O
Consello Directivo e a Secretaría Técnica da Asociación de Escritores en Lingua Galega adhírense á folga convocada para o xoves 27 de xaneiro. Por tanto, ese día a oficina da Asociación permanecerá pechada.
Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Antonio Gamoneda, nomeado Escritor Galego Universal pola AELG
A Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Antonio Gamoneda reúne unha altísima poesía e un insubornábel compromiso ético, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento. Con motivo da entrega do premio, Antonio Gamoneda estará en Galicia en abril. O día 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña e o 30 asistirá á Cea das Letras, organizada pola Asociación de Escritores.
Nacido en Oviedo en 1931, a obra de Gamoneda esténdese desde o 1960, con Sublevación inmóvil, até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma cunha permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
A nova aparece recollida en Cultura Galega, Xornal, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Galicia Hoxe e La Opinión.
Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.
Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.
Consello Directivo da AELG
Santiago: presentación de En defensa do poleiro
O
martes 16 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do volume, con David Otero, Mariña Pérez Rei, Xan Fraga, Lourdes Maceiras, Xosé Manuel Lobato e Baldo Ramos. Tamén se proxectará o audiovisual: O Iesplicable.
A Coruña: V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións
O
sábado 6 de novembro, no Palacio de Exposicións Kiosko Alfonso da Coruña, terá lugar o V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, co seguinte programa:
10:00 a 11:30 h.
Mesa redonda: Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos.
Con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro.
Coordinación de Antía Otero.
11:30-12:00 h.
Descanso.
12:00-14:00 h.
Mesa redonda: Pero tan importantes son os premios literarios?
Con Ledicia Costas, Olalla Cociña e Lucía Novas.
Coordinación de Francisco Castro.
Xantar.
17:00-18:30 h.
Mesa redonda: Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma.
Con María Lado, Olalla Tuñas e Xosé Daniel Costas.
Coordinación de Marta Dacosta.
19:00-20:00
Recital e clausura.
Toda a información está disponíbel neste enlace á páxina do V Encontro. O acceso será libre até completar capacidade. En sucesivos días iremos poñendo á disposición do público máis información sobre as intervencións preliminares dos/as escritores/as participantes.
Últimos vídeos das aportacións preliminares ao V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións</em
Rematamos cos últimos vídeos das aportacións preliminares dos participantes no V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, a celebrarse o sábado 6 de novembro na Coruña, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Esta é a aportación de Olalla Cociña, que fará parte da mesa redonda MAIS tan importantes son os premios literarios?:
E, por último, as de Oliver Laxe, que fará parte da mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos:
Merlán, Chantada: nova edición das Polafías
Vigo: V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade: Novas artes literarias? O vídeo poema, con Lara Bacelo e María Lado
O V
Ciclo
de mesas redondas Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Facultade de Tradución de Vigo, continúa o xoves 4 de novembro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Lara Bacelo e María Lado na mesa redonda Novas artes literarias? O vídeo poema, onde se realizarán proxeccións comentadas de vídeopoemas realizados polas autoras para tratar as posibilidades expresivas fornecidas polas novas tecnoloxías e o seu rendemento práctico en relación coa difusión da poesía. A presentación do acto corre a cargo de Manuel Forcadela.
A Coruña: XXVII edición de Galeusca, do 29 de outubro ao 1 de novembro
Organizados
pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.
As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n.) da Coruña, baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.
O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio. Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa:
Venres, 29 de outubro:
Chegada das delegacións
22:00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Sábado 30 de outubro
10:00-11:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura e o audiovisual, coordinada por Raúl Veiga:
• Héctor Carré
• Harkaitz Cano (elaboración do relatorio) | Ander Iturriotz (relator)
• Manel Bonany
11:30-12:00 Pausa café
12:00-13:30 Mesa redonda: As viaxes na literatura, coordinada por Xulio L. Valcárcel:
• Anxo Angueira
• Urtzi Urrutikoetxea
• Ignasi Riera
14:15 Xantar (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
17.00: Percorrido Rosaliano pola Coruña, por Diego Pardo Amado (con saída na Rúa do Príncipe,3 –Cidade Vella–).
18.30: Recepción na Casa do Concello da Coruña (Praza de María Pita, 1).
22.00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Domingo 31 de outubro
10:00-11:30 Asemblea da Federación Galeusca.
11:30-12:00 Pausa café.
12:00-13:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura como modelo de convivencia de vellos e novos soportes, coordinada por Tati Mancebo:
• Marcos S. Calveiro
• Nikolas Zimarro
• Guillem-Jordi Graells
14.15 Xantar (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
19:00-20:00 Recitado/Lectura de textos + Música:
• Olalla Cociña e Dores Tembrás
• Nikolas Zimarro
• Miquel Bezares
• Xabier Díaz (música).
22.00 Cea (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
O luns 1 de novembro regresarán as delegacións invitadas.
Vigo: Narrativa galega recente, con Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño, no V Ciclo Escritores/as na Universidade
O
V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade continúa o xoves 21 de outubro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño na mesa redonda Narrativa galega recente, onde os autores lerán fragmentos da súa prosa comentando os pormenores da súa actividade como creadores. O acto será presentado por Camiño Noia. Organizado pola AELG e a Facultade de Tradución de Vigo.
