Acto central do Día de Rosalía de Castro 2021, o sábado 27 de febreiro

O acto central do Día de Rosalía de Castro 2021 terá lugar o sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.
No desenvolvemento das actividades aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.
Por este motivo, no acto unicamente estarán presentes as persoas participantes, representantes de diversas entidades e institucións e medios de comunicación.

Esta actividade conta co apoio de CEDRO.

Este é o programa previsto:

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Anna R. Figueiredo.

– Lectura de poemas rosalianos:
Andrea Barreira Freije
Antía Yáñez Rodríguez
Arancha Nogueira
Jesús M. Calvo Rozas (Asociación Traxe Galego)
María Carme Guitián (Asociación Traxe Galego)
Miguel López Fariña (A. C. Solfa)
Pilar Reino (A. C. Solfa)
Xerardo Rodríguez Roca (A. C. Solfa)
Xosé Dios Diz (A. C. Solfa)

– Ofrenda floral

Día de Rosalía de Castro 2020

Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2020 Daniel Asorey foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que foi lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto foi tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.

Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.

Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo.

A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.

Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.

Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.

Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.

Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.

Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.

É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#ErrantesPoloMundo_rdc_20

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Actos promovidos pola AELG

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

A AELG organizou o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, con entrada libre. Este foi o programa previsto:

– Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELGCesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG, polo seu autor, Daniel Asorey.

– Lectura de poemas rosalianos:
Jakson Renner Rodrigues Soares
María Novoa
Concha de la Fuente
Alexandre Espinosa
Elisa Barreiro
Marilar Aleixandre
Pilar Astray
Miguel Fariña
Mercedes Queixas

– Actuación musical da Coral da Asociación cultural e musical Solfa

– Ofrenda floral

– Interpretación do himno


Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organizou lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos leuse o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou o escritor Daniel Asorey.

A Coruña

O luns 24 de febreiro, a partir das 18:00 horas, na Sala de exposicións Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, tivo lugar a lectura do Manifesto e de poemas de Rosalía de Castro.

Ferrol

O 21 de febreiro, a partir das 20:00 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204), en colaboración con esa entidade, tivo lugar a lectura do Manifesto e un recital de poemas rosalianos.

Lugo

O 22 de febreiro, ás 13:00 horas, no Parque Rosalía de Castro de Lugo, tivo lugar a lectura pública da obra de Rosalía, coa música de Germán Díaz.

Vigo

O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, tivo lugar a colocación dunha ofrenda floral na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real, número 12), e posteriormente realizouse unha ruada até o local da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Praza da Princesa 7, 2º), onde se levou a cabo a lectura do Manifesto da AELG e o recitado de poemas de Rosalía de Castro.

Actos organizados por outras entidades

Actos da Fundación Rosalía de Castro

Arteixo

O 24 de febreiro, ás 11:00 horas, na Residencia de Maiores de Arteixo, Ana Hermida fixo unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea” e deu lectura ao Manifesto da AELG. As persoas usuarias do centro tamén renderon homenaxe á padronesa universal dando lectura á obra Rosaliana. O acto central tivo lugar na Residencia de Maiores do Concello, pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social.

Betanzos

Bueu

Burela

A Concellería de Cultura de Burela organizou diversas actividades con motivo da conmemoración do Día de Rosalía.
O 24 de febreiro, ás 12:45 horas tivo lugar a colocación na fachada do Concello da pancarta conmemorativa do día de Rosalía e ás 12:55 procedeuse á lectura do manifesto da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega no salón de plenos. Ás 13:00 horas o alumnado do CEIP Vista Alegre interpretou Negra Sombra, baseada na composición de Rosalía de Castro. Estarán acompañados de Óscar Fernández, guitarrista de Eu Son Band.
Ao longo da semana fíxose un reparto nos colexios de Burela de marcapáxinas conmemorativos, tamén dispoñíbeis para os usuarios e usuarias que se acheguen eses días á Biblioteca Municipal, á Casa da Xuventude ou ao propio Concello.

O Carballiño

Sargadelos, Cervo

O 22 de febreiro pola tarde, no Café Bar Cultural A Sacabeira, tivo lugar un acto onde Eli Rí­os deu unha charla co tí­tulo “Todas as escritoras somos fillas de Rosalí­a de Castro?” Posteriormente leuse o manifesto.

A Estrada

O vindeiro luns, 24 de febreiro, día de Rosalía, a Asociación Cultural Vagalumes sumouse á iniciativa para conmemorar esta data cunha xornada de diálogo entre os/as escritores/as estradenses e Rosalía de Castro. A autora que inaugura o sistema literario galego contemporáneo ten unha pegada decisiva nos escritores posteriores de toda Galiza. Quixeron lembrar a influencia e relación entre a súa poesía e a obra de Avelina Valladares, Manuel García Barros, Varela Buxán e Cabada Vázquez. Para iso achegáronse aos seus espazos vitais para amosaren o seu recoñecemento aos que deron continuidade á obra rosaliana, estendéndoa aos outros xéneros literarios como o teatro (Varela Buxán) e actualizando as novas temáticas que se impuxeron co tempo, pero sempre leais á Nosa Terra e á nosa lingua.

Os actos comezaron en Berres, ás 12:00 h. da mañá, diante da tumba de Avelina Valladares, contemporánea de Rosalía. Alí deuse lectura dun texto da escritora desta parroquia Chus Nogueira e de poemas de Rosalía e de Avelina.

Ás 13:00 h. da mañá, diante da tumba de Manuel García Barros en Callobre, guiados pola introdución do profesor Carlos Loureiro, o actor Gonzalo Valcárcel realizou unha breve intervención escénica e a continuación deuse lectura a textos de ambos os autores que poñen en evidencia a súa relación.

Ás 17:00 h, en Lamas, diante da súa igrexa, celebrouse o encontro co dramaturgo Varela Buxán, orixinario desta parroquia, coa lectura de textos que poñen luz sobre os vencellos que os unen. Intervieu a escritora do Foxo Susana Sanches Arins.

Por último, na parroquia de Codeseda, ás 18:00 h. no seu adro, diante da tumba de Cabada Vázquez, lembraron da man do seu sobriño e biógrafo Manuel Cabada Castro, a conexión entre ambos os poetas, coa lectura dos seus versos irmandados polo sentimento común de amor á Galiza e á súa redención.

Para rematar a xornada, deuse lectura ao Manifesto de Rosalía deste ano, elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. no MOME.

Foz

A Concellaría de Patrimonio e Normalización Lingüística do Concello de Foz organizaron o 24 de febreiro, ás 17:00 horas, no Centro de Interpretación da Mariña, un acto aberto ao público que consistiu na lectura do manifesto da AELG e o recitado de poemas de Rosalía de Castro.

A Guarda

Lugo

O sábado 22 de febreiro, ás 13:00 horas, a AELG realizou no Parque de Rosalía de Lugo a tradicional lectura popular da obra de Rosalía, á que se puideron sumarse todas as persoas que o desexen. Antes, leuse un manifesto asinado polo escritor Daniel Asorey centrado no fénomeno da emigración e do que signifou para Galiza.

O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de “Follas Novas” e “Cantares Galegos” e recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais.

Durante o Mes de Rosalía, dúas montaxes teatrais xirarán polos concellos da provincia. Unha delas é Rosalía de Culturactiva, unha montaxe para público familiar que recrea parte da infancia da escritora e que se está a estrear en toda Galiza. A primeira representación foi o sábado 15 de febreiro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

A outra produción que poderá verse en distintos escenarios da provincia ao longo desas semanas será A pluma viva de Rosalía dos Quinquilláns, unha obra sobre igualdade e liberdade a partir dos textos da poeta de Padrón baseada nun feito real de censura da súa obra.

Zoelas, Paloma Suanzes, Faia, Xoana e García MC completan o elenco de actuacións musicais que se desenvolveron durante o Mes de Rosalía, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O graffiti foi o outro elemento da oferta cultural do Mes de Rosalía. Otro Prisma e Concepto Circo realizaron intervencións artísticas en doce colexios da provincia.

Ademais, o 6 de marzo, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá unha proxección de audiovisuais realizados en centros escolares arredor do Día de Rosalía, na que a pintura mural tamén terá protagonismo.

Narón

Noia

Ourense

Pontevedra

O venres 21 de febreiro, ás 11:00 horas, no Pazo Provincial, a Deputación de Pontevedra organizou un acto institucional aberto ao público no que actuou o grupo ‘Xardín desordenado’ interpretando poemas musicados de Rosalía de Castro. Ademais das intervencións da presidenta Carmela Silva e da deputada de Lingua María Ortega, a escritora vilagarciá Montse Fajardo leu o manifesto da AELG. Todas as persoas asistentes ao acto e as que se achegaron ao Pazo provincial durante todo o venres recolleron unha camelia e o último número da Colección Cíes da Deputación de Pontevedra, A conversa expansiva, froito do traballo no obradoiro internacional de tradución poética celebrado na Illa de San Simón en 2018 con 36 poemas e as súas correspondentes traducións do iraquí Abdul Hadi Sadoun, a portuguesa Rosa Alice Branco, a vasca Miren Agur Meabe, o indio Subhro Bandopadhyay, o alemán Timo Berger, e o galego Xosé María Álvarez Caccamo.

O luns 24 de febreiro, a Deputación recibiu a visita ilustre da escritora Rosalía de Castro e do pintor e escritor Modesto Brocos no pazo Provincial en Pontevedra e nas rúas da contorna pola mañá, de 11:00 a 12:00 horas, aproximadamente, onde foron recibidos pola Presidenta da Deputación e percorreron parte das instalacións desta institución e pasearon pola rúa para conversar coa xente e compartir a súa poesía. Pola tarde, ás 19:00 horas, fixeron un paseo polas prazas e rúas da Porta do Sol e contorna da rúa Chao, dedicada a un apelido moi ben acaído nesta ocasión polo seu vínculo co xornalismo e a edición no século XIX (Eduardo e Alejandro Chao), para rematar a representación na Sede da Deputación en Vigo. Rosalía e Brocos, representados polos Quinquilláns, Tero Rodríguez e Lucho Penabade, viaxaron no tempo e interactuaron con toda a xente que se achegou a eles para compartir a importancia da cultura e a literatura en concreto, cunha sociedade presente que segue a ter a esta muller do século XIX como un auténtico referente, porque como proclama o manifesto deste ano da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, “é difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga”.

Rodeiro

A Rúa

Santiago de Compostela

Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, foi debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. Foi este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida… Vida e obra contada en primeira persoa ao xeito de teatro infantil.

A cita cos contos foi o sábado 22 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h., con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

Vilalba

O 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza da Constitución de Vilalba, celebrouse un recital poético polo Día de Rosalía. Acto que organizou o Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ. Voces como as de Marisa Barreiro, Miguel Díaz, Pilar Maseda, Luís Teixeiro Castro, Sesé Roca, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina MesaMartiño Maseda ou Vanesa Siso Calvo deron corpo poético aos versos de Rosalía de Castro ou da súa propia autoría. Tamén se realizou a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020, Errantes No Mundo, obra de Daniel Asorey. Pódese ver toda a información nesta ligazón de CulturaliaGZ.

Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:

  • CEIP de Galán (Oseiro, Arteixo).

  • CEIP Plurilingüe Montemogos (O Beluso, Bueu). O 28 de febreiro terá lugar unha lectura pública de poemas da autora, a cargo de adultos da contorna (alcalde, escritora local, familias, comerciantes…), nun lugar público de Beluso se o tempo acompaña e, de non poder ser, no salón de actos do centro. Aberto á asistencia da comunidade. Tamén se levará adiante a actividade Camiños de poesía, consistente na pegada de carteis con poemas de Rosalía, escritos e ilustrados polo alumnado do colexio, por toda a parroquia e unha copia de todos no centro de Beluso (no lugar donde se puxeron os anteriores anos, e que a veciñanza está xa a agardar).
  • CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas de Reis).
  • CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro (A Capela).

  • CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña).
  • CEIP Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene).

  • CEIP Lagostelle (Guitiriz). Seguindo o lema Errantes polo mundo, as actividades que realizamos son as seguintes: A maleta viaxeira de Rosalía, que consiste nunha maleta con obxectos relacionados coa vida da autora, para que o alumnado investigue sobre a súa figura; torneo de brilé Rosalía de Castro; recitado de poemas; maratón de lectura de poemas de Rosalía na biblioteca do centro en todos os recreos do mes de febreiro; mural “Noite estrelada rosaliana”, no que o alumnado decora estrelas homenaxeando a recente nomeada estrela de Rosalía de Castro; exposición de libros da autora no corredor do centro.

  • CEIP A Ponte (Lugo).
  • CEIP Rosalía de Castro (Lugo).

  • CEIP da Cruz (Campos, Nigrán).
  • CEIP Vistahermosa (Ourense). Desenvolveuse o proxecto “Galería de arte de Rosalía errante” (actividades encadradas no proxecto interdisciplinar de centro “A pintura” e co lema proposto pola AELG “Errantes polo mundo”), dirixido ao alumnado de 5º e 6º.  Materias: Lingua Galega, Música e Plástica. A información pode verse na páxina web do centro.
    • 1. Seleccionamos o poema “Adiós ríos, adiós fontes”
    • 2. Recitado do poema enfatizando no sentimento de despedida, dor, a tristura ao despedirse do fogar e da terra por ter que emigrar.
    • 3. Coloquio na aula sobre a emigración, tratar de comprender a situación de numerosos compañeiros e compañeiras.
    • 4. Interpretación da versión de Amancio Prada vocal e instrumentalmente
    • 5. “Galería de arte de  Rosalía errante” Cada grupo de 3/4 rapaces elixiu unha estrofa e pintou un cadro que mostre a emoción e os sentimentos que pretencía a poeta.
    • Na semana seguinte fíxose unha exposición coas pinturas realizadas.

  • CEIP A Carballeira (Lourizán, Pontevedra). Elaboráronse láminas con versos de Rosalía sobre a migración, engalanadas con composicións e debuxos ideados polo alumnado. Asemade, adobiouse o corredor principal cun mural colaborativo sobre a autora. Convocouse tamén un certame fotográfico sobre a migración con achegas das familias (aínda se están recompilando as imaxes). Poden verse as actividades nesta ligazón ao blog do centro.
  • CEIP Plurilingüe Os Tilos (Teo). Realizáronse as seguintes actividades:
    A Estrela Rosalía. Traballouse conxuntamente o poema rosaliano “Adios ríos, adios fontes” e cada aula transcribiu a unha estrela unha estrofa. Escolleuse este poema pola temática que representa; xa que fala da dor que lle causa non ver os elementos característicos da paisaxe galega e no proxecto deste curso tratamos de transmitir a importancia  do coidado da nosa contorna.
    Fotografías: Cada aula elixiu uns versos que traten da emigración e  buscou unha fotografía que os represente.
    Tríptico de Rosalía de Castro.
  • CEIP de Barrantes (Tomiño). Coas imaxes, debuxos e poemas escollidos polo alumnado elaborouse un mural e un libro dixital con audios das nenas e nenos recitando os versos escollidos para cada imaxe, que foi compartida na web do centro. Ademais, convidáronse ás familias a completar un mural de Rosalía continuando a oración seguinte: “Síntome Rosalía cando…”. Deste xeito, as familias compartiron coa comunidade educativa as súas vivencias, sentimentos, lembranzas, etc., asociados aos versos e á figura de Rosalía. Poden verse aquí e aquí as ligazóns ao blog do Centro coas actividades realizadas.

  • CEIP Carrasqueira (Vigo). O alumnado de 6º da ESO invadiu as aulas da escola rapeando uns poemas desta autora sobre a emigración.
  • CEIP Eduardo Pondal (Vigo).

  • CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo). Intentouse que o alumnado coñecese a precaria situación das correntes migratorias actuais, partindo da visión rosaliniana sobre a emigración, baixo o lema proposto: “Errantes polo mundo”. Os alumnos e alumnas traballaron nas aulas poemas da autora de temática migratoria, e que, por desgraza, dada a situación actual, se atopan en total vixencia a pesar dos cambios na sociedade. Quixeron plasmar o seu sentir con debuxos acompañados de versos de Rosalía. Con algúns confeccionouse un enorme mural ao que se lle deu visibilidade cara ao exterior; e con outros, unha pequena montaxe. O alumnado tamén compuxo algúns versos alusivos ao que podería ser a figura de Rosalía de Castro na actualidade, copiándoos nunha cartolina e decorando os corredores. Todo isto pódese seguir no blog de Dinamización da Lingua Galega.
  • CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril (Vilagarcía de Arousa).

  • CEP Carlos Casares (Alxén, Salvaterra de Miño). Confeccionáronse tres murais.
  • CPI Alfonso VII (Caldas de Reis). As actividades realizadas poden consultarse no blog do EDL do Centro.

  • CPI Ponte Carreira. Aquí pode verse unha mostra dos traballos realizados polo alumnado.
  • Escola Infantil de Xuvia (Narón). A Galiña Azul.

  • CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa). Estas son as actividades realizadas para conmemorar a figura de Rosalía e a súa obra (poden consultarse tamén no blog da Biblioteca do Centro):
    – Alumnas-os voluntarias-os da ESO fixeron unha pequena presentación adaptada a Infantil na que lles explicaron quen foi Rosalía e a importancia da súa obra. Despois desta breve explicación na biblio, realizaron un obradoiro de debuxo no que as nenas e nenos decoraron diversos debuxos relacionados coa vida e obra de Rosalía, axudados polas-os máis maiores. Finalizou a actividade cun recital poético onde alumnado da ESO recitou dous poemas sinxelos.
    -Organizouse tamén unha función de títeres para Infantil, onde a profesora de Música relatou, de forma poética e musical, os aspectos máis característicos da vida e obra de Rosalía.
    – Na ESO, concretamente nas materias de Oratoria, Lingua Castelá e Lingua Galega, e despois de traballar polo miúdo a súa figura, o alumnado deixou voar a súa imaxinación escribindo poemas sobre ela. Algúns graváronse en vídeo, outros empregando códigos QR e mesmo algúns outros se interpretaron en forma de rap.
    – Fíxose tamén unha exposición sobre a súa figura na que colaboraron todas as aulas do centro, cada unha ao seu nivel. A actividade consistiu en traballar un aspecto determinado da súa vida e obra e facer unha exposición final con todos os traballos. O mural foi colocado na entrada do centro. O alumnado de infantil colaborou cos seus debuxos, 1 e 2 EP traballaron sobre a súa infancia e Padrón, 3 e 4 EP sobre a súa etapa de madurez e a figura de Manuel Murguía, 5 e 6 EP sobre os últimos anos da súa vida e a importancia da súa obra en galego, e o alumnado da ESO traballou con detalle as súas obras e fixeron unha investigación sobre curiosidades relacionadas con ela, onde descubriron, por exemplo, que está presente en moitos lugares, dun xeito ou outro: nomes de prazas, avenidas, aeroportos, etc.
    Todas as actividades foron programas polo Equipo de Biblioteca e contaron coa colaboración de todo o profesorado e alumnado dun xeito activo.

  • CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Os nenos e nenas de EI e 1º, 2º, 4º de EP fixeron varias actividades: Matemáticas con Rosalía, intercambio de poemas, recitado. O alumnado de 6° de EP e de ESO lembrou a Rosalía de Castro no seu aniversario. Partindo do eixo temático “migracións actuais”, realizaron as actividades que consistiron en traballar poemas de Rosalía relativos a este tema relacionándoos coa actualidade. Cada neno/a trouxo unha foto referente a estas situacións, á que lle inseriron os seus correspondentes versos de Rosalía. Tamén elaboraron uns grandes carteis co lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20.

  • Colexio Fingoi (Lugo).

En 2º ESO elaboráronse murais con debuxos, imaxes, colaxes, etc. No mes de marzo, coincidindo co Día da Poesía e o da Árbore, tense previsto realizar estas actividades:

  • – Intercambio de postais (internivelares).
    – Elaboración de murais con poemas ilustrados e fotos sobre o tema das migracións (3º ESO).
    – Programa de radio e recital poético (organizado desde á área de Imaxe e Son de 3º e 4º da ESO, no que participa alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato).

  • Colexio María Auxiliadora (Lugo). O traballo feito consiste nas seguintes actividades: investigación previa sobre a vida e obra de Rosalía de Castro; lectura pública de poemas, escritos e textos de Rosalía de Castro diante do seu busto no parque de Lugo que leva o nome da autora; deseño de marcapáxinas con citas da autora que inclúan un código QR que enlace a un poema musicado, algunha páxina web sobre a súa vida ou obra, un filme … para repartir pola rúa; realización da “Estrela Rosalía”, un panel en forma de estrela con información sobre a autora que quedou na biblioteca; e un exercicio de redacción a modo de pé de foto para o cartel deste ano: buscáronse versos de Rosalía que tratan as migracións en todos os seus aspectos: a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos …

  • Colexio Concepción Arenal (Ourense).
  • Colexio Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). O alumnado de Secundaria elaborou postais co lema “Errantes polo mundo” nas que incluíron uns versos da obra da autora e unha foto relacionada cos mesmos e que intercambiaron no patio con outros compañeiras/os, xunto cunha camelia. Ademais, apoiando a iniciativa de rebautizar o aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, todo o centro (Primaria e Secundaria) elaborou e lanzou desde as fiestras avións de papel de cores cos lemas “Errantes polo mundo” e “Voa, Rosalía, voa”.

  • Colexio Andersen (Vigo).
  • IES Manuel Murguía (Arteixo). Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estivo co alumnado do IES. Fixo un repaso pola súa biografía e pola súa obra, houbo representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que tivo ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional e deuse lectura ao Manifesto da AELG, escrito por Daniel Asorey. Foron dous días de encontro, 21 e 27 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.

  • IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). En 3º ESO fixeron uns carteis con fotos escollidas ás que lle tiveron que introducir un (ou varios) versos de Rosalía de Castro acaídos para a ocasión. Nas fotos reproduciron as temáticas propostas (emigracións do século XXI, mulleres migrantes, soidade…) e acompañáronse con versos da nosa autora homenaxeada. As persoas participantes foron:
    Rebeca, Alberto, Noa, Raúl e Laura (3º ESO) e Marta (4º ESO).
    Doutra banda, estas dúas imaxes achegadas por dúas rapazas do EDLG: Inés (3º ESO) e Anaís (4º ESO).

  • IES Nº 1 (O Carballiño).
  • IES Lamas do Castelo (Pedrafigueira, Carnota). O 28 de febreiro tivo lugar un recital poético coa participación de moito alumnado do centro, profesorado e algunhas compañeiras do Concello de Carnota. Leuse o manifesto elaborado por Daniel Asorey e un lote de poemas de Rosalía de Castro. Todos os textos foron traballados previamente nas aulas de Lingua e Literatura galega. Aquí pode verse o deseño da actividade.
  • IES Agra de Raíces (Cee). Aquí poden descargarse as actividades desenvoltas polo EDLG do Instituto.

  • IES Terra de Turonio (Gondomar). Xuntáronse as postais que realizou o alumnado nunha presentación para proxectar na entrada do centro e fíxose un programa de radio en que o alumnado de 1º da ESO leu o manifesto.

  • IES de Meaño. Neste curso fixéronse tres actividades:
    A primeira, traballada desde a materia de Plástica, foi a creación dun panel coa cara de Rosalía, imitando o deseño de Andy Warhol; neste caso as distintas cores utlizadas foron as da bandeira LGTBI e creáronse con poemas da autora con carga solidaria; nos beizos ían os versos “Daquelas que cantan as pombas i as flores” entre outros. De feito, este panel coloouse debaixo da pancarta de respecto LGTBI.
    O Departamento de Lingua Galega traballou en 2º da ESO os poemas de Rosalía, facendo recreacións actualizadas dos poemas máis solidarios.
    Finalmente, púxose un photocall na entrada do centro para que todo o alumnado, profesorado e persoal non docente se puxese na pel de Rosalía. Neste caso contouse coa inestimable axuda dun debuxante alleo ao centro, Manuel Ángel Marín Rodríguez.
    No blog da biblioteca do centro pode consultarse toda a información.
  • IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

  • IES Xograr Afonso Gómez (Sarria). Participou con dúas actividades:
    – A primeira foi o venres 21 de febreiro: consistiu na elaboración previa e publicación nesta data, a través das canles de comunicación do Centro, dun vídeo conmemorativo sobre Rosalía de Castro e a temática proposta para 2020: Errantes polo mundo.
    -A segunda actividade, o xoves 27 de febreiro, no Salón de Actos do Centro, consistiu nunha lectura ininterrompida da obra rosaliana durante toda a xornada escolar, na que participou todo o alumnado do IES. Asemade, durante a hora de lecer, a lectura estivo aberta a toda a comunidade educativa que desexase participar. Para a realización desta actividade tamén se usaron elementos escénicos, (estrela de Rosalía, maletas, carteis etc…), que lembraron a pervivencia do seu pensamento na sociedade actual.

  • IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
  • Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

As actividades a desenvolver no Conservatorio teñen lugar entre o xoves 27 e venres 28 de febreiro, consistindo na lectura de textos nas diferentes aulas.

Propostas da AELG para a celebración do Día de Rosalía no ensino

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión polo escritor Daniel Asorey.

O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.

Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 21 de febreiro a realización das seguintes actividades:

  • Suxerimos que o alumnado traballe fotos, debuxos, fotos pintadas, editadas, gravados… que tratasen o tema das migracións actuais, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20. As fotos, debuxos, gravados, etc., terán como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos…). Trataríase de textos que o alumnado e profesorado estimen interesantes (por exemplo, os poemas “Airiños airiños, aires”, “Adios rios, adios fontes”, “Castellanos de Castilla”, “Vivir para ver”, “Tecín soia a miña tea”, “Pra a Habana!”, “¿Que lle digo?”, “Tan sóio”, “Daquelas que cantan”, “Amores cativos” ou “A xustiza pola man”).

  • Tamén se podería ampliar a elección das fotografías, deseños e versos a aqueles teñan en conta a idea de errante na elección da identidade sexual, afectiva e de xénero, a partir, igualmente, dos versos de Rosalía que o alumnado considere acaídos.

  • Todas as fotos, deseños, gravados… cos seus versos como pé, poderían encher os corredores dos centros e divulgarse en redes sociais como Instagram, Facebook, Twitter…, tamén baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20

  • Como remate poderíase realizar unha actividade de Postcrossing (enviar esas postais cun verso de Rosalía no pé sobre o tema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 a outras persoas). As postais pódense enviar individualmente, entre clases ou entre centros, ben por correo postal ou empregando as redes sociais como Whatsapp, Telegram… Despois pódense compartir as recibidas, ben fisicamente, ben nas redes sociais.

  • En relación a esta proposta de actividades, recomendamos encarecidamente que se usen imaxes con dereitos de uso libre en internet (indicando, en todo caso, a fonte desde a que se obteñen).

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #ErrantesPoloMundo_rdc_20. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2020, para a irmos facendo constar na nosa web.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Redes sociais
#ErrantesPoloMundo_rdc_20

Día de Rosalía de Castro 2018

O Día de Rosalía de Castro 2018 é unha actividade da AELG que conta co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e da Deputación da Coruña.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

 

Acto central

O 24 de febreiro terá lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este é o programa previsto:

Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada

Negra Sombra Letra: Rosalía de Castro
Música : J. M. Capón

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias

Lectura do Manifesto da AELG
María Reimóndez

Lectura de poemas rosalianos.

  • Pilar Reino e Xerardo Rodríguez Roca
  • Chus Astray
  • Patricia Porto
  • Pilar García Rego
  • Laura Caveiro
  • Montse Dopico
  • Daniel Salgado
  • María Seijo
  • Suso Seixo
  • Isabel Vilalba

Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na morte de Castelao Letra: Ramón Cabanillas
Música: Francisco Tobar Cereijo

María Soliña Letra: Celso Emilio Ferreiro
Música: Antonio Paz Valverde (arr. Francisco Tobar)

Ofrenda floral

Interpretación do Himno

————

Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora María Reimóndez.

A Coruña

Lugo

Vigo

O acto comezará cunha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel.

Vilalba

O 24 de Febreiro, Día de Rosalïa de Castro, Culturalia GZ, NPG Nova Poesía Guitirica e a Liga Santaballesa organizan dentro dos eventos que a Asociación de Escritores en Língua Galega AELG promove por toda Galiza, un recital poético feminino no que ademais das coñecidas poetas:

  • Pilar Maseda (Vilalba).
  • Emilia Martínez Fuentes (Vilalba).
  • Luz Airado (Vilalba).
  • Luz Darriba (Lugo).
  • Montse González (Lugo/Verso a Verso).
  • Silvia Pardo (As Pontes).
  • Maria Pereira (Betanzos).
  • Adolfina Mesa (Monterroso).
  • Ana Vila Portomeñe (Taboada).
  • Mar Beres (NPG Nova Poesía Guitirica).
  • María Xosé Lamas (Vilalba).
  • Ana Mar Fraga Rabade (Cospeito).
  • Branca Villar (Labrada).
  • Asun Blanco (As Pontes),
  • e a presentadora do acto, Pas Veres (Os Vilares),.

Dúas rapazas de Santaballa darán lectura ao Manifesto #AbrideAFiestra, que compuxo a escritora María Reimóndez, primeira gañadora do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. O público asistente poderá tamén participar coa lectura de poemas de Rosalía. E para o remate do acto, o acordeonista de Lanzós, Manuel Figueira, pechará o acto coa interpretación de pezas coñecidas e habaneiras moi acaidas ao espazo no que se celebra, a Escola Indiana da Liga Santaballesa.

Santaballa será a protagonista da homenaxe chairega a Rosalía de Castro o próximo sábado nun lugar, a escola habaneira que simboliza a vinculación da poeta de Padrón coa emigración a través de innumerábeis e recoñecidos versos. Emigración e Muller serán, pois, parte central dun acto que terá tamén no rural o centro poético da Terra Chá.

 

 

Arteixo

A Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través de Rede Municipal de Bibliotecas, celebra o Día de Rosalía cunha serie de actividades para honrar á nai das nosas letras.

O primeiro dos actos ten como protagonista ao alumnado da ESO do IES Manuel Murguía que asistirá á representación da obra “Tecín soia a miña tea”, dramatizacións da obra Rosaliana e que correrá a cargo da actriz Ana Hermida. Terá lugar os días 21 e 22 e dará comezo ás 11:00 h.

O acto central será o “Concurso de poesía Homenaxe a Rosalía de Castro” que este ano xa vai pola cuarta edición. Está dirixido á infancia de entre 8 a 12 anos, que recitarán os seus propios poemas. Cada participante levará un agasallo, haberá ademáis un premio por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén se encargará de facer unha homenaxe poética feminina á Rosalía de Castro mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:00 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Betanzos

Venres 23, ás 19:00, na Aula de Cultura Xulio Cuns, no Edificio Liceo.

O Servizo de Normalización Lingüística coorganiza xunto á Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do IES As Mariñas, o Coro Municipal de Coirós, o CPR Nosa Señora do Carme Atocha, Lar de Unta e a Asociación Cultural A Fuliada, o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, presentado por Paula Mosquera e Sergio García, coa actuación musical de Adhara & Ritman.

A Estrada

Lousame

 

Moeche

O Concello de Moeche reservou un espazo do mercado no que poderemos ver todos xuntos os fondos da biblioteca municipal referidos á autora o sábado 24 de febreiro. Xunto co mostrario dos fondos bibliográficos sobre Rosalía, o Concello tamén agasallará cunha flor e un marcapáxinas a todas as persoas que fagan algunha compra no mercado. Ver máis información aquí.

Ourense

A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense está organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminará o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.

O certame
No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía pode participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistirá nun microrrelato de tema libre que debe iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos deben ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.

Os microrrelatos deben estar escritos en lingua galega. Concederase un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado pode acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñecerán con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación está aberto ata o 23 de febreiro de 2018.

Máis programación
No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levará a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidarase ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estará no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro habilitarase unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizarán os fondos dispoñibles dela neste centro.

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12:00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.

Por outra banda, a A. C. Auriense organiza un roteiro pola rúas do centro da cidade con saída da Castañeira e chegada aos xardíns do Padre Feijóo. Haberá lecturas, música e algunha que outra sorpresa:

Pazos de Borbén

 

Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organiza unha lectura institucional, que terá lugar o venres 23 ás 11:30 horas no vestíbulo do Pazo provincial, contará coa presenza de oito mulleres. Abrirá a quenda a autora Eva Mejuto, en representación da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que será a encargada de ler o manifesto desta edición titulado ‘Abride as fiestras’, da autoría de María Reimóndez. Seguiralle Mª de los Ángeles Lorenzo Prego, vicepresidenta do Consello Territorial da Once en Galicia, que lerá un poema escrito en braille.  No ámbito da discapacidade tamén participarán representantes de XOGA, a organización de persoas xordas de Galicia, sendo Raquel González Novelle a que lerá o poema en lingua oral, mentres a presidenta da organización, María Jesús Monterde, realizará a lectura simultánea en lingua de signos.

Santiago de Compostela

Viana do Bolo

Madrid

O sábado 24 terá lugar unha procesión cívica que sairá, a partir das 18:00 h., da Cafetería Santander, en Santa Bárbara, coa compañía prevista de gaiteiros ata a rúa Ballesta, onde residiu Rosalía en Madrid. Alí abrirá o acto Vicente AraguasManuel Pereira Valcárcel lerá o manifesto da AELG e logo as persoas asistentes recitarán poemas da autora. O acto finalizará en San Ildefonso, onde casaran Dona Rosalía e Don Manuel, cantando “Negra sombra”.

Escocia

Este é o vídeo preparado desde a Universidade de Edimburgo para celebrar o Día de Rosalía de Castro, onde se le “Campanas de Bastabales” en 21 linguas diferentes. Vaise compartir a través das redes sociais tanto polas e polos participantes, como polas contas de Twitter e Facebook da universidade. Pode verse aquí. Tamén pode descargarse o vídeo nesta ligazón.

 


Estes son os centros que nos confirmaron a súa participación:

  • CEP Carlos Casares, en Alxén (Salvaterra).
  • CEIP Torre-Cela de Bueu. Durante toda a semana trabállase nas aulas a figura literaria da Autora, escoitando as súas obras musicadas por diferentes autores e durante a hora de ler estos días contamos cunhas mochilas viaxeiras especiais: agochan no seu interior obras de Rosalía. Máis información aquí.

  • CEIP Mosteiro de Caaveiro, A Capela.

 

  • CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril.

  • CEIP Curros Enríquez, da Coruña.

  • CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz. As actividades para primaria son a elaboración por cada alumna/o dun conto de peto con datos biográficos e algúns poemas de Rosalía, e a creación dunha rosa para que leven de homenaxe a unha exposición sobre a autora no corredor do centro. O día 23 cada un levará para a súa casa a rosa e o conto de peto. Para infantil, cada nena/o pintará un debuxo que conta cun pequeno fragmento dun poema de Rosalía, e cando os finalicen realizaremos un libriño con todos os debuxos sobre poemas da autora. Nalgunhas aulas faranse marcapáxinas con debuxos de Rosalía. O día 23 procederase a ler o manifesto por parte do alumnado e recitarase un poema de Rosalía, no que cada estrofa será dita por unha aula diferente. Ademais, lerase un poema da autora traducido ao inglés. Despois do recitado realizarase a final do torneo de brilé en honor a Rosalía de Castro.

  • CEIP Plurilingüe Isaac Parga Pondal, de Oleiros.

  • CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos. Tendo en conta o lema, deseñamos unhas contras similares ás do deseño, detrás das que o alumnado escribirá un poema (ou un fragmento), e o lugar da ventá será ocupado por unha ilustración que ese poema lles inspire. Podedes acceder á noticia sobre a actividade no blogue da nosa biblioteca.
  • CEIP San Ramón, Moeche (A Coruña).
  • CEIP plurilingüe de Frións, Ribeira.
  • CEIP Os Tilos, Teo. Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro 2018, o EDLG, coa colaboración do equipo da biblioteca, extraescolares e TICS, sumámonos ás actividades propostas pola AELG, para o que pedimos a colaboración das familias do colexio. Ao longo da semana, o alumnado foi elaborando uns soportes con algún elemento iconográfico de Rosalía e algún verso ou estrofa dela. Máis información aquí.

  • Colexio Eduardo Pondal, de Cangas do Morrazo.
  • Colexio da Mercede, Sarria.
  • Colexio Miralba de Vigo. O venres 23 de febreiro, ademais de obradoiros e dun espectáculo lúdico-musical, terá lugar a lectura de textos de Rosalía de Castro (sobre as 11:30-12:00). Prevese que participen no encontro 200 alumnas e alumnos de 5º de Educación Primaria.
  • CPI As Revoltas, Cabana.
  • CPI de Cuntis.
  • CPI Pontecarreira, de Frades. Realizamos lecturas de Rosalía durante esa semana. Estannos a chegar as primeiras fotos enviadas polas familias, ademais de construír a Casa de Rosalía na entrada do cole, chea de fiestras para que, por cursos ou ou grupos de alumnos, enchamos ditas fiestras de poemas da autora. Aquí poden verse xa varias fotos.
  • CPR Cardenal Cisneros (Ourense).
  • CPR San José de Pontedeume. Unha alumna, caracterizada de Rosalía, vai ler no patio o manifesto, mentres que o resto do alumnado levará unha máscara da autora. En cada aula tamén se traballarán textos rosalianos.
  • IES Aquis Celenis de Caldas.
  • IES Lamas de Castelo, de Pedrafigueira, Carnota. Celébrase desde hai moitos anos o Día da Poesía en febreiro por asocialo á figura de Rosalía de Castro. Este ano, organízase un sinxelo recital no que participará parte do alumnado e algún profesorado voluntariamente. Editouse tamén un boletín especial de recomendacións sobre a obra de Rosalía. Vaise elaborar, igualmente, unha serie de marcapáxinas para agasallar aos participantes

  • IES Agra de Raíces, de Cee.

Para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, no IES “Agra de Raíces” de Cee, levan a cabo,o venres 23 de febreiro, estas actividades:

– Lectura en todas as aulas dos poemas de Rosalía de Castro: “Tecín soa a miña tea” e “Unha vez tiven un cravo” de Follas Novas e “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares gallegos.

– Nun grupo de 1º ESO, actividade “Ilustrando poesías de Rosalía”: a) división en cinco subgrupos que len, respectivamente “O pazo d’A…”, “Agora cabelos negros”, “Vanidade” e “Meses de inverno fríos” de Follas Novas e “Campanas de Bastavales” de Cantares gallegos; b) cada subgrupo fará nunha cartolina grande un debuxo que intentará ilustrar a súa poesía.

– Lectura en todas as aulas do relato “Falar” de Made in Galiza de Sechu Sende.

– Audición en todas as aulas do poema “Deitado frente ao mar” de Celso Emilio Ferreiro interpretado polo grupo de música rap Dios ke te crew.

 

  • IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O alumnado de ESO e BAC enviará postais de Rosalía de Castro na que escribirá versos da autora. As postais serán franqueadas e remitidas a familiares, amizades… que vivan en distintos lugares do planeta.

  • IES Plurilingüe Fontexería, en Muros (desde o EDLG). O alumnado de 1º da ESO ata 2º Bac está a escribir en  folios de cores frases/versos de Rosalía que logo se pecharán cunha cinta para logo ser entregado xunto ao texto e unha rosa en diferentes lugares da vila de Muros, coa axuda do Concello, o venres 23.
    Xa no centro, exporanse os traballos que o alumnado de 4º ESO e 1º Bac TICs están a facer: montaxes da imaxe de Rosalía sobre obras de arte, persoeiros coñecidos ou carteis de cinema, actividade que recibe o nome de “Rosalíarte”. Poden verse as actividades previstas aquí.
  • IES As Insuas de Muros. A idea é gravar en vídeo poemas, recitados e lectura, así como a interpretación musicada por parte de dúas alumnas que decidiron poñer acordes a un dos textos de Rosalía. Na entrada do centro escoitaranse e proxectaranse poemas musicados por diferentes cantaur@s, con exposición das súas obras.
  • IES Miraflores, de Oleiros.
  • IES O Couto, Ourense.
  • IES do Camiño, de Palas de Rei. Este curso, para socializar a figura e a obra de Rosalía, lévase a cabo a actividase “Postais para Rosalía”.

  • IES Félix Muriel, de Rianxo.
  • IES Nº 1 de Ribeira.
  • IES de Salvaterra. Poden verse as actividades levadas a cabo aquí.
  • IES Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela.
  • IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. O venres 23 celébrase un recital poético-musical co alumnado de Secundaria e Bacharelato.

 

 

 


Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

 

Para expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG:

 

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra,  propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais.

Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 23 de febreiro a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.

Estas accións, en calquera formato que prosperen, serían subidas polo centro á rede antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #AbrideAFiestra. Desde a web e as redes da AELG contribuiriamos a as expandir.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

 

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

 

A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

Allariz, Ames, Baiona, Bergondo, Bueu, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (I)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía.

– Saúda da Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, por Ledicia Costas.

Lectura de poemas rosalianos, Henrique Alvarellos (Asoc. Galega de Editoras); Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa) e Ramiro Torres.

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2017, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 19 ás 12 h.

PROGRAMA

  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía (Letra: M. Curros Enríquez; música: J. Alfredo Oliveira)
  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Lectura do Manifesto da AELG. Ledicia Costas.
  • Lectura de poemas rosalianos: Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa), Ramiro Torres (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra (Letra:  Rosalía de Castro; música : J. M. Capón)
  • Lectura de poemas rosalianos: Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG), Mercedes Queixas (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar (Letra: Rosalía de Castro; música: Antonio B. Celada)
  • Ofrenda floral
  • Interpretación do himno 

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2016, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 21

CartelAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-ActoCentral_001PROGRAMA

  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
  • Negra Sombra (Letra: Rosalía de Castro; música: J. M. Capón).
  • No escuro (Letra: R. Cabanillas; música: Fuxan os Ventos; arr.: F. Tobar Cereijo).
  • Lectura do Manifesto da AELG. Suso de Toro.
  • Lectura de poemas rosalianos:
    María Xesús Astray Rodríguez
    Afonso Becerra
    Rosalía Fernández Rial
    Margarita Ledo
    Celia Parra
    Mercedes Queixas Zas
    Eli Ríos
    Isabel Risco
    Alba María
    Francisco Susavila
  • Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
    Na morte de Castelao (Letra: R. Cabanillas; arr.: F. Tobar Cereijo).
    Os soños na gaiola (Letra: Manuel María; arr.: F. Tobar Cereijo).
  • Ofrenda floral.
  • Interpretación do himno.

Compostela: acto central de #EuSonRosalía, no Panteón de Galegos Ilustres

cartelrosaliaactocentral(1)PROGRAMA

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.

Lectura do Manifesto da AELG.
Rosalía Fernández Rial, vogal da AELG.

Lectura de poemas rosalianos:
•Xosé Iglesias: “O mar castiga bravamente as penas”
•Viki Rivadulla: “Tecín soia a miña tea”
•Mónica Caamaño: “A xusticia pola man”
•Fran Barcia: “Nosa Señora da Barca”
Xosé Mª Lema: “Nosa Señora da Barca”
Ledicia Costas: Fragmento do prólogo de Follas Novas
•Fernando Patricio: “¡Mar!, cas túas augas sin fondo”
•Paula Carballeira: “Soia”
•Isabel Vaquero: “Miña casiña, meu lar”
Xurxo Souto: “Mentres eu peno”
•Isabelle Kerdudo: “¡Pra a Habana!”
•Andrés Collantes: “Sin Niño”
Mercedes Queixas: “Tal como as nubes”

Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:

Actuación de Uxía.

Ofrenda floral.

Compostela: presentación de O traxe tradicional galego, de Clodio González Pérez

O venres 4 de abril, ás 19:30 horas, na Asociación do Traxe Galego (Rúa Hórreo, 19, Galerías Viacambre, local 57-58), de Santiago de Compostela, preséntase O traxe tradicional galego, de Clodio González Pérez, publicado por Nigra.