Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado.
Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.”

Compostela: Congreso Recoñecemento internacional de Galiza como nación, o 16 de setembro

Compostela: Xornada A Voltas co Baile, o 30 de setembro


No sábado 30 de setembro retomamos a actividade “A voltas co baile” na que procuraremos reflexionar sobre o sentido de comunidade nos espazos e prácticas nas que se desenvolve.
Para isto, contamos co seguinte programa:
– De 10h30 a 11h30. Relatorio. Ao coidado do patrimonio inmaterial. Repensando a música e o baile tradicionais como bens mancomunados. Con Xulia Feixoo.
– De 11h45 a12h45. Relatorio. Arredor do patrimonio cultural inmaterial colectivo. Viaxe a unha declaración BIC. Con Beatriz Busto.
– De 13h a 14h. Mesa redonda. Foliada, ruada, serán… O encontro da comunidade a través do baile. Contaremos con Adrián Méndez pola Foliada da Fonsagrada, Chus Caramés polos Encontros de música tradicional de Carboeiro (Silleda) e Lucinda Barcia e Monserrat Alvariño Barcia polo Serán dos Namorados (Toutón, Mondariz).
De 14h a 20h. FOLIADA. No xardín da ala sur do Museo e co-organizada coa AVV A Xuntanza e o grupo das Festas do Barrio de S. Pedro.
Xornadas de balde.
Inscricións (só precisa para a xornada teórica) en servizosdeac@museodopobo.gal antes do 29 de setembro.

Ponteceso: presentación de Músicos de Brantuas e Niñóns, de Gabriel Varela Pose