Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL

“As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE.  Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o  Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en  Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.” Vía AGE.

Ferrol: presentación das obras de Antón Cortizas Vestida co arco da vella (Edicións Embora) e Sopra neste furadiño

O mércores 17, na Galería Sargadelos de Ferrol ás 20:00, terá lugar a presentación das obras de Antón Cortizas Vestida co arco da vella (Edicións Embora) e Sopra neste furadiño (Edicións Embora), con ilustracións de Spela Trobec e Leandro Lamas, respectivamente.

A próxima semana na Galería Sargadelos de Ferrol

O luns día 14 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a conferencia “O galego na Universidade”, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O martes día 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre “O libro no mundo editorial galego”, na que intervirán Antón Cortizas, (Tambre-Edelvives) e Miguel Toval (Editorial Embora).

O mércores día 16 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a mesa redonda “O galego nos medios de comunicación”, na que intervirán: Germán Castro (Diario de Ferrol), Xan Morales (Club de Prensa), Uxío Fernández Fernández (Ferrol Hoy), Antía Díaz (Voces de Ferrol de Radio Voz) e Raúl Salgado (Localia TV).

O venres día 18 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar un Recital de versos de María Mariño, a cargo de diversos poetas de Ferrolterra.