Obradoiro de creación literaria As Compostelas que hai en min, con Daniel Asorey

O Obradoiro de creación literaria As Compostelas que hai en min, impartido por Daniel Asorey, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

– Exploraremos a cidade como espazo literario e simbólico.
– Fomentaremos a escrita creativa a partir da observación urbana.
– Descubriremos as “cidades ocultas” que se agochan dentro de Santiago (memoria, emoción, lenda, soños, utopía, abandono…).
– Crearemos textos literarios inspirados na cidade.

– Terá 4 sesións de 2 horas e media cada unha.

– Hai un total de 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase mediante o envío dun correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.

– O obradoiro desenvolverase en Zona C. Punto de Información Cultural (Rúa Preguntoiro, nº 1, Praza de Cervantes), en Santiago de Compostela.

Calendario

Martes 18 de novembro, de 16:30 a 19:00 h.
Sábado 22 de novembro, de 11:30 a 14:00 h.
Martes 25 de novembro, de 16:30 a 19:00 h.
Sábado 29 de novembro, de 11:30 a 14:00 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2025 en Santiago de Compostela

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Tivo lugar o 19 e 20 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela. A crónica fotográfica completa (obra de Distrito Xermar) pode verse aquí.

Compostela: Encontro Galeusca 2025

O Encontro Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, conta co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es.

Neste espazo de diálogo póñense en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en aspectos como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.

O programa previsto é o seguinte:

Venres, sexta feira, 19 de setembro de 2025
– Pola tarde. Chegada das persoas participantes a Santiago de Compostela.
– 19:15 h. Recepción na Alcaldía de Santiago, por Goretti Sanmartín.
– 20:30 h. Roteiro por Compostela, principalmente para as delegacións participantes, guiado por Daniel Asorey. O punto de saída será a Praza do Obradoiro.

Sábado, 20 de setembro de 2025
Entrada libre até completar a capacidade do espazo.

Museo do Pobo Galego (Sala de actividades da ala sur do Museo) (Google Maps) Pola mañá. Pode seguirse tamén en directo nesta ligazón.
– 11:05 h. Apertura por representantes das tres asociacións.
– 11:20 h. Relatorio inaugural sobre a traxectoria de Galeusca a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– 11:40 h. Acto aberto de reflexión sobre Galeusca con representantes das tres entidades, moderado por Marta Dacosta.
– 12:45 h. Diálogo sobre Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas, con Rubén Cela, Ania González Castiñeira e Sebastià Portell.

Museo do Pobo Galego. Pola tarde. Pode seguirse tamén en directo nesta ligazón.
– De 16:30 a 17:30 h. Mesa redonda sobre literatura de tradición oral, coordinada por Antonio Reigosa. Con Oihana Arana e Amaia Elizagoien (Euskadi), Joan Borja (Països Catalans), Alba María (Galiza) e Rita Sineiro (Portugal).
– De 17:30 a 17:50 h. Lectura pública das conclusións do Galeusca 2025, por parte das tres asociacións.

Igrexa de San Domingos de Bonaval. Pode seguirse tamén directo nesta ligazón.
– 18:00 h. Lectura da Declaración de Compostela-Bonaval.
– De 18:30 a 20:00 h. Acto de clausura coordinado por Lois Pérez, con improvisación entre regueifeiras (Alba María e Lupe Blanco), bertsolariak (Oihana Arana e Amaia Elizagoien) e glosadors (Miquel Àngel Adrover e Berta Llos). Peche musical con Ugia Pedreira.

Marga Tojo gaña a edición 2024 dos Premios SELIC coa novela negra Sarela

Desde Nós Diario (foto: Concello de Santiago de Compostela):
“Marga Tojo é a gañadora da oitava edición dos Premios SELIC de creación literaria pola súa obra Sarela, novela negra ambientada en Compostela na que se presentan cuestións e inquedanzas da sociedade presente ao tempo que relata feitos da historia local recente.
O xurado considera que a obra Sarela é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. Nesta novela, indicou o xurado, “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo-sexual ou os conflitos laborais, ao tempo que relata feitos da historia local recente”.
Así mesmo, o xurado sinalou o acerto de situar unha novela negra en Compostela, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6.000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto. (…)”

Compostela: “Scripta manent: escritoras da filoloxía”

Compostela: concentración da Cultura Galega contra o xenocidio do pobo palestino, o 31 de marzo

O Comité de Solidaridade coa Causa Árabe (CSCA) convoca a artistas de todas as disciplinas e representantes da cultura galega a unha concentración artística en apoio ao pobo palestino e en denuncia do xenocidio que están a sufrir o vindeiro luns 31 de marzo, ás 20:00 h., na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora con esta actividade coa participación de:
Daniel Asorey
Chus Prol
Cesáreo Sánchez
Eva Teixeiro
Suso de Toro
Marga do Val