A Coruña: Simposio María Victoria Moreno, os 27 e 28 de novembro

Vigo: “Os mundos de Ferrín”, do 20 de setembro ao 18 de outubro

A Coruña: recital de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 23 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque. Máis información aquí: Folletos Poetas Di(n)versos abril 2018.

Cuestionario Proust: Lois Pérez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lois Pérez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O sentido do humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade. Tento non pedir máis do que dou, pero non me conformo con menos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Máis ben desexo que teñan un longo camiño, e saúde e amor. Talvez que conviden a un trago. Ou a dous. E que estean aí cando veña o malo. No bo xa está todo Cristo.
4.– A súa principal eiva?
– Moitas, non podería elixir unha soa. Non quero pecar de vaidoso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Trasnoitar, ler, amar, beber, conversar, escribir, cantar, tocar, contar, xogar co Loisiño, viaxar… Coma no verso de Vian: ver a sombra en cor e os monos do Brasil, que dormen sen soñar… Tanto por facer, contra a escuridade.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A xustiza social e a paz como consecuencia, cousas que os meus ollos non verán. A falta diso, ver o solpor coa Alba e co Lois. Imagine-all-the-people
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer. E non vivir pra contalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xa entrados en gastos… O inmortal de Borges, ou desertor nunha guerra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non estea gobernado por delincuentes, coma o noso. Agora mesmo: en Portugal. Ou no Couto Mixto. Ou na República Independente da Illa de Arousa. Uxía presidenta!
10.– A súa cor favorita?
– O negro de Johnny Cash.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor da derrota, a rosa sen porqué. Ou a lila que agromou da Antártida, no conto aquel de Gianni Rodari. Dead flowers. Ou Cuatro rosas (en tu honor).
12.– O paxaro que prefire?
– O que voa libre, vista larga, voo baixo e preciso. O Freebird de Lynyrd Skynyrd. O paxaro cantor que adoza as súas cordas, o día que me queiras… O raio misterioso aniñará no teu pelo e as lucernas curiosas verán que es o meu consolo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Lucía Berlín, Roberto Bolaño e Borges, Carson McCullers, Dostoievski… Pron, Mirolad Pavic, Knausgard… Mia Couto, Mezz Mezrow. Cunqueiro es dios!
14.– E na poesía?
– Vicente Huidobro, Anne Marie Morris, Roque Dalton. Darío Xohán Cabana.
15.– Un libro?
Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Pero moitos máis.
16.– Un heroe de ficción?
– Arxentino da Rocha Alemparte. Ou o Emmet Ray de Woody Allen.
17.– Unha heroína?
– Catherine, a policía de Happy Valley; Elvira, a d´A Arte de Trobar.
18.– A súa música favorita?
– Bowie, Siniestro, Resentidos, Pappo Napolitano, Etta James, Lavern Baker, Stones, Auserón, Boris Vian, o Loco, Muddy Waters. Calamaro, Edgar Varese, Fluzo.
19.– Na pintura?
– Suzanne Valadon, a nai de Utrillo. Por todo. Maruxa Mallo. Sempre Frida.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus avós, os que morreron e os que viven. Todas as nais e pais coas súas crianzas ao lombo, que a esta hora deambulan pola encrucillada da vergoña, onde choran as estrelas, onde as fronteiras están pechadas, ben preto xa da morte.
21.– O seu nome favorito?
– Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar por non estar calado. Que lle voten aos corruptos, malia o monte queimado, malia que calcinen todo ao seu paso… A mala fe.
23.– O que máis odia?
– A xente que actúa e fala pensando que inventou o caldo; odiar non odio a ninguén (agardo non caer nese erro); procuro cultivar o amor e a compaixón, pero prodúceme certo rexeitamento e mágoa, pola ousadía, certa xente que non ten puta idea e pensa que si a ten. Tento evitalo eu mesmo na medida do posíbel. Non sempre se consegue. Temos días.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera fascista, que castigou ou castiga aos de abaixo, aos que sofren a historia, polo delirio egoísta de catro imbéciles que pensan que vivirán eternamente.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución dos caraveis. O incidente do cabalo no desfile franquista aquel, na Coruña, o que presenciou Lugrís: un cabalo tirou o seu xinete ao chan, un militar. Fíxose o silencio e ergueu Lugrís, berrando: bravo! bravo! E axitaba o pano, diante dos fachas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O dos verdadeiros músicos. Cando toco a guitarra, lembro o que dicían de Lou Reed: nunca se soubo se tiña unha guitarra moi rara que soaba moi ben ou unha guitarra moi boa que soaba moi raro.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Morrer soñando. Ou soñando morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A ledicia blue, indignación e contemplación. Ser tristemente alegre, ou ledamente triste. “Son feliz estando triste”. Malandrómeda. A cabeza non para.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus. Sei que malia todo son bo chaval.
30.– Un lema na súa vida?
– Rock and roll. Nunca atrás. Traballo feito non corre présa (frase do Suso prá resaca).”

“Darío Xohán Cabana, a sabia aprendizaxe dun sosego”, por Baldomero Iglesias, Mero

Artigo de Baldomero Iglesias, Mero sobre Darío Xohán Cabana en Sermos Galiza (o orixinal en papel é de 2015):
“Somos, desde hai xa moito tempo, amigos. Bos amigos, diría eu. Ademais, cómplices de historias que hoxe non veñen a conto. Desde cando viñemos estudar á capital ou desde cando el vendía libros de Castrelos. Ou despois, cando vendía a domicilio e viña á miña escola do Picato, falabamos, soñabamos tanto!
Temos e tivemos moitos amigos comúns. Aínda hoxe, cando nos atopamos, sempre se nos debuxa na cara un sorriso de contento e botámonos en temas agradecidos e sorrisos. Se boto atrás a cabeza, aínda o vexo naquel coche, un “Lada”, caldeirando as nosas rebeldías, ou lembro cando pousaba a cachimba entre os beizos para dar caladas de néboa polas rúas de Lugo adiante. Alumno espelido do “Manuel María e Ferrín: a grande xeración”. Fabulador de historias para nenos e grandes, cómplice tamén do Paco Martín –ascendido á categoría de chairego, por méritos no tempo contraídos- e outros, o Xabier P. DoCampo, o Agustín Fernández Paz, e toda unha memoria delas e deles. Garda municipal en Corcubión onde escribiu por exemplo Patria do Mar, gardián do Auditorio de Lugo, …moito lle queda por facer, non lle fai noxos a nada.
Pero sobre todo é un gran relator, un tradutor enorme e un poeta dos de auga limpa, que son os mellores. Por riba de todo iso, é un amigo, como dixen, deses imprescindibles na xeografía das nosas propias vidas, deses que serve para encontrarte a ti mesmo, cando te atopas perdido. Darío é home enteiro e cabal e eu sempre o vexo acompañado dos seus, da súa muller –aquela mociña de Bueu, a Amelia– e dos fillos, tan estimados. Para min –téñoos así nun lembro– sempre xuntos e aínda que non os vexa todo canto quero, aparecen os catro alá por terras de Romeán gozando da paz da terra e da amizade dos amigos da casa de Rego, onde eu xa ía, sendo pequeno, festexar. Pero Darío, volvendo ao conto, é capaz de arrecadar soños e debullar anceios. Capaz de roer o pó dos camiños e deixar que o seu corazón corra milleiros de soños que un día serán follas de luz, para todos; aclaratorias deste camiñar que, só semella, non chega a ningures. (…)”

A Coruña: Simposio Manuel María, do 22 ao 24 de novembro

Osimposio-manuel-maria-banner Simposio Manuel María terá lugar do 22 ao 24 de novembro no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A actividade está organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

PROGRAMA

MARTES 22 NOVEMBRO
16:00 h. Inauguración.
16:30 – 17:30 h. Conferencia inaugural.
Darío Xohán Cabana | De Muiñeiro de brétemas a Advento: a progresión fulgurante.
17:30 – 19:00 h. Mesa de debate: obra poética.
Moderadora: Mercedes Queixas.
Marta Dacosta | Fixando a emoción.
Manuel López Foxo | A poesía última de Manuel María.
Rosalía Fernández Rial | Travesía até Mar Maior: contexto literario e biográ­fico do primeiro Manuel María.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:30 h. Recital poético.
Entón fechei os ollos cara afora / e abrinos cara adentro.
Marica Campo | Marta Dacosta | Rosalía Fernández Rial.
Xulio López Valcárcel | Cesáreo Sánchez Iglesias.

recitalsimposiomanuelmaria2016

MÉRCORES 23 NOVEMBRO
16:30 – 17:30 h. Conferencia.
Camilo Gómez Torres | Manuel María: biografía e creación.
17:30 – 19:00 h. Mesa de debate: narrativa.
Moderador: Henrique Monteagudo.
Mercedes Queixas | A obra narrativa de Manuel María ou como contar a vida a través do río da escrita.
Carme Fernández-Pérez Sanjulián | Andando a terra ou a construción dun espazo simbólico.
Xosé Ramón Freixeiro Mato | A lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:30 h. Relatorios:
Henrique Rabuñal | A historia inserida no teatro de Manuel María.
Montse Pena | Soñar sen cancelas: Manuel María e a construción dunha educación literaria en galego.
Xurxo Souto | Unha canción marabillosa, galega e panteísta.
XOVES 24 NOVEMBRO
16:30 – 18:00 h. Mesa de debate: poética e política.
Moderadora: Margarita Ledo.
Xosé Estévez | Manuel María e Euskal Herria.
Carlos Quiroga | Um poeta galego no fascínio de Portugal.
Pilar García Negro | A intervención pública de Manuel María: unha revisión.
18:00 – 19:00 h. Relatorios.
Antón Lopo | Nave espacial Xistral.
Xosé Lois García | As paisaxes identitarias na literatura de Manuel María.
Fina Casalderrey | Un muiñeiro de verbas no corazón da escola.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:00 h. Proxección do documental Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo.
20:00 h. Clausura.