chema Madoz, Javier Reverte, José María Merino, Antonio Hernández, Juan Garaizabal, Paloma Pedrero, Antón García Abril, Julio Castejón (Asfalto) ou Manuel Rico. Ao encontro asistirá o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias.
Entrevista a Cesáreo Sánchez, Marcos Calveiro e Ledicia Costas sobre a plataforma Seguir creando
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“De pensións e remuneracións polo traballo literario na xubilación. Escoitamos a Cesáreo Sánchez, presidente de AELG que participa na plataforma Seguir creando, e *s escritor*s Marcos Calveiro e Ledicia Costas. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
