Manuel Rivas: “A maquinaria pesada da manipulación está a arrasar co significado das palabras”

Entrevista de Javier H. Rodríguez a Manuel Rivas no Salto Galiza:
“(…) – O Salto Galiza (SG): Linche dicir que non tes inseguridade con este libro, que estás satisfeito e que é algo que non sempre acontece.
– Manuel Rivas (MR): É unha sensación, nada racionalizado. Cando fas unha obra literaria, procuras que sexa unha especie nova. Achegar unha especie de planta nova á biodiversidade cultural. E paréceme que si, teño a vibración de que isto é algo diferente, polo menos ao que eu fixen.
– SG: Ata certo punto, salvaxe. Non engana a contracapa.
– MR: A palabra salvaxe, ás veces, cando se repite moito, queda un pouco domesticada. Non hai que utilizala moito (ri). Aquí salvaxe enténdoo no sentido de que todo está feito con moita liberdade. Tamén hai xente que me comentaba que levaba 90 páxinas é que iso de salvaxe e de novela negra non o atopaba por ningunha parte. Eu voulles dicindo que esperen un pouco. Dentro da novela negra hai varias escolas e a min a que sempre me gustou foi a de Hammett, iso que chaman hardboiled. Penso que lle pasa un pouco diso ao libro: vai endurecendo e a medida que ferve, que sería unha tradución aproximada.
– SG: É unha procura consciente?
– MR: Eu non son moi de planificar. Nin de planificar sobre o libro nin en xeral do que vou facendo. Comentouse algo de se isto era unha triloxía. Eu non teño nin idea de se vai ser triloxía ou que vai ser. O que si é que responde a un proxecto literario que ten que ver moito con xirar arredor desa idea da caza do home polo home. Máis que nada, dunha radioloxía do poder en diferentes épocas. Dese poder depredador que o entrelaza coa dominación e a cobiza. Hai unha guerra interna, un debate interno dentro do libro que penso que tamén é interno dentro de cadaquén e, dende logo, dentro de min cando o escribín. (…)”

Manuel Rivas: “Vivimos a guerra como un espectáculo televisivo”

Desde Faro de Vigo (por Mar Mato):
“A violencia contra a natureza e a muller nutren a estrutura base do último libro de Manuel Rivas, Tras do ceo, que presentou o autor no Club Faro. Ante un atento auditorio, reflexionou sobre como «corremos o perigo de ser banais» á hora de tratar a violencia. Como exemplo, sinalou que «vivimos a guerra como un espectáculo de televisión. Rompeuse o corazón da humanidade».
Presentado por Fran Alonso, director xeral de Xerais; e entrevistado polo xornalista Xan Carballa, recoñeceu que «non son pesimista pero ao escribir esta novela vin como o tánatos ía gañando; o pesimismo fíxome abanear varias veces».
Tras do ceo –explicou Fran Alonso no arranque– «é unha novela arrebatadora, inquietante e emotiva que nos fai pensar (…) Diante nosa temos nela unha das mellores novelas da literatura galega da última década».
Coa máxima de Thomas Hobbes de que o home é un lobo para o home, derivada da locución latina homo homini lupus, describiu que a narración de Rivas nos presenta un grupo de cazadores que vai na procura dun xabarín albino ao que acusan de ser maligno.
Nesa xornada na súa busca e ameazada a súa misión a causa da néboa, dan con dúas mulleres que tiveron un accidente. Nun primeiro momento, deciden axudalas.
A conversa entre os dous grupos acaba derivando nun enfrontamento dialéctico ao redor do ecoloxismo e o machismo para, a partir de aí, virar no cambio de rumbo da caza.
A este respecto, no acto, Rivas fixo fincapé na importancia do poder no seu último traballo literario pero non co foco na modalidade política ou económica senón nos micropoderes que ostentan determinados grupos sociais.
«O tema do xénero no libro atravesa a historia e ubícanos nunha situación de anomalía, nunha especie de guerra non declarada pero real sobre a muller e outros sectores máis vulnerables así como sobre a natureza», indicou o intelectual galeguista. (…)”