Obras gañadoras da II Gala do Libro Galego

Vén de rematar a II Gala do Libro Galego, que tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017. Aquí pode verse o vídeo do acto.

A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:

Ensaio

Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. De Mercedes QueixasEditorial Galaxia

O xurado estima que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías.

Tradución

Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de BretañaAnónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora

O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego

Proxecto literario na rede

A Sega. Plataforma de Crítica Literaria

Valórase a aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma.

Literatura infantil e xuvenil

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. De Ledicia CostasEdicións Xerais de Galicia

Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual.

Iniciativa bibliográfica

Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas

O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)

Valórase que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría.

Libro ilustrado

Canta connosco. De Óscar VillánKalandraka Editora

Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño.

Teatro

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada. De Carlos LabrañaEditorial Galaxia

Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de ctualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral.

Xornalismo Cultural

Zig-Zag

Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro.

Narrativa

Todo canto fomos. De Xosé MonteagudoEditorial Galaxia

Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento.

 

Poesía

O cuarto das abellas. De Antía OteroEdicións Xerais de Galicia

Destácase a creación que crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo De Vacas.

A Gala do Libro Galego 2017 foi apoiada polo Concello de Santiago, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e pola Deputación da Coruña.

Coñécense as obras finalistas da XXIII edición do Premio San Clemente

Desde Xerais:
“A novela Non hai outro camiño, do escritor Isaac Xubín, foi elixida entre os finalistas da XXIII edición do Premio literario San Clemente na categoría de lingua galega, canda Daniel Asorey e Xosé Monteagudo, seleccionados polas súa obras Nordeste e Todo canto fomos, respectivamente. (…)”

Os Premios Xerais 2017 fallaranse o sábado 3 de xuño na Illa de San Simón

“Este ano compiten un total de 96 obras.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 26 de maio. Os premios serán fallados o sábado 3 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, está formado por: Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias), Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, está formado por: Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura) Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, está formado por: María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 26 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 3 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”

Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 19

O venres 19 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Presentación de Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais, con Cristina López Villar e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais, con Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Humildar, de Suso de Toro

O xoves 18 de maio, ás 20:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Humildar. Rituais despois de Deus, de Suso de Toro, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Carlos Pajares e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón e debate posterior sobre a lingua galega

O martes 16 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago de Compostela, preśentase Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, publicado por Xerais. Posteriormente haberá un debate sobre “Actualidade e porvir da lingua galega”.

Compostela: sinatura de libros por Héctor Cajaraville

O martes 16 de maio, a partir das 19:30 horas, no Corte Inglés de Santiago de Compostela, e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, Héctor Cajaraville asinará exemplares dos seus libros máis recentes: Once portas, A caixiña dos rancores e Quen dá a quenda?, publicados por Xerais.