Entrevista de Ana G. Liste a Camilo Franco en Praza:
“O xornalista e escritor Camilo Franco presenta unha aplicación propia na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler ducias de pezas literarias e xornalísticas. Piso Franco é como “un Netflix de Camilo Franco” co lema “a palabra para quen a traballa” detrás. Unha experiencia novidosa na que as lectoras e lectores poden “subscribirse a un autor”. Así a define o propio autor, quen advirte de que non faltará a ironía sobre a actualidade nesta “nova versión do libro de peto”.
– Praza (P): Non se esgotan nunca as construcións irónicas co teu apelido?
– Camilo Franco (CD): Non. Igual que tivemos 40 anos de ditadura e 40 de democracia, agora necesitamos 40 anos de ironía, a ver se con ela conseguimos poñernos no lugar que nos corresponde.
– P: E ese lugar é dixital?
– CF: O lugar que nos corresponde como sociedade galega é un no que, evidentemente, non estamos agora. O dixital forma parte dun conxunto de ferramentas e lugares públicos dunha sociedade, e aí creo que tampouco estamos. E creo que nos faría falta estar porque hai unha competición aberta, incluso podemos chamarlle guerra se nos poñemos dramáticos, e como sociedade non estamos, pero culturalmente tampouco; ou estamos nunha posición que non é a que nos correspondería se tivésemos outras ambicións. (…)
– P: Centremos o tema, vas publicar relatos nunha aplicación que é como un Netflix de literatura?
– CF: Bueno, un Netflix de Camilo Franco, non da literatura mundial. O que estou facendo, no fondo, é imitar un comportamento que parece normal en case todas as cousas do consumo cultural, sobre todo do popular, e adaptalo ao que me parece que eu podo responder. E o que podo responder é literatura. Igual que a xente se subscribe a Netflix, HBO ou ao que queira que se subscriba, pois podes subscribirte a un autor. O que o autor promete son dous textos semanais, como mínimo, nos que haberá maioritariamente literatura pero tamén xéneros mixtos. Iso que eu non podería ter feito nun xornal porque a combinación de xéneros non gusta, ou porque determinados argumentos non podían ser, aquí si que o podo facer. Creo que haberá algún xénero novo, non vou descubrir a pólvora, pero farei cousas que antes non me estaban permitidas.
– P: Entón, haberá política?
– CF: Si, é que o imposible é que non haxa política. Creo que case todos os que están definindo hoxe a sociedade menten a propósito. Agora mesmo só hai dous grandes argumentos na sociedade contemporánea e ningún é o amor. Hai un argumento predominante, chámase economía, e hai un argumento que está perdendo historicamente a importancia que tiña que ter, que é a política. Hai unha conexión moi intensa entre eles dous, porque unha parece depender da outra, e aquí é onde se está torcendo a historia. Debera ser a economía a que dependese da política, pero está sendo ao revés, e iso está a torcer calquera horizonte de mellora social. Na conxuntura actual xa non é posible separa ambas cousas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Camilo Franco
Que é e como funciona Piso Franco, de Camilo Franco
Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Quedei sen papel. Escritura en soportes dixitais, con Camilo Franco, en Pontevedra
O Obradoiro de creación literaria Quedei sen papel. Escritura en soportes dixitais é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra. Será impartido por Camilo Franco, e cunha sesión especial de Anna R. Figueiredo.
E canto cambia a vida cando non hai papel? E canto cambia o xeito de escribir cando o papel non é o soporte? Aquí estamos para ver canto cambia e como cambia poñer unha palabra tras doutra nunha superficie que xa non é tan superficie. Canto cambia escribir cando incluso o papel moeda está en perigo de extinción.
Quedei sen papel é un curso para orientarse nuns soportes que se van multiplicando por temporadas e que, lonxe de reducir os estilos, piden xeitos diferentes para cada plataforma. A pesar dos cambios, do ruído e de quedar sen batería tantas veces, a escrita segue sendo o fluído fundamental diso que hai anos deixou de ser “nova tecnoloxía” e “novas formas de comunicación”. A historia di que cada cambio técnico produce alteracións artísticas e esas alteracións son o resultado de fedellar nos sistemas e de provocar un resultado que se arrede do convencional.
Escribir nas redes e ver como len os peixes é un dos obxectivos deste curso, que tamén se propón explicar como dous polgares poden escribir unha novela, aínda que non sexa a gran novela en papel.
– Terá 8 sesións de tres horas cada unha.
– Hai 9 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 8), no Pazo da Cultura de Pontevedra.
– As persoas participantes deben levar teléfono móbil ou tablet.
Calendario
– Días:
Venres 8 e sábado 9; venres 15 e sábado 16; venres 22 e sábado 23; e venres 29 e sábado 30 de outubro de 2021.
– Horarios:
Venres: de 17:00 a 20:00 h.
Sábados: de 10:30 a 13:30 h.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura
Camilo Franco: “A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro”
Entrevista a Camilo Franco desde a Mostra Internacional de Teatro de Cangas:
“Unha conversa con Camilo Franco está chea de retranca e da sabedoría que dan tantos anos de oficio. A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral, Camilo Franco, en recoñecemento ao seu importante labor como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral. Con el falamos antes de recibir o galardón e isto foi o que nos contou:
– Mostra Internacional de Teatro de Cangas (MITCFC): Como recibiu a noticia do Premio Xiria ao Labor Teatral?
– Camilo Franco (CF): Aínda que semelle unha frase tópica, con sorpresa. Sorprendinme porque non é habitual e case nunca sucede que se premie a un crítico.
– MITCFC: Como cualificarías o traballo da Mostra de Teatro de Cangas nestas xa 38 edicións?
– CF: A Mostra, ao igual que o resto dos festivais, están a facer un importante exercicio de resistencia a favor do público porque o teatro é, sen dúbida, o máis importante. Durante unha época, os festivais cumprían o papel de exhibir os espectáculos que non era habituais. Agora, sen embargo, en moitos casos case están obrigados a programar o que é habitual, o que xa tería que estar nunha programación cotiá. Por varias circunstancias, e non só pola pandemia, os festivais teñen que facer este traballo e asumir as carencias que vai deixando a programación cotiá e, ademais, teñen o compromiso de traer as obras máis extraordinarias.
Non debemos esquecer que os festivais e as programacións teatrais non están para defender ás compañías de teatro, aos actores e ás actrices, senón o dereito dos espectadores de ir ao teatro. Parecera que estes eventos só lle interesasen aos profesionais, pero o dereito é dos espectadores. (…)
– MITCFC: Narrador, xornalista e crítico teatral. De que xeito chegou o teatro á túa vida?
– CF: Non o sei moi ben… Eu teño unha vocación moi grande de ser o último mono (risas). Cando cheguei ao xornalismo, vin que a área que estaba máis desatendida era a de Cultura. A crítica teatral era a que máis lle custaba facer a todo o mundo. E ten sentido porque, cando escribes unha critica de teatro, sempre acabas por cruzarte con alguén que fai teatro. Ten un compoñente persoal un pouco menos cómoda, salvo que sexas moi, moi amable, que non é o meu caso. No meu caso tamén houbo un pouco de teimosía ou insistencia. Unha vez que empecei a facer crítica teatral, había que seguir.
– MITCFC: Que aprendizaxes se poden extraer do teatro?
– CF: Uf! Son moitas, pero hai unha fundamental. A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro. O teatro funciona cos mesmos esquemas e as mesmas intencións que funciona a xente xa que está feito por xente. A mellor maneira de aprender algo da vida sen que te manque moito é o teatro. A xente que ves actuar ten motivacións humanas. Son persoas e persoas, sen filtros. O teatro traballa con ferramentas humanas. Non hai posibilidade dixital de cambiar. Non me imaxino nada más cerca que a experiencia teatral. Ademais, se vas suficientes veces ao teatro, aprendes a sintaxe das mentiras e a ver como se minte. Se ves traballar aos actores e actrices, aprendes a distinguir cando o fan ben e mal e, polo tanto, cando te están tangando nunha entrevista de traballo.
Sería moi útil aprender a facer teatro na escola para saber en que está baseado o principio de finxir. Os actores e actrices están obrigados a finxir de moitas maneiras. No teatro apréndese automaticamente, case sen ningún sufrimento, a finxir. Se queres facer xornalismo político e entender a un político na tribuna, vai ao teatro. O que me asombra é que a xente non vaia máis. (…)”
MemOria: o libro póstumo de Arturo Lezcano
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista con Camilo Franco e X. M. Pacho, editores do libro MemOria, de Arturo Lezcano. A entrevista pode verse aquí.”
“Cultura segura, cultura resiliente”
Ourense: Ruco na memoria
II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo
Escena para Todas 2020
Escena para Todas 2020 é unha iniciativa da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación da Coruña, que quere promover o coñecemento e o uso da literatura galega nas aulas do país, poñendo en contacto ao estudantado con contidos que están fóra do currículo escolar e ofrecendo unha referencia de actividades ao profesorado. Co teatro como protagonista, este proxecto da AELG pretende que a rapazada perda o medo ao ir ao teatro e se anime a pasar das aulas aos patios de butacas.
A achega de Escena para todas vén de man do crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco, que explica algunhas das razóns prácticas para ser espectadoras/es activas/os a partir de tres fragmentos da obra Eroski Paraíso, de compañía teatral Chévere, que o alumnado tamén pode ver en liña.
Aquí pode accederse á Unidade Didáctica.