Berta Dávila, coa Illa Decepción, gaña o XIV Premio Repsol de Narrativa Breve

Desde Galaxia:
“A obra Illa Decepción, da escritora Berta Dávila, resultou gañadora da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa a portavoz do xurado, Anna R. Figueiredo. Con este recoñecemento, Dávila, convertese por segunda vez en gañadora deste galardón, do mesmo xeito que o foi na VII edición coa súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Editorial Galaxia).
O acto do ditame tivo lugar na sede da Real Academia Galega na Coruña, e contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro por Editorial Galaxia.
O xurado elixiu Illa Decepción por unanimidade, pero destaca, non só o alto nivel de participación, senón a innegable calidade de moitas das novelas, amais da gran variedade de temas, rexistros e estilos que estas propoñen. Figueiredo transmitiu que o xurado do XIV Premio Narrativa Breve Repsol define Illa Decepción coma “unha novela de auto representación, en que a autora navega polos lugares cotiáns cunha delicadeza estilística posuída de grande elegancia ao tempo que expón ante o lectorado cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”. Entre a realidade de Santiago de Compostela, a sutileza na representación pictórica do confinamento, as viaxes soñadas e a rutina das lavanderías de pago, emerxe o universo ficticio de Beautiful Island como metáfora dun mundo en constante redefinición que bebe da emoción das experiencias pasadas para construír o seu territorio vivencial presente. Estilisticamente, a portavoz do xurado destacou que Illa Decepción “é unha obra escrita con admirable dominio dos recursos expresivos, extraordinario aproveitamento das imaxes, símbolos e referentes, e unha prosa depurada onde nada sobra e todo é substantivo.” Por todas estas razóns o xurado considerou que a novela de Berta Dávila é unha narración que nos revela unha voz poderosa, absolutamente actual.
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol substituíuna para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O xurado da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas:
-Carlos González de Lema.
-Antón Lopo.
Mercedes Queixas Zas.
Armando Requeixo Cuba.
-Anna R. Figueiredo.”

A XXVI edición d’O Escritor na súa Terra, impulsado pola AELG, rende homenaxe en vida a Vítor Vaqueiro

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A XXVI edición d’O Escritor na súa Terra, impulsado pola AELG rende homenaxe en vida a Vítor Vaqueiro este sábado en Santiago de Compostela coa entrega do galardón Letra E de escritor, peza escultórica de Soledad Penalta, e a plantación dunha árbore simbólica e a colocación dun monólito conmemorativo no Parque de Galeras.”

A entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, pode escoitarse aquí.

O Escritor na súa Terra: Vítor Vaqueiro. Santiago de Compostela, 2020

O Escritor na súa Terra: Vítor Vaqueiro. Santiago de Compostela, 2020

Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXVI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Vítor Vaqueiro, que será homenaxeado en Santiago de Compostela.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido polo propio autor) e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA DE ACTOS

SÁBADO 19 DE SETEMBRO

11:30 Parque de Galeras (Santiago)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólico do escritor).

Acto de entrega da “Letra E”
– Lectura da acta de concesión, Anna R. Figueiredo, vicepresidenta da AELG en funcións.
– Intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Xabier Paz: Laudatio.
– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.
– Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Vítor Vaqueiro.
– Intervención do Alcalde de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.

Pode descargarse o programa completo aquí.

Para adaptarse da mellor maneira posíbel á excepcional situación sanitaria que estamos vivindo, os dous actos terán lugar finalmente no mesmo espazo, o Parque de Galeras, correctamente acondicionado para este evento.

Pregamos a aquelas persoas que vaian asistir que nolo comuniquen no correo oficina@aelg.org antes do 18 de setembro, indicando o seu nome, apelidos e teléfono, de acordo coa normativa sanitaria vixente para este tipo de eventos.

Neste 2020, o xantar de confraternidade suspéndese pola situación sanitaria xerada pola Covid-19.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

A AELG prepara un Libro Branco do Escritor e da Escritora

Reportaxe de Montse Dopico en Nós Diario:
““Canto tempo adoita dedicar habitualmente á escrita? Actualmente compaxina o seu traballo como escritor/a con algún outro traballo ou actividade profesional? Ten ou tivo nalgún momento un/unha axente literario/a? Algunha vez tivo que reclamar a sinatura dun contrato á súa editorial? Dos seus ingresos totais no último ano, que porcentaxe procedeu da autoría das súas obras?”. Son algunhas das preguntas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón aos seus 470 socios e socias na enquisa que lles fixo chegar como parte do traballo de campo a partir do que elaborará o primeiro Libro Branco do sector literario galego.
Este estudo, aínda en fase inicial, servirá para que os autores e autoras do país, o “elo máis fráxil” da cadea produtiva e distributiva do libro, teñan unha “voz colectiva” coa que facer valer os seus dereitos, segundo explica o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. “Precisamos saber cal é a situación real na que se atopan os escritores e escritoras para coñecer as carencias e fortalezas do sector”, indica Sánchez, que cita como exemplo o Libro Blanco del Escritor da Asociación Colexial de Escritores de España. Este documento contou co testemuño dalgúns autores e autoras galegos mais, tal como lembra o presidente da AELG, “nós temos un sistema literario autónomo, coas súas propias dinámicas”, cunha lingua non normalizada, polo que dificilmente o retrato que tira vai ser representativo da realidade galega.
Se a ocasión para afrontar este proxecto do Libro Branco parecía propicia ao cumprirse os 40 anos de andaina da AELG, a crise xerada pola pandemia do coronavirus evidenciou máis a situación de precariedade na que se atopan moitos autores e autoras do país, sobre todo os máis novos. “Na miña xeración ser profesor de galego e escritor era algo moi habitual. Agora non o é tanto”, indica Sánchez en declaracións a Nós Diario. Parte dos escritores e escritoras teñen, así, subliña, na escrita e nas actividades que esta xera -como visitas a centros escolares- unha das súas principais fontes de ingresos. E o problema que subxace, precisamente, é a falta de profesionalización.

Reivindicar a profesionalización
O estudo realizado pola Asociación Colexial de Escritores de España, que recolle datos de 2018, revelou que só 16% dos asociados vivía da escrita, mentres que 77% ingresaba menos de 1.000 euros ao ano en concepto de dereitos de autoría. “Somos profesionais, aínda que non vivamos da escrita”, salienta Cesáreo Sánchez. Cómpre, ao respecto -sinala- unha mudanza de mentalidade que supoña un recoñecemento da “dignidade e respecto” para o traballo do escritor e da escritora, pois non parece xusto que sexa “o único profesional que non cobra” nun evento cultural, por exemplo.
Segundo o Consello da Cultura Galega, o confinamento derivado da actual pandemia afectou moito ao emprego cultural, que descendeu nun 5,5%, é dicir, 2,3 puntos porcentuais máis que o conxunto do mercado laboral no mes de marzo. Aínda que a do libro non parece en termos relativos ser unha das ramas de actividade máis afectadas, tampouco se reflectiría seguramente nos datos, no caso dos autores e autoras. “Os datos terémolos cando os nosos socios e socias respondan a enquisa”, indica Sánchez. O cal podería servir, tamén, para desterrar tópicos sobre o perfil das persoas dedicadas á escrita na Galiza. A AELG agarda publicar os resultados para antes da fin deste ano. O cuestionario que os autores e autoras están a responder neste momento será complementado, ademais, con entrevistas máis personalizadas para afinar a diagnose da situación.

“Voz colectiva”
Contar cunha “voz colectiva” e unha proposta de actuación fundamentada en datos é especialmente relevante ademais, segundo Sánchez, nun contexto coma o galego, pois “temos as institucións que temos”. Non é, por exemplo, o caso catalán, remarca, no que as asociacións do sector contan con servizos xurídicos para apoiar os seus asociados e ademais existe a Institució de les Lletres Catalanes, entidade autónoma do Departamento de Cultura da Generalitat dedicada a velar pola literatura e o fomento da lectura, con funcións non só consultivas.
Ao respecto, Sánchez amosa a preocupación da AELG pola orientación tomada polo Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da Covid-19 presentado pola Xunta, xa que, ademais de non contemplar axudas específicas para os autores a autoras, “expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra” ao propoñer axudas a proxectos “cunha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua”, desprotexendo na práctica a creación en galego. “Non podemos caer” -afirma Sánchez- “nun empobrecemento da cultura galega”, de maneira que o Xacobeo -pois o Plan de reactivación ten un enfoque máis turístico que cultural- acabe sendo “como o decreto de plurilingüismo no ensino”.”

Dez voces para Luz Pozo Garza

Desde o Consello da Cultura Galega:
“A prestixiosa publicación Asymptote -unha das principais revistas literarias online mundiais que conta xa con traballos de 121 países e 103 idiomas nos ámbitos da poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas a persoas da creación literaria e tradución- faise eco da poesía galega contemporánea. Así, vén de publicar unha escolma de poemas de 8 poetas galegos coas súas traducións verquidas ao inglés. Podes ler os versos de Manuel Rivas, Chus Pato, Gonzalo Hermo, Eva Veiga, Luz Pozo, Alba Cid, Lara Dopazo e Ismael Ramos e as súas versións inglesas realizadas por Jacob Rogers, Jonathan Dunne, Lorna Shaughnessy, Kathleen March, Laura Cesarco Eglin, Erin Moure, Neil Anderson, Harriet Cook e Patrick Loughnane. Moitos deles podes mesmo escoitalos nas súas propias voces. Non é o caso de Luz Pozo Garza, a quen a morte veu visitar antes da publicación desta revista. Mais non quixemos deixala sen voz. Nove voces amigas len a súa escolma poética en galego e a tradutora fai o propio coas traducións ao inglés publicadas na revista. Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Eva Veiga, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March conforman estes dez raios de Luz para unha memoria solar. Ao fío da saída de Asymptote e con este especial, o Consello da Cultura Galega quere homenaxear a Luz Pozo Garza, unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos. Os seus versos servirán para alumear este verán de nubes e claros.”
Pode accederse aquí.

Iniciados os traballos do monólito da Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2020

No obradoiro de Cantería Torres, con Gumersindo Porca Deive, proseguen os traballos de elaboración do monólito da Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E, dedicada neste 2020 a Vítor Vaqueiro, nun acto que terá lugar o 19 de setembro en Santiago de Compostela.

“Despotismo do século XXI”, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Terra e tempo:
“Nestes días, a raíz dos debates que se están a producir no ámbito cultural, dei en repasar o tempo que me tocou vivir. Nese repaso, recalo nos anos 90, por suposto, naquel tempo colectivo en que a lingua o era todo e ao redor dela iamos construíndo coleccións, publicacións, recitais… Porque tiñamos unha urxencia e unha prioridade, a normalización do feito literario galego, algo que xa comezara con quen denominanos promoción dos 80.
Desde a distancia de hoxe, podemos ver que as autoras e autores nacidos nas décadas de 50 e 60, plenamente creativos no final do século XX, abrimos as portas a unha nova realidade cultural en que a creación en galego fose plenamente visíbel. E isto é así non só no ámbito literario, éo tamén no musical, no do deseño, no do teatro…
Aínda máis. Son xustamente estas xeracións nacidas a mediados do XX as que crearon as entidades que loitan e traballan pola nosa cultura, as que buscan canles e espazos, as que promoven e visibilizan as creadoras e creadores galegos.
E a pesar de todo isto, un cuarto de século máis tarde, permanecemos invisíbeis. E escollo conscientemente este termo para traer aquí a referencia á entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, en Nós diario. Unha entrevista que non é unha reportaxe máis, senón a voz das escritoras e os escritores galegos, o lugar en que se recolleron a diagnose e as reivindicacións que a AELG fixo neste período.
E afirmo, como integrante que son do seu consello directivo, que está a ser un período moi difícil. Difícil porque se multiplican as reunións virtuais de diferente tipo, porque a información se cruza e non sempre é doada de seguir, porque mentres resolvemos unha parte da oferta cultural galega, estamos afogados economicamente polas demoras na percepción de convenios e subvencións fiscalizadísimas, porque a parede á que nos diriximos é xustamente iso, un muro que dedica os seus esforzos a ser cada día menos franqueábel.
E rematamos por ser vítimas dos danos colaterais desta pandemia.Vítimas porque non é que sigamos a ser invisíbeis, é que procuran directamente borrarnos ao tempo que nos utilizan.
Vénme á cabeza agora as palabras do presidente da Xunta nunha desas sesións do mediodía que realiza en vivo e en directo. Dixo que tiña un plan de cultura consensuado con todos os sectores.
Case me caen os pratos que estaba a fregar. Pola sorpresa. Sorpresa polo que dicía. Sorpresa porque sabía que a AELG non fora consultada. Foron décimas de segundo. Dúas frases despois dixo que lle ían presentar o plan a todas as entidades nunha próxima reunión. E tan campante. Digo, digo; digo Diego. Que foi esa manobra? Alienación. Imposición. Democracia aparente.
Despotismo do século XXI, Nada para o pobo e sen o pobo.
E así, fan pasar por consensuado un plan cultural que non ten o seu fulcro na cultura galega. Unha plan cultural posto ao servizo dos “eixes de traballo estratéxico da Consellería de Cultura e Turismo”.
Mais, se non me engano, ese traballo estratéxico é incrementar o turismo e facelo a través do Xacobeo. A modernización e o envoltorio da vella táctica colonialista de vender o país a anacos en lugar de potenciar a súa riqueza.
Esaxero?
Xulguen. Na páxina 10 do documento “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” recóllense as oportunidades para a recuperación do sector cultural e turístico (o sintagma é sempre esta coordinación copulativa), son tres: o modelo turístico galego, o camiño de Santiago e o Xacobeo 21. A santísima trindade, tres oportunidades para un único obxectivo verdadeiro: o turismo.
A estratexia é converter cultura e turismo en sinónimos. Repetirano cantas veces sexa necesario, até que a sinonimia aniñe nas nosas cabezas e acabemos aceptando a desaparición da cultura, polo menos da cultura galega. E polo camiño crear un repositorio dun mínimo de 150 eventos culturais (un millón e medio de orzamento para proxectos que poden acadar os 10.000€) dos que a Consellaría se apropia impoñendo a cesión dos dereitos patrimoniais da propiedade intelectual. Madía leva, xusto unha das lacras contra as que temos loitado, tamén desde a entidade que a todas as persoas escritoras nos representa, a AELG.
Todo para a cultura (e turismo) e sen a cultura.
E todo isto filtrado por unha troika (tres persoas expertas) designada dixitalmente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Escribo. Utilizo a escrita para razoar e entender. E o único que saco en claro é a frustración de ver metendo as mans na nosa cultura aos mesmos que a negan e renuncian ao idioma que a pariu. Así que me vai nacendo nas entrañas a sensación de que esta é “a cidade da cultura” desta fin de década, a nova hipoteca que pagaremos cunha nova desfeita da nosa cultura. Outra herdanza envelenada.Tácticas do novo despotismo do século XXI.
Non esquezamos. A memoria é unha arma poderosa, necesaria cando nos convidan a exercer o noso dereito nas urnas. E as urnas tamén son nosas, tamén son a nosa ferramenta para pular pola cultura que queremos, galega e feita desde Galiza.”

Cesáreo Sánchez: “O escritor como tal é invisíbel”

Entrevista de Irene Pin a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Diario:
“Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante a complexa situación que atravesa o sector cultural galego, conversamos con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Nós Diario (ND): A homenaxe das Letras Galegas 2020 chega inevitabelmente marcada pola actual conxuntura de crise sanitaria. Dentro dela, a pasada semana vía a luz o Plan de reactivación da cultura e o turismo da Xunta. Cal é a valoración da AELG das medidas propostas?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Son medidas que reordenan e redistribúen recursos que xa existían, sumando algo ao xa comprometido. Un sector como a cultura, que representa 2% do Produto Interior Bruto da Galiza, precisa outra estrutura e outro volume de apoio, cuantitativa e cualitativamente, que determinen a boa saúde da literatura e da cultura no seu conxunto cara a unha normalidade. O Xacobeo, que se presenta como única alternativa para o país, non só non soluciona os problemas da cultura, senón que a leva a territorios que non son bos para ela. Neste momento a Galiza está a ser considerada e promovida, máis que como un pobo ou unha sociedade cunha cultura milenaria propia, como un camiño de paso, un lugar por onde unha Santa Compaña de peregrinos percorre un parque temático de sendeiros que levan a Compostela. Acontece que os camiños xacobeos están dentro dos camiños históricos do país. As alternativas teñen que pasar por potenciar a cultura propia, para ser creada e vivida desde a Galiza polos galegos e polas que veñan a nos coñecer. Mais non se pode pretender que se faga cultura en función dos que van vir de fóra, como se fósemos só un escaparate. A respecto disto, nós sempre reivindicamos unha Consellaría de Cultura como tal, mais sempre lle poñen un apelido que acaba por devorar o nome. Neste momento ten máis peso o turismo que a propia cultura, cando podía ser algo complementario na asignación de recursos, por exemplo, para a rehabilitación de patrimonio histórico construído, bibliografico e inmaterial.
O escritor como tal pasou de ser un referente en manter o idioma e a identidade a ser considerado só como subministrador de contidos culturais aos distintos sectores con vocación de ser industria. Porén, a nosa profesión é máis ca iso. O escritor é construtor do idioma, responsábel de que acompañe a historia do propio país. Nestes tempos en que participamos en manter a saúde social, creando contidos, tivemos que implicarnos especialmente en explicar que somos profesionais, aínda que non vivamos da nosa escrita. Sempre vai haber escritoras e escritores empregados noutros eidos, pero cada vez máis, por mor da precarización, o peso en moitas delas de actividades en bibliotecas, librarías, escolas… está a ser máis importante. Iso implica que para poder acceder a determinadas prestacións ou proxectos téñense que facer autónomos, mais non hai liñas de axuda específicas á creación literaria.
O sector editorial, non só porque edita a nosa produción, tamén é un lugar natural de traballo para nós, nos distintos oficios da elaboración dun libro. É moi importante que a industria editorial teña forza, tal como aconteceu no pasado, entre a terceira e a cuarta do Estado. Mais hoxe non é así, é un sector que o está a pasar mal e non ten os medios e as dotacións que merece atendendo ao que significa para a construción dunha identidade, da lingua e de acceso á cultura galega de maneira máis profunda e ampla.
– ND: Nese senso, preocúpalles un incremento da precariedade ante a falla de apoio da Administración, que nin sequera menciona as escritoras no Plan de reactivación?
– CS: A situación laboral vai empeorar porque haberá diminución de empregos que, agás nalgúns casos determinados de traballos que non leve por diante a pandemia económica, os escritores van sufrir moito máis. Preocúpanme especialmente as novas xeracións. Eterna a gratitude ás que, aínda que cada vez haxa menos medios e oportunidades, están aí sendo monolingües e construíndo o idioma. Non buscan lugares onde escribir en español para resolver os seus problemas económicos, senón que manteñen unha fidelidade á lingua na creación que debería ter outro tipo de resposta por parte da Administración, que ten as competencias para resolvelo. Nestes días mandamos as nosas propostas a Madrid, ao Ministerio de Cultura e ao de Facenda, para resolver distintos temas pendentes de mudar. Tamén levamos ao Parlamento o caso dos escritores xubilados. Case o 50% dos reformados están en clases pasivas e iso non foi resolto, aínda hoxe hai quen paga multas por cobrar dereitos de autor.
– ND: Dentro das medidas específicas dedicadas da Xunta ao eido editorial, non se atenden todas as demandas presentadas en conxunto coa Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías.
– CS: Hai aumentos na dotación para actividades dentro de bibliotecas ou librarías, na compra de libros… Pero foi aumentar algo que basicamente xa estaba. Hai problemas estruturais que non permiten achegar todo o necesario. Era o momento ideal para parar as obras da Cidade da Cultura e desviar eses recursos á cultura, ademais de repensar o que significa ese lugar. Faltan tamén as necesarias medidas para a cultura de base, sen ela non hai cultura crítica no país. O asociacionismo ten un peso moi importante na promoción da cultura, e do libro en concreto.
Os escritores, como autónomos, poderemos acceder a un “fondo para creadores culturais”, de 1.500.000 euros, mais a realidade é que os escritores como tal somos invisíbeis. Estamos a turrar de todos os carros que sexa preciso, pero á hora da verdade non se nos ve. Iso necesariamente ten que mudar, sen nós o libro galego non existiría. Mais esta ausencia é unha cousa que vén de vello. Na (boa e incumprida) Lei do libro a palabra ‘escritor’ non está como tal, cando debería ter visibilidade propia, pois tena á hora de construír a cultura.
– ND: Achegámonos a unha data fundamental para a visibilización das escritoras galegas como é o 17 de maio. Que significa o recoñecemento de Carvalho?
– CS: Eu agardo, como reclamamos á Academia, que sexa prolongado a 2021 para que estea nas mesmas condicións que tiveron todos os anteriores nomeados, que poida ter unha vida normal dentro do ensino. Carvalho é o noso socio de honra desde a fundación da AELG, hai xa 40 anos. Eu fun presidente da A. C. Alexandre Bóveda, asociación que o rescatou e reivindicou publicamente na Coruña, pois tivemos a fortuna de coñecelo a través de alumnas e ex alumnas súas (na directiva estaba María Pilar García Negro). Soubemos así da súa altura intelectual e da súa dimensión humana, que foi moi importante para min, non só pola súa xenerosidade, senón polo respecto e a comunicación que tiña cos que aínda estabamos aprendendo o oficio de poeta. Ao mesmo tempo, o gran legado de Ricardo Carvalho Calero foi a súa altura ética. Creo que á parte da dimensión lingüística, ás veces esquecemos que foi tamén marxinado polo seu pensamento político. No fondo el defendía que a Galiza tiña que ter forzas políticas propias e a capacidade de construír o seu futuro por si mesma, naquel tempo o piñeirismo sempre lle negou o pan e o sal. Á parte, foi un escritor inmenso como demostra a relectura, por exemplo, da antoloxía feita por Pilar Pallarés, mais tamén un investigador, filólogo… e para min tamén un importante referente humano, ese foi o grande agasallo que me fixo a min e á miña xeración.
– ND: Algunha mensaxe para este Día das Letras confinado?
– CS: Ler a don Ricardo Carvalho Calero, isto axudaranos a cumprir os desexos del porque, como dicía Uxío Novoneyra “sabemos que ti [Galiza] podes ser outra cousa”. Os seus textos concienciarannos de que podemos chegar a ser unha sociedade normal cunha lingua e unha historia e construír o noso futuro con normalidade. Os escritores sempre estaremos aí, especialmente nestes tempos nos que somos construtores de esperanza. E, desde logo, nunca ninguén vai derrotar a esperanza nun escritor galego.”